- A elección de Paío responde ao seu compromiso constante coa cultura de Lalín e de Deza, tanto no ámbito profesional como no persoal, colaborando sempre de xeito desinteresado coas asociacións e colectivos, e apoiando aos artistas noveis e abríndolle camiños; unha colaboración e un compromiso que continúa a desenvolver tras a súa xubilación profesional, xa que segue brindando o seu respaldo a todo tipo de iniciativas
Damián Paío será o pregoeiro das Festas das Dores 2025. Así o anuncia a concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Blanco, que estes días lle trasladou a proposta en nome do alcalde e do grupo de goberno de pregoar as patronais deste ano, que Paío aceptou de bo grao.
Begoña Blanco explica que “a súa elección responde ao papel activo e ao compromiso constante coa cultura de Lalín e da Comarca, máis alá do seu labor profesional, colaborando sempre de xeito desinteresado coas asociacións e colectivos que llo soliciten, un compromiso que continúa a desenvolver tras a súa xubilación profesional, xa que segue brindando o seu apoio desinteresado e entusiasta a todo tipo de iniciativas que se lle propoñen tanto con colectivos como co Concello”. Así, por citar dous exemplos recentes, o ano pasado foi o artífice das exposicións “De tal payo tal astilla” e “Cousas de Vidal Payo”, mostra sobre a obra do seu pai con motivo do centenario de Vidal Payo.
“Moi bo coñecedor da arte e dos artistas dezaos desde a súa dedicación incansable á vida cultural, ao longo de todos estes anos, tamén axudou e axuda ás novas xeracións de artistas, abríndolle camiño e contribuíndo a dalos a coñecer e a poñelos en valor”, subliña.
Damián Salvador Payo Cangado, máis coñecido como Paío, naceu en Lalín en 1957. Fillo do escultor e canteiro Vidal Payo, estudou Maxisterio en Santiago. Foi cofundador do grupo de títeres Viravolta en 1983 e da Algarabía en 1984. En 1988 traballou como mestre canteiro na casa de oficios da Fundación Semana Verde. Ao ano seguinte, iniciou a súa longa carreira como animador sociocultural no Concello de Lalín, onde exerceu durante 34 anos, ata xubilarse en 2023.
Artista polifacético, é membro fundador e patrono da Fundación Casa-Museo A Solaina de Piloño. Coñecido pola súa boina vermella, chaleco e nariz de pallaso, realizou numerosas exposicións por toda Galicia e foi comisario da Bienal Pintor Laxeiro en varias ocasións. Deseñou o cartel da Feira do Cocido nos anos 1978, 1984 e 1985. A súa primeira pintura foi adquirida por Laxeiro, un xesto que marcou o inicio dunha traxectoria artística recoñecida. Sempre o considerou o seu referente na pintura, igual que ao seu pai na escultura.