- Baixo o lema “Non perdas este bus, doa sangue”, a Concellería de Sanidade e Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) animan á veciñanza a participar porque cun xesto altruísta pódense chegar a salvar vidas
- A unidade móbil instalada na Praza da Igrexa estará operativa o venres 3 de outubro en horario de 10.30 a 14 e de 17 a 21 h e o sábado 4 de outubro de 10.30 a 14.30 h
Lalín acolle unha nova campaña de doazón de sangue baixo o lema “Non perdas este bus, doa snague” o días: venres 3 de outubro en horario de 10.30 a 14 e de 17 a 21 h e o sábado 5 de outubro de 10.30 a 14.30 h. A unidade móbil estará instalada nesta ocasión na Praza da Igrexa.
Desde o Concello de Lalín, a través da concelleira de Sanidade Noelia Seijas, e tamén desde ADOS animan á participación da veciñanza nestas campañas solidarias, contribuíndo a salvar vidas con este xesto altruísta. Deste xeito, coa suma de esforzos, trátase de acadar as doazóns de sangue que precisan os hospitais galegos para atender aos doentes (cada día son necesarias máis de 400 doazóns).
Cómpre lembrar que para doar sangue deberase pesar máis de 50 quilos e ter entre 18 e 65 anos (a partir de 65 anos co permiso do médico). Non se pode ir sen almorzar e despois de xantar ao mediodía cómpre esperar 2 horas. Tamén é importante unha boa hidratación antes de acudir a doar (auga ou refrescos). Deberase levar o DNI ou documento similar de identificación. Así mesmo non se deberá facer unha comida copiosa antes de doar. No caso de que se estea a tomar algún medicamento acompañarase informe médico.
Para máis información deberase chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828.