Este certame, que se desenvolverá nas dúas xornadas en horario de 12 a 14 e de 18 a 22 horas, constitúe un evento novidoso no marco dos festexos patronais
- A concelleira de Cultura explica que participarán nesta primeira mostra de arte: Ainara Froiz, Inés Benito, Josefina Miranda, Aitana Iglesias, Noa Blanco, Olalla Garra, Bibí, Cynthia Abeledo, Armindo Salgueiro, Carlos Santos, Meijomence e Paío
- Blanco remarca que se trata de darlle visibilidade aos creadores locais, achegando a obra á veciñanza e visitantes en días de máxima afluencia de persoas en Lalín, así como de dinamizar a vila con actividades no eido cultural durante os días festivos
Ainara Froiz, Inés Benito, Josefina Miranda, Aitana Iglesias, Noa Blanco, Olalla Garra, Bibí, Cynthia Abeledo, Armindo Salgueiro, Carlos Santos, Meijomence e Paío son a ducia de artistas, todos de Lalín, que van participar na primeira Feira de Arte das Dores, xa que houbo algúns cambios e novas incorporacións con respecto á listaxe manexada na primeira reunión celebrada en xullo na que se comezou a definir este certame.
Así o concreta a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, tras manter na tarde do pasado mércores unha reunión cos artistas para pechar os últimos preparativos desta mostra artística que constitúe unha das novidades que incorporan os festexos patronais deste ano e que se desenvolverá o sábado 20 e o domingo 21 de setembro na rúa Principal (á altura da Notaría) en horario de 12 a 14 horas e 18 a 22 horas. Os postos situaranse baixo estruturas móbiles de comercio e os artistas estarán a pé de posto para interactuar co público.
Os/as artistas participantes
- Ainara Froiz. Estudante de Belas artes que, dende un enfoque figurativo, explora o uso da cor e da mancha mediante técnicas húmidas e dixitais.
- Inés Benito. Estudante de Belas Artes experimental, enfocada no uso da acuarela e acrílico, que captura a esencia da natureza en todos os seus ámbitos.
- Josefina Miranda. Estudante de Belas Artes. Exploración de diferentes estilos e técnicas artísticas pero con especial interese no figurativo, no debuxo e a pintura. Enfocada na representación da natureza e o corpo humano.
- Aitana Iglesias, Noa Blanco e Olalla Garra son habituais colaboradoras do Concello de Lalín. Formaron parte do proxecto expositivo Habelas Hainas e foron pregoeiras, xunto a Noelia A Ferreira, nas Festas das Dores do 2023.
-
- Olalla Garra traerá unha ilustración con rotuladores e medios dixitais, influenciada polo manga, a moda e a estética infantil. Cada peza conta a súa propia historia e gústalle imaxinala coma un pequeno mundo que cobra vida.
-
- Aitana Iglesias indica que é artista plástica de figuración realista, de estudo, comprometida coa exploración da figura humana, en cuxa obra se transloce unha pulsión erótica con reminiscencias da tradición relixiosa.
-
- Noa Blanco aposta polo formato pictórico con obras cunha linguaxe plástica contemporánea ou traballos sobre soportes menos habituais.
- Bibí e Cynthia Abeledo son pai e filla e compartirán espazo amosando cada un as súas creacións artísticas en diferentes disciplinas. Bibí traballa con materiais escultóricos e Cynthia realiza propostas en metal.
- Armingo Salgueiro é un dos artistas de Lalín xa consolidados, foi cartelista da Feira do Cocido no 1997 e no 2002, e ten participado en numerosas exposicións en grandes centros culturais. Participa asiduamente de EmporcArte e ten exposto no Museo Ramón María Aller con mostras individuais como "A maxia do bodegón", con obras hiperrealistas.
- Carlos Santos é pintor con traxectoria internacional e que leva anos afincado en Lalín. Xa colaborou en diferentes proxectos artísticos na vila, destacando a súa exposición individual Entropía no Museo Ramón María Aller.
- Meijomence, recentemente finado -febreiro 2024-. A súa figura estará presente grazas ao seus fillos que rexentarán un posto coa súa obra para poder achegala ao público.
- Paío, ampla traxectoria como creador e dinamizador cultural, será o pregoeiro das Festas das Dores 2025 en recoñecemento ao seu papel activo e ao compromiso constante coa cultura de Lalín e da Comarca, máis alá do seu labor profesional e da súa xubilación, colaborando sempre de xeito desinteresado coas asociacións que llo soliciten. Entre os seus moitos méritos: autor dos carteis da Feira do Cocido nos anos 1978, 1984 e 1985, creador da Algarabía e membro fundador e patrono da Fundación Casa-Museo A Solaina de Piloño.