- Carmen Canda remarca a importancia de fomentar as aprendizaxes de novos coñecementos, estimular o ocio e a participación no entorno comunitario e o fomento do envellecemento activo
Deron comezo as Aulas Sénior de Lalín con pintura ao óleo, acuarela, informática con dúas modalidades (iniciación e avanzado), Historia da arte e saídas culturais, Estimulación Cognitiva e Inglés con dúas modalidades (iniciación e avanzado).
As clases de pintura ao óleo e acuarela serán impartidos todos os martes desde hoxe, 14 de outubro de 10:00 a 11:30 e de 11:45 a 13:15 no Espazo Activo de Lalín (local da antiga radio local); Historia da Arte e saídas culturais tamén os martes, tamén desde hoxe 14 de outubro de 17:30 a 19:00 na Aula do Lalín Arena; os mércores desde o día 15 de outubro de 10:30 a 11:30 e de 11:30 a 12:30 impártense clases de informática coas modalidades de iniciación e avanzado na Aula Cemit; Estimulación cognitiva os xoves desde o 16 de outubro con dous grupos, de 16:00 a 17:30 e de 17:30 a 19:00 na Aula do Lalín Arena; e inglés, todos os venres desde o 24 de outubro de 10:30 a 11:30 e de 11:30 a 12:30 coas modalidades de iniciación e avanzado, no Espazo Xove de Lalín.
Estas actividades teñen por finalidade espremer todo o potencial físico, mental e social ao máximo e preténdese fomentar a participación activa de todos/as lalinenses no entorno máis próximo, de acordo coas súas necesidades individuais, desexos, habilidades e posibilidades. Como o seu propio nome o indica, axudan a envellecer de forma máis activa, mellorando a saúde e creando espazos que nacen como instrumento normalizador e facilitador da activación social, mediante o deseño de actuacións orientadas a desenvolver habilidades sociais e socialización, aprendizaxe das técnicas levadas a cabo nas aulas para logo poder levar eses aprendizaxes ás nosas casas, fomenta a saúde, a autonomía persoal e a independencia das persoas maiores entre outras cousas.
O Concello persegue que a poboación desenvolva de forma individual e colectiva as capacidades a través de actividades físicas, como a actividade de musicoterapia ou o Programa “Lalín Activa no Rural” desenvolto en diferentes parroquias do Concello, e actividades intelectuais, dotando ás persoas dunha mellora na calidade de vida e saúde, favorecer a súa independencia, facilitarlles optar a novos coñecementos e habilidades, descubrir novas afeccións, acercarse aos avances tecnolóxicos, etc.
As persoas que desexen información sobre as actividades poderá chamar ao Departamento de Servizos Sociais do Concello ao teléfono 986780014 en horario de 8:00 a 15:00.