O alcalde de Lalín, acompañado polo concelleiro de Obras, José Cuñarro, recibiu hoxe o novo camión con cesta elevadora recentemente adquirido polo Concello. A compra deste vehículo realizouse con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia e supuxo un investimento de 85.000 euros.
Esta nova incorporación permitirá reforzar os traballos de mantemento e mellora na vila, facilitando tarefas como a limpeza de canalóns en edificios públicos, reparacións eléctricas e outras intervencións de obra. Ademais, o camión con cesta elevadora tamén estará dispoñible para actuar en tarefas de emerxencia se así fose preciso, aumentando así a capacidade de resposta dos servizos municipais.
O goberno local destaca que esta inversión responde ao compromiso de dotar ao municipio cos mellores medios técnicos, garantindo unha mellor atención aos espazos e edificios públicos, ao tempo que se mellora a seguridade do persoal municipal e da veciñanza.