-
Onte tivo lugar a presentación na que interviron a concelleira Karen Fernández, a tenente alcalde Paz Pérez, o director artístico Luchi Iglesias, e a gañadora do primeiro premio do concurso de “Escaparates máxicos” do ano pasado, María Pájaro
-
Anímase á veciñanza a participar cedendo bonecas para o escaparate “As bonecas da túa infancia”, un espazo cheo de emoción e lembranzas do Nadal. As persoas interesadas poden entregar as bonecas na recepción do Concello ata o 14 de novembro, cubrindo un sinxelo formulario
-
Os Escaparates máxicos inauguraranse o 28 de novembro e as Aldeas de Nadal o 5 de decembro
-
As Aldeas de Nadal de Lalín están xa á altura, en termos de recoñecemento e afluencia, de calquera gran celebración do Nadal en Galicia. O ano pasado rexistráronse na tempada das Aldeas de Nadal máis de 24.000 rotacións no parking e vendéronse preto de 10.000 billetes de tren, ademais dos 2.000 de balde para escolares e usuarios de residencia, tendo en conta que o tren funciona de xoves a domingo e durante o mes de decembro
O Concello de Lalín presentou un dos piares centrais das Aldeas de Nadal 2025-2026, os “Escaparates Máxicos”, unha iniciativa que se iniciou o pasado ano, destinada a dinamizar o comercio e a hostalaría local durante a campaña de Nadal, combinando creatividade, emoción e impulso económico.
O acto contou coa participación da concelleira de Aldeas de Nadal, Karen Fernández; da tenente de alcalde, Paz Pérez; do director artístico do proxecto, Luis Iglesias “Luchi” e da gañadora do certame do pasado ano, María Pájaro, que puxeron en valor a forza colectiva dun proxecto que converte o Nadal lalinense nun referente en Galicia.
Durante a presentación, Karen Fernández explicou que esta nova edición das Aldeas de Nadal “volve cunha forza renovada e coa intención de tocar a fibra sensible da veciñanza e das persoas que nos visitan”.
A iniciativa “Escaparates máxicos” incluirá nesta edición tres espazos temáticos que encherán de luz e cor as rúas de Lalín:
-
“As bonecas da túa infancia”, un escaparate que fai un chamamento ás familias e veciñanza para que cedan bonecas antigas en préstamo, creando un espazo de emoción e nostalxia. As bonecas poderán cederse desde xa e ata o 14 de novembro e faise fincapé en que esta cesión só será efectiva durante o tempo que duren as Aldeas de Nadal. Poden entregarse en recepción do Concello cubrindo un sinxelo formulario. Este escaparate máxico situarase no baixo cedido para a ocasión pola familia Brandido, entre a rúa Pintor Laxeiro e a Avenida de Bos Aires. Será un atractivo singular para as Aldeas de Nadal, pois tocará o lado emocional da visita e, moi especialmente, da nosa veciñanza. Poderán visualizar con maxia e nostalxia esas bonecas tan queridas e que agochaban tanta ilusión nas mañás de Nadal ou de Reis.
-
“Miniaturas”, da artista Teresa Arca Canda, con representacións en miniatura de estampas rurais e tradicións galegas.
-
“O bosque nevado”, unha paisaxe invernal sostible elaborada con vexetación reutilizada e iluminación creativa.
Ademais, a Praza de Abastos acollerá a “Fachada Máxica da Hostalaría”, unha intervención artística de madeira e luz que servirá de reclamo visual e punto de encontro para veciños e visitantes.
Certames e formación para o comercio e a hostalaría
O director artístico Luchi Iglesias destacou que o proxecto se estrutura arredor de tres grandes eixos: Escaparates e Fachadas Máxicas, certames para o comercio e a hostalaría, e asesoramento en escaparatismo e decoración sostible.
“As Aldeas son un motor económico e un orgullo colectivo”
A tenente de alcalde, Paz Pérez, destacou o valor económico e simbólico do proxecto:
“As Aldeas de Nadal non son só unha decoración, senón un auténtico motor económico para Lalín. O ano pasado rexistráronse máis de 24.000 rotacións no parking, vendéronse preto de 10.000 billetes do Tren Máxico e milleiros de visitantes chegaron desde toda Galicia e mesmo de fóra”.
Pérez subliñou que o Nadal de Lalín “xa está á altura das grandes celebracións galegas, situando a vila como un destino de referencia no inverno”.
María Pájaro, gañadora do certame de escaparates 2024-2025, quixo animar ao sector comercial e hostaleiro a sumarse a esta nova edición:
“O espírito das Aldeas de Nadal é colectivo. Cando participas, formas parte dunha historia que emociona e enche de vida o centro da vila.”
Cara a unha nova edición chea de ilusión
O equipo organizador anunciou que nas próximas semanas se presentarán novas accións, o cartel oficial e a programación completa das Aldeas de Nadal 2025-2026, cuxa inauguración está prevista para o 5 de decembro.