- O recinto feiral de Lalín recibe as primeiras atraccións e postos de venda
- As rúas afectadas permanecen pechadas ao tráfico e ao público por razóns de seguridade
O Concello de Lalín informa que os empresarios e feirantes que resultaron adxudicatarios nas licitacións das pasadas semanas comezaron hoxe a ocupar os espazos asignados para a instalación das súas atraccións e postos de venda no marco das Festas da Virxe das Dores 2025, que arrancarán oficialmente este venres.
O recinto habilitado abrangue a totalidade da parcela anexa aos xulgados e diferentes tramos das rúas Caracas, Escaldes Engordany, Havana e Molinera, quedando estas vías pechadas ao tráfico rodado e ao paso peonil mentres duren as celebracións.
A concellaría de Urbanismo, dirixida por Pablo Areán, confirmou que o espazo quedou completamente cuberto tras adxudicarse todas as parcelas ofertadas, con máis de medio cento de atraccións e postos que xa iniciaron a súa montaxe. O Concello completou o estaquillado e marcado das áreas e está a supervisar o asentamento de cada instalación.
De acordo coa normativa vixente, cada empresario deberá presentar unha vez rematada a montaxe o correspondente certificado dun enxeñeiro técnico, que garantirá que a montaxe cumpre cos requisitos de seguridade e calidade necesarios para a súa posta en funcionamento. A Policía Local será a encargada de autorizar a apertura ao público unha vez recibida e verificada esta documentación.
As Festas da Virxe das Dores constituirán un dos principais reclamos festivos do ano en Lalín, cun programa que combina ocio, música, gastronomía e tradición, e que converterá o centro da vila nun grande punto de encontro durante a fin de semana e os días posteriores.
.