Dará comezo ás 18 h. cun desfile das bandas polas principais rúas da vila e ás 19 h. terá lugar o concerto de cada unha das tres bandas participantes na estatua de Loriga
- Os concelleiros Begoña Blanco e José Cuñarro e os membros da organización, José Ramón Vilela e Uxío Silva, presentan este evento musical co que se pon en valor a música tradicional galega e se reforza o carácter cultural dos festexo
O sábado, 20 de setembro, terá lugar, dentro da programación das Festas das Dores 2025, o III Festival de Bandas de Gaitas de Lalín, promovido pola Asociación Cultural Carballo da Manteiga financiado polo Concello de Lalín e coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Dará comezo ás 18 h. cun desfile das agrupacións polas principais rúas da vila e ás 19 h. terá lugar un concerto de cada unha das bandas na estatua de Loriga: Banda de Gaitas Os Castros de Ames; Banda de Gaitas María Soliña de Cangas e Banda de Gaitas Carballo da Manteiga de Lalín, organizadora deste Festival.
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco e o edil de Festas, José Cuñarro, xunto aos membros da organización, José Ramón Vilela e Uxío Silva, presentan este evento festivo musical que por terceira vez amenizará as festas patronais e co que se pretende poñer en valor a música tradicional galega e reforzar o carácter cultural dos festexos.
Begoña Blanco afirma que “desde o Concello volvemos a apostar un ano máis por este tipo de festival que funcionou ben nos dous anos anteriores, onde sempre se fixo un pasarrúas moi vistoso polo pobo, co desfile de todas as bandas, rematando cun concerto na Praza de Loriga”. “Nas festas de Lalín sempre contamos con todos os grupos de música tradicional e, polo tanto, coas bandas de gaitas que son moi vistosas na súa forma de desfilar, de tocar, polos ritmos que elas teñen”, sinala. “Desde O Carballo da Manteiga cada ano póñense en contacto cunhas bandas de gaitas diferentes e fano case como un intercambio entre bandas, xa que logo eles van a outros sitios onde se organizan este tipo de festivais”, explica.
“O Concello financia este festival, igual que as outras actuacións que hai durante todas as festas de Lalín, agardamos que haxa moita xente e que no nos chova; o tempo é moi importante para as festas e esperamos que a xente a veciñanza nos acompaña”, conclúe Blanco.
Pola súa parte, José Luis Vilela indica que “queremos que este festival quede instaurado como unha das actividades que se van facer nas Festas”. “Aproveitamos a facelo nestas datas, dado a afluencia de xente e axudando á programación das propias Festas: a todo artista lle gusta ter público e iso é unha maneira de que reunamos unha maior cantidade de público na rúa”.
“Este ano imos ser tres bandas as participantes, faremos un recorrido similar ao ano anterior, polas principais rúas da vila e ao rematar o desfile faremos un concerto onde interviremos as tres bandas”, concreta.
Uxío Silva ofreceu detalles sobre cada unha das bandas participantes neste III Festival:
- A Banda de Gaitas María Soliña, de Cangas: fundouse no 2015, no 2017 presentouse a Banda de Gaitas e Percusión dirixida inicialmente por Pedro Fariñas e en 2018 fixeron a súa presentación oficial no Auditorio Municipal de Cangas con arredor de 24 músicos. En 2021 a dirección pasou a mans de Marina Fernández Vigo. En 2025 celebraron o 10 aniversario, igual que Carballo de Manteiga (tamén 10 aniversario) cunha Gala especial e coa segunda edición do Concurso de Canto e Percusión María Soliña que contou cunha alta participación de grupos galegos.
- A Banda de Gaitas Os Castros, de Ames: fundouse no ano 1992 e naceu como froito da súa Escola de Gaitas e Percusión. Na actualidade contan con 100 estudantes nas súas aulas de formación e a banda está composta por uns trinta integrantes, entre gaiteiros e percusionistas. Teñen un repertorio de música tradicional galega pero tamén pezas de autor e tamén adaptacións con instrumentos como saxofón ou acordeón. Participou en numerosos festivais en Cariño, Pontedeume, Ames... e tamén a outros lugares de España e fóra como León, Madrid, Portugal e Dinamarca. Na Liga Galega de Bandas de Gaitas da Federación Galega lograron ascender de cuarta á primeira categoría acadando sempre boas posicións. A banda está dirixida desde a súa fundación polo mestre Alfonso Saniiao.
- A Banda de Gaitas Carballo da Manteiga, da asociación que organiza este evento: fundouse en 2015 logo da desaparición da Banda de Gaitas da Deputación de Pontevedra. O nome débese a un dos carballos que había na praza onde se asenta a estatua Joaquín Loriga debaixo do que vendían queixos e manteigas nos días de feira. Esta banda 2017 participou no Festival do Mundo Céltico de Ortigueira, un dos máis importantes da nosa terra. Ao ano seguinte, viaxou a Tapia de Casariego para participar no Festival Intercéltico de Occidente. Tamén no mesmo ano no Festival de Bandas de Gijón. Aínda que ter unha curta idade, xa recibiu diversos galardóns: en xullo de 2021 foron ao Concello de Cea ao Festival Celtibérico e acadaron o primeiro premio da súa modalidade; tamén o premio “Alecrín de ouro” de FEGALCAT no apartado de música tradicional.
Silva precisa que “o Festival consta de dúas partes: primeiro ás seis da tarde o desfile das bandas polas principais rúas da vila, vai ser ás seis da tarde”. “Comezará na Praza da Igrexa, na intersección coa rúa Monte Faro e vai discorrer pola Avenida Luis González Taboada, logo á altura do IES Laxeiro vai torcer polo barrio da Cacharela, a rúa Loriga, rúa Principal ata a Fonte dos Cabalos e desde alí torce a Matemático Rodríguez para acabar na Joaquín Loriga”.
“Diante da estatua vai ser o lugar onde se celebren os concertos ás 7 da tarde: cada banda vai ofrecer un concerto duns 20-25 min. aproximadamente; a idea é acabar sobre as 20.30 que é cando comeza o concerto A Lira de Prado para non solaparnos”, subliña. “Agradecemos a todos os socios da asociación que colaboran ao longo do ano, ao Concello pola colaboración que nos ofrecen por terceiro ano na organización deste festival e tamén á Deputación de Pontevedra polo apoio que nos dan: quedades todos convidados”, conclúe.