- Un espazo moderno, funcional e aberto á veciñanza
- Un referente en deseño, sustentabilidade e cohesión social no municipio
O alcalde de Lalín, acompañado de membros do goberno municipal, visitou o novo edificio polivalente de Carragoso-Trigueiriza tras a súa finalización, nunha visita na que tamén participaron representantes da empresa construtora Taboada y Ramos e os arquitectos Carlos Durán e Luis Fernández, da consultora Arco, responsables do deseño do proxecto
20250817 ficha visita Carragoso.
O rexedor salientou que a obra se executou en tempo récord e cumprindo os prazos, algo pouco habitual en proxectos de carácter público, e cun resultado de grande calidade polo que felicitou expresamente tanto aos técnicos como á empresa construtora.
- ATRACTIVO E APOSTA POLA LUZ NATURAL
O inmoble destaca polo seu deseño contemporáneo, no que a luz natural ten un papel protagonista grazas á súa fachada de policarbonato. Este elemento arquitectónico permite que a sala principal estea bañada por unha iluminación uniforme, convertendo o edificio nun espazo acolledor e versátil. O rexedor recalcou que “é un edificio pensado para a vida comunitaria, atractivo pola súa estética e cómodo polo seu deseño funcional”.
O centro polivalente de Carragoso-Trigueiriza tamén marca un punto de inflexión na aposta de Lalín pola sustentabilidade. A instalación incorpora paneis fotovoltaicos con sistema de baterías e un sistema de climatización por xeotermia, o que garante un consumo eficiente e unha pegada de carbono mínima. O uso de materiais reciclables reforza ademais o seu carácter sustentable, situando o proxecto dentro dos máis altos estándares de eficiencia enerxética.
Segundo destacou o alcalde, “este centro é un exemplo de edificio do futuro, no que se integran o deseño atractivo, a funcionalidade e o compromiso co medio ambiente. Carragoso e Trigueiriza gañan así un punto de encontro moderno e accesible, preparado para as necesidades da cidadanía durante todo o ano”.
O edificio, con 354 metros cadrados construídos (288 m² de superficie interior e 66 m² de porche), foi deseñado para dar resposta a diferentes usos. Dispón dunha sala multiusos de 160 m² con escenario de 23 m², unha cociña de 20 m², baños, dous almacéns, un vestíbulo e un cuarto de instalacións. Estas dotacións permitirán que funcione como local social da veciñanza de Carragoso-Trigueiriza, pero tamén como un punto de encontro para actividades culturais e sociais abertas a todo o municipio. O alcalde subliñou que este equipamento “vai contribuír a dinamizar esta área de Lalín e servirá de espazo de cohesión, convivencia e participación cidadá”.
Na súa intervención, o rexedor insistiu en que o éxito desta obra reside tanto na súa execución como no que simboliza: “Estamos a pechar unha débeda histórica coa veciñanza de Carragoso e Trigueiriza. Hoxe podemos dicir que dispoñemos dun equipamento útil, eficiente e preparado para todo tipo de actividades, un espazo que dará vida ao barrio e tamén ao conxunto de Lalín”.
Tamén sinalou a importancia do cumprimento estrito dos prazos, un feito pouco frecuente en proxectos públicos: “Hai moi poucos casos nos que se cumpren os prazos máis optimistas dunha obra pública. Neste caso non só se cumpriron, senón que mesmo se anticiparon. Iso merece un recoñecemento expreso a Taboada y Ramos e a Arco Consultora”.
O rexedor indicou que coa execución desta obra cúmprese “o compromiso cos veciños de Carragoso-Trigueiriza xa moito antes de que acabe o mandato” e dótase dunha infraestrutura “modélica” nunha área que en apenas dous anos “cambiou radicalmente cunha humanización que permite convivir un área residencial, cunha zona de servizos e unha área de esparcemento”.
O alcalde lamentou, con todo, o atraso na conexión eléctrica por parte da compañía subministradora, que impide inaugurar de inmediato a instalación: “Hoxe mesmo poderiamos estar inaugurando este edificio cos veciños, pero unha vez máis quen non cumpre é Fenosa, que tardará aínda semanas en activar o servizo. É unha mágoa, pero en breve esta infraestrutura estará plenamente operativa”.
O proxecto supuxo un investimento total de 819.347 euros, financiado maioritariamente pola Deputación de Pontevedra, que achegou 560.000 euros a través do programa PON 2030, e pola Xunta de Galicia, que contribuíu con 259.478 euros. O Concello de Lalín puxo en valor a colaboración destas administracións, que fixeron posible a construción dun equipamento chamado a converterse nun motor de cohesión social e dinamización cultural para todo o municipio.