Lalín acolle unha nova edición da Bienal Pintor Laxeiro, que se inaugurará o venres 3 de outubro ás 20 h no Museo Municipal Ramón María Aller. Baixo o título “Paisaxes e Sombras”, esta XVII edición busca dar un novo impulso a unha das citas culturais máis emblemáticas do municipio desde a súa creación en 1993.
O alcalde, José Crespo Iglesias, destacou que a Bienal foi a acción cultural máis importante do seu primeiro quinquenio como rexedor, nacida con moita ilusión e coa presenza viva de Laxeiro. “Con esta edición queremos darlle un revulsivo, e por iso lle pedín ao bo amigo Manuel Quintana Martelo, referente das artes plásticas en Galicia, que asumise o comisariado. Faino por amizade e porque valora Lalín, algo que lle agradeceremos sempre”, sinalou.
Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, explicou que o concepto da mostra naceu dun diálogo co director do MARCO de Vigo, Miguel Fernández-Cid, arredor da subxectividade da paisaxe e o seu vínculo coa sombra. A exposición reúne doce artistas cunha afinidade estética e conceptual, que ofrecen miradas persoais partindo dun mesmo fío temático.
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, definiu a Bienal como “un proxecto de gran nivel” e agradeceu a implicación de Quintana Martelo. Pola súa banda, a técnica de Cultura, Lucía Espiño, presentou o programa de actividades paralelas, que inclúe visitas guiadas os sábados sen necesidade de reserva previa, visitas adaptadas a grupos (escolares, profesionais e afeccionados, estas con reserva) e sete obradoiros específicos.
A Bienal Pintor Laxeiro é unha das poucas que se celebran en Galicia e representa un motor cultural que dinamiza Lalín e proxecta a súa identidade máis alá da comarca. Toda a cidadanía está convidada a participar nesta edición, chamada a ser un encontro coa arte, a memoria e a creación contemporánea.