- Begoña Blanco remarca que “queremos facilitar o acceso ao cine en galego, promovendo a normalización lingüística e o acceso á cultura na nosa lingua”
-
Os pases terán lugar entre o 26 de outubro e o 7 de decembro, ás 18 h, no Salón Teatro
O Concello de Lalín pon en marcha “Un Lalín de Cine. Apostamos polo cinema en galego”, un programa que ofrecerá aos lalinenses a posibilidade de ver cinema en galego e de balde no Salón Teatro (Auditorio de Lalín), da man da proxección de sete filmes entre finais de outubro e comezos de decembro. A entrada é libre ata completar aforo.
Begoña Blanco, concelleira de Cultura e Política Lingüística, explica que “somos coñecedores do interese que esperta na poboación en xeral a posibilidade de ver cinema en gran pantalla”. “Xa nas anteriores ocasións que se realizou unha actividade destas características funcionou moi ben e, por este motivo, agora no outono volvemos lanzar o programa “Un Lalín de Cine”, no que se proxectarán un total de sete filmes, todos en galego”, subliña. Blanco remarca que “queremos facilitar o acceso ao cine en galego, promovendo a normalización lingüística e o acceso á cultura na nosa lingua”, fai fincapé.
O programa de actividades, todas gratuítas, terá lugar os domingos ás 18 h a partir do próximo 26 de outubro e ata o 7 de decembro. Haberá 4 películas para todos os públicos, dirixidas en específico ao público familiar (O amencer dos nuggets, 26 de outubro; Wallace e Gromit: A vinganza sérvese con plumas, 9 de novembro; A galiña Turuleca, 23 de novembro, e O monstro mariño, 30 de novembro) e tamén tres filmes para público novo e adulto: As Neves, o 2 de novembro; Rapa, o 16 de novembro, e Antes de nós (sobre Castelao) o 7 de decembro.
Fichas técnicas dos filmes
- O amencer dos nuggets, 26 de outubro
Dirección: Sam Fell, Jeff Newitt
País: Reino Unido
Idioma: dobrado en galego
Ano: 2023
Duración: 101’
Xénero: animación
Idade: todos os públicos e especialmente recomendada para a infancia
Sinopse: Despois de desafiar á morte na arriscada fuga da granxa de Tweedy, Ginger cumpriu o seu soño: unha tranquila reserva insular para toda a cuadrilla, lonxe dos perigos do mundo humano. Cando ela e Rocky teñen unha meniña chamada Molly, o final
feliz de Ginger parece definitivo. Pero no continente, o mundo galináceo enfróntase a unha nova e terrible ameaza. Esta vez Ginger e os seus amigos, no canto de fuxir deciden contraatacar, aínda que para iso deban poñer en perigo a súa liberdade, que tanto lles custou conseguir.
- Wallace e Gromit: A vinganza sérvese con plumas, 9 de novembro
Dirección: Nick Park, Merlin Crossingham
País: Reino Unido
Idioma: dobrado en galego
Ano: 2024
Duración: 78’
Xénero: animación
Idade: maiores de 7 anos
Sinopse: Gromit está preocupado polo feito de que Wallace se volve demasiado dependente dos seus inventos, o que resulta xustificado cando Wallace inventa un “gnomo intelixente” que parece desenvolver unha mente propia. A medida que os acontecementos se descontrolan, Gromit ten que deixar de lado os seus reparos e loitar
contra forzas sinistras… ou Wallace non poderá volver inventar nunca máis.
- A galiña Turuleca, 23 de novembro
Dirección: Eduardo Gondell e Víctor Monigote
País: España
Idioma: galego
Ano: 2020
Duración: 79’
Xénero: animación
Idade: Para todos os públicos e especialmente recomendada para a infancia
Sinopse: Turuleca é unha galiña singular. O seu peculiar aspecto e a súa imposibilidade para poñer ovos desata as burlas do resto do galiñeiro, ata que un día, Isabel, unha exprofesora de música, lévaa a vivir á súa granxa. Alí, feliz e en harmonía, a galiña descobre o seu gran talento oculto: “Turu” non só pode falar, senón que canta como
xamais oíches cantar a unha galiña!
O talento musical da nosa amiga levaraa a se converter na gran estrela do fascinante Circo Daedalus. Con todo, a súa viaxe non será nada fácil. O circo está ameazado polo malvado Armando Tramas, quen desexa apropiarse da fantástica Turuleca.
- O monstro mariño, 30 de novembro
Un lendario cazador de monstros mariños emprenderá unha viaxe épica a través de mares inexplorados. Durante a travesía, o cazador atopará unha polisón moi particular. Unha nena que está disposta a demostrar que, o monstro mariño non é para nada unha ameaza a non ser que o provoquen ou se sinta ameazado.
Año: 2022
País: Estados Unidos
Xénero: animación
Guión: Chris Williams, Nell Benjamin
Duración: 115’
Música: Mark Mancina
- As Neves, 2 de novembro
Dirección: Sonia Méndez
Reparto: Andrea Varela, David Rodríguez Fernández, Antía Mariño, Xacobe Bruña, Irene Rodríguez, Lucía Veiga, Patricia Vázquez, Luisa Merelas, Xavier Deive, Iolanda Muiños, Federico Pérez
País: España
Idioma: galego
Ano: 2024
Duración: 83’
Xénero: drama
Idade: maiores 12 anos
Sinopse: As Neves é unha pequena vila de montaña onde todos se coñecen. A noite de Entroido un grupo de adolescentes celebran unha festa e dróganse con cogomelos por primeira vez. Ao día seguinte espertan cun temporal de neve e coa nova de que Paula, unha das rapazas da festa, desapareceu. Mentres, a vila queda incomunicada e cae Internet. Cada vez é máis urxente atopala. Iníciase unha investigación que causará un profundo cambio nas súas vidas e na súa relación co mundo.
- Rapa. Xente ao monte, 16 de novembro
Dirección: Alejandro Enríquez
País: España
Idioma: galego
Ano: 2024
Duración: 115’
Xénero: documental
Idade: Maiores 7 anos
Sinopse: O cabalo galego de monte está a desaparecer, só unhas poucas bestas resisten acosadas polos cuatreiros, os lobos… e agora tamén polos parques eólicos. Ao seu carón, a pequena aldea de Sabucedo preserva algo único: un vínculo ancestral e íntimo cos cabalos salvaxes. Unha vez ao ano a aldea celebra a “Rapa das Bestas” e 15.000 persoas acoden a presenciar o atávico, os veciños cortando as crinas dos cabalos nun enfrontamento corpo a corpo. Cando todos marchan, ninguén ve a realidade detrás da Rapa: cada ano hai menos bestas no monte e –coma nun espello– menos xente na aldea.
- Antes de nós, 7 de decembro
Dirección: Ángeles Huerta
Reparto: Xoán Fórneas, Cris Iglesias, Nancho Novo, Xoel Fernández
País: España
Idioma: galego
Ano: 2025
Duración: 84’
Xénero: drama
Idade: Maiores de 7 anos
Sinopse: Unha parella, dous momentos. En 1918, Castelao deixa a súa praza en Pontevedra para exercer como médico en Rianxo durante a epidemia de gripe, converténdose nun heroe para o pobo pero afastándose da súa muller. En 1929, ambos percorren Bretaña pouco despois da morte do seu único fillo. Unha viaxe íntima entre a dor e o amor, un baile continuo de separación e reencontro.
Este programa conta co apoio da Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Secretaría Xeral da Lingua.