- Para a súa inscrición deberán recoller a solicitude na recepción do Concello de Lalín e rexistrala no Rexistro Xeral
- Serán 12 sesións os xoves dende o 23 de outubro de 10:30 a 12:00 ata o 22 de xaneiro que se impartirán no Salón de Actos da Biblioteca Municipal de Lalín
- As prazas están limitadas a 12 persoas inscritas
O próximo luns día 13 de outubro o Concello abre o prazo de inscrición para un novo grupo para o taller gratuíto de benestar emocional, impartido por ATEGAL en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e Afundación, que se desenvolverá baixo a temática “Coñecendo as emocións”. Os talleres desenvolveranse os xoves dende o 23 de outubro ao 22 de xaneiro en horario de 10:30 a 12:00 no Salón de Actos da Biblioteca Municipal de Lalín. A programación prevista dos talleres do novo grupo é:
- Sesión 1: “Entendo o que me pasa”, na que se pretende favorecer a reflexión sobre a importancia das emocións no día a día, coñecemento sobre as mesmas e a consciencia sobre o propio estado emocional.
- Sesión 2: “De onde veñen as emocións”, na que se tratará de entender a relación entre as emocións, o ambiente e os comportamentos ou reaccións.
- Sesión 3: “Enténdome, logo existo”, procurando comprender as emocións que experimentamos, o seu significado e como soemos reaccionar ante determinadas situacións ou estímulos.
- Sesión 4: “Os/as demais tamén se emocionan”, onde se aprenderán a entender os puntos de vista das demais persoas, comprender as súas emocións e os seus motivos, así como as súas reaccións.
- Sesión 5: “Dicir ou non dicir, he aí a cuestión”, baseada en aprender as habilidades para expresar correctamente os nosos sentimentos e as necesidades asociadas aos mesmos.
- Sesión 6: “Re(aprendendo que é xerundio”, que terá como finalidade de adquirir novas estratexias adaptativas para regular as nosa emocións en función de cada persoa.
- Sesión 7: “Unha de emocións positivas... Marchando!”, onde se tocarán temas relacionados coas diferentes formas de mellorar o noso estado emocional no día a día, ademais de fomentar a consciencia sobre a cantidade de emocións positivas que experimentamos de maneira diaria.
- Sesión 8: “Menos é máis”, na que se pretenderá proporcionar estratexias e ferramentas para axudar ás persoas a regular as súas emocións cando estas con negativas ou desagradables.
- Sesión 9: “Desrizando o rizo”, unha extensión da anterior, onde tamén se pretende proporcionar estratexias e ferramentas para axudar as emocións complexas.
- Sesión 10: “Con máis ferramentas na miña mochila”, onde se tratarán algunhas cualidades das persoas que poidan axudar a aumentar o benestar, como o optimismo e a resiliencia.
- Sesión 11: “Ferramentas que nos manteñen unidos/as”, onde se tratarán outras cualidades como é o sentido do humor, a asertividade e a empatía.
- Sesión 12: “Porque eu o valgo”, sendo a última do programa, onde se recordará o valor de cada un como persoa e a importancia dos proxectos vitais.
O límite de prazas para o novo grupo está establecido en 12 en total. Cómpre indicar que estas actividades son unicamente para as persoas que participan xa nalgunha das actividades de ATEGAL (estimulación cognitiva, historia da arte, inglés, pintura, acuarela ou informática), a non ser que non se cubran as prazas establecidas que se abriría a todas as persoas.
Cabe mencionar que este taller xa tivo lugar o ano pasado baixo a mesma temática e dende febreiro ao maio deste ano as persoas que participaron puideron gozar dunha continuación do taller denominado “Benestar e Autocoidado” de forma gratuíta, ofrecidos por ATEGAL en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade e Afundación, en horario de 10:30 a 11:30 no Salón de Actos da Biblioteca Municipal.