Desenvolverase o sábado, 11 de outubro, no Lalín Arena de 10 a 14 e de 16 a 20 horas
- Está aberta a inscrición que se pode realizar no CIM de xeito presencial ou telefónica
O Centro de Información á Muller (CIM), dependente da Concellería a cargo de Carmen Canda Larroy, coordina un curso de defensa persoal feminina, a través da Dirección Xeral da Loita contra a violencia de xénero, no marco de colaboración asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias para a conformación dunha Rede de Entidades locais contra a violencia de xénero, na que está incluída o Concello de Lalín.
O curso vaise levar a cabo o sábado 11 de outubro nas dependencias do Lalín Arena, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 h. A inscrición é a través do CIM, de xeito presencial ou telefónica (986787060).
Está impartido por monitores/as especialistas en defensa persoal e consiste nun obradoiro de adestramento físico e psíquico para dotar as mulleres de ferramentas suficientes para sentirse seguras nunha situación de risco en todos os ámbitos da súa vida. O curso consta de parte teórica e práctica, que se darán en conxunto de xeito que a formación sexa dinámica. Trataranse conceptos psicolóxicos, tanto da vítima como do agresor, así como aspectos do código penal. Cómpre unha condición física normal e está dirixido a mulleres adultas.