- Crespo, que participou esta tarde na mesa redonda “A Axenda Urbana como ferramenta de gobernanza” destacou que a Axenda Urbana “non é un documento ríxido, senón unha folla de ruta viva que permite adaptarse ás necesidades reais de cada territorio, desde as grandes cidades ata os concellos medianos e rurais como Lalín”
- Puxo en valor que a Axenda Urbana “da que somos proxecto piloto desde decembro de 2021, axudounos a replantexar a forma de traballar en tres niveis: a nivel supramunicipal, na relación cos concellos da nosa contorna e tamén a nivel interno, na revalorización do tecido parroquial e rural”
- A nivel de colaboración intermunicipal fixo fincapé en que “estamos traballando na creación dunha gran Mancomunidade de Terras de Deza e Tabeirós, que poida incluír o maior número de concellos dos oito que conforman as comarcas de Deza e Tabeirós, para converxer xuntos a nivel inversor pero tamén cara a políticas marcadas en estratexias como a Axenda 2030”
- O rexedor salientou tamén o proxecto das “Áreas Parroquiais” como medida clave para frear a despoboación e garantir a igualdade de servizos no rural
O alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, participou esta tarde na mesa redonda “A Axenda Urbana como ferramenta de gobernanza”, celebrada no Palexco da Coruña dentro do marco do III Foro Urbano de España, un encontro que reúne a responsables políticos, expertos e académicos de todo o Estado para analizar os novos modelos de planificación urbana e territorial. O rexedor foi convidado a participar nesta cita nacional pola experiencia do seu concello na implantación da Axenda Urbana, da que Lalín é proxecto piloto desde 2021.
Durante a súa intervención, Crespo explicou a experiencia do Concello de Lalín, subliñando que este instrumento “axudou a repensar a forma de traballar a tres niveis: supramunicipal, coa cooperación entre administracións; intermunicipal, na relación con concellos da contorna; e local, na revalorización do tecido parroquial e rural”.
O alcalde defendeu a importancia da colaboración multinivel entre administracións e apostou por “un modelo de gobernanza que integre aos concellos pequenos e medianos nas estratexias de desenvolvemento marcadas por Europa”.
Tamén fixo fincapé na creación dunha gran Mancomunidade de Terras de Deza e Tabeirós na que estamos traballando, que poida incluír os máximos concellos dos oito que conforman as comarcas de Deza e Tabeirós, para converxer xuntos a nivel inversor pero tamén cara a políticas marcadas en estratexias como a Axenda 2030 e acadar unha planificación máis eficiente.
Durante a súa intervención no encontro, Crespo puxo o foco nas Áreas Parroquiais, unha das medidas estratéxicas da Axenda Urbana de Lalín, orientada a frear o despoboamento e achegar servizos, cultura e atención administrativa ás cabeceiras parroquiais.
“Queremos que nesas cabeceiras parroquiais se organicen actividades culturais para un grupo de parroquias, semellantes ás do casco urbano, que, unha ou dúas veces ao mes, conten coa presenza de técnicos dos servizos municipais como Administración Xeral municipal, Servizos Sociais, Catastro, departamento de Urbanismo ou de Medio Rural; que estas cabeceiras acollan cursos, formación, charlas e actividades de ocio”, remarca. En definitiva “queremos que ningún veciño teña a máis de dez minutos unha oferta semellante á do casco urbano”, afirmou.
O alcalde compartiu mesa con Lluïsa Moret, presidenta da Deputación de Barcelona; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; e Joaquín Hernández, alcalde de Lorquí (Murcia), nun debate moderado pola doutora Carmen Mota, profesora de Urbanismo da Universidade de Castela-A Mancha. Tamén participaron representantes técnicos e académicos como Marta Lora-Tamayo, catedrática de Dereito Administrativo da UNED; Guillermo Acero Caballero, coordinador de traballos de gobernanza da Axenda Urbana; Luis Palacios, arquitecto do proxecto premiado en EUROPAN e Josep Pascual, coordinador da Asociación África-América-Europa de Regiones y Ciudades.
A participación do Concello de Lalín neste foro de referencia estatal reafirma o seu compromiso cun modelo de desenvolvemento sostible, inclusivo e adaptado á realidade dos concellos rurais de interior