- A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, sinala que o feito de ser unha obra de gran escala e en formato escultórico e o de ter formado parte dunha das exposicións do Museo de Pontevedra remarca aínda máis o seu carácter exclusivo
- Blanco agradece publicamente “en nome do pobo de Lalín á familia de Elena Colmeiro a doazón da obra <Madeira> pola deferencia que tivo con este Concello e pola súa contribución ao enriquecemento dos fondos do Museo Municipal”.
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, informa que se vén de aceptar a doazón ao Concello de Lalín da obra escultórica “Madeira” da autoría de Elena Colmeiro, por parte do seu fillo, Jesús Valverde Colmeiro, tal como se vén de aprobar na última xunta de goberno local.
Blanco explica que “se trata dunha obra en madeira policromada de gran escala (4 metros) en formato escultórico realizada por Elena Colmeiro González no período 2010-2012, expediente pouco habitual na súa traxectoria, o que incrementa a súa exclusividade, ao igual que ao ser das pezas que produciu na súa última etapa e de ter formado parte dunha das exposicións do Museo de Pontevedra, así como da XVI Bienal Laxeiro levada a cabo en maio de 2023 co título “Lalín, punto de encontro no camiño”. “A madeira, resistente e estable, foi tratada para asegurar a durabilidade, que está complementada coa intervención cromática, achegando a identidade propia da artista”, sinala.
Jesús Valverde, ata o de agora propietario da obra de arte, expresa que “movido polo interese de contribuír ao patrimonio artístico e cultural da cidade, desexa doar dita obra de arte ao Museo Municipal Ramón Mª Aller de Lalín (Pontevedra) coa intención de que pase a formar parte da súa colección permanente”.
Begoña Blanco indica que “efectivamente a dita obra será exposta de forma permanente ao público nas instalacións do Museo Municipal, formando parte da súa colección estable, ao tempo que agradece publicamente, en nome do pobo de Lalín á familia de Elena Colmeiro a doazón da obra <Madeira> pola deferencia que tivo con este Concello e pola súa contribución ao enriquecemento dos fondos do Museo Municipal”.
Elena Colmeiro González (Silleda 1932-Madrid 2021), filla do Elena Colmeiro, filla do pintor Manuel Colmeiro, formouse na Escola Nacional de Cerámica de Bos Aires e destacou como unha das primeiras escultoras en España en traballar materiais industriais e cerámicos aplicados á escultura informalista.
Desde a súa primeira exposición en Vigo en 1955, desenvolveu unha carreira repleta de recoñecementos —Premio da Bienal de Uruguay (1966), Medalla de ouro en Faenza (1967), e estancia no European Ceramics Work Centre de Holanda (1990–91)— que consolidaron o seu prestixio internacional.
No eido galego, destacou especialmente a exposición retrospectiva Elena Colmeiro. Sen título no Museo de Pontevedra (abril–maio 2014), onde se recuperou a súa gran escultura “Madeira”, peza emblemática da súa produción final, realizada en madeira e policromía. O feito de ser presentada no Museo de Pontevedra reforza a súa relevancia artística e documental.
A súa obra formou parte de coleccións institucionais de prestixio, como o Museo de Pontevedra, o Museo de Belas Artes da Coruña, Afundación, Abanca, o Parlamento de Galicia e museos en Barcelona, Vigo, Ginebra, Estados Unidos, Polonia e Xapón.