- Está baseado en sesións dinámicas e participativas, fomentando a risoterapia e a estimulación cognitiva das persoas participantes.
- Con esta iniciativa crearase un espazo onde os/as usuarios/as do programa Lalín Activa fortalezan lazos sociais e melloren a súa calidade de vida a través da risa e o pensamento positivo
A concelleira de Envellecemento Activo, Carmen Canda, informa do comezo do obradoiro de risoterapia e estimulación cognitiva “Risas e recordos. Sempre Activos”, unha actividade de risoterapia destinada a mellorar a saúde mental e o benestar emocional da veciñanza. O programa terapéutico, conducido pola psicóloga Mónica Novas Dios, integra dinámicas grupais, exercicios corporais, técnicas de relaxación e actividades específicas para estimular a memoria, co obxectivo de favorecer unha actitude positiva e manter unha boa saúde cognitiva.
Estas sesións desenvolveranse nas parroquias de Donramiro (mércores 22 outubro, 10:30 h), Goiás (mércores 22 outubro, 16:00 h), A Xesta (xoves 23 outubro, 10:30 h), Botos (xoves 23 outubro, 16:00 h), Gresande (venres 24 outubro, 10:30 h) e Prado (venres 24 outubro, 16:00 h).
Durante a actividade, destacarase como a risa, ademais de aliviar o estrés e fortalecer as relacións sociais, favorece a circulación sanguínea no cerebro, mellora a consolidación de lembranzas e contribúe ao mantemento das funcións cognitivas, facilitando tamén a atención, a motivación e a aprendizaxe. O Concello de Lalín, co apoio da Xunta de Galicia, aposta así por iniciativas innovadoras e integradoras, abertas á participación de toda a comunidade.
O programa está financiado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, tras o sinatura do convenio de colaboración entre a dita Consellería e o Concello de Lalín para o financiamento do programa de Respiro Familiar “Lalín Activa” para o exercicio 2025.
Ao Concello de Lalín, tras a sinatura do convenio coa Consellería de Política Social e Igualdade, concedésenlle 75.000 € e cunha achega municipal a maiores de 9.000 € para o financiamento do programa “Lalín Activa” para este ano 2025 na que se incorporan actividades como “Lalín Activa no Rural”, a “Idade de Ouro en Movemento” e as actividades de “Musicoterapia”, pintura ao óleo, acuarela, historia da arte, informática (iniciación e avanzado), estimulación cognitiva e inglés (iniciación e avanzado).