- A concelleira de Cultura explica as actividades incluídas dentro do amplo programa didáctico da Bienal que se inaugurou o 3 de outubro no Museo Municipal, co obxectivo de achegar a arte a todos os públicos mediante visitas personalizadas e oito obradoiros lúdicos
- A actividade central deste programa será a do 7 de novembro cando teña lugar unha mesa redonda ás 19 h, ocasión idónea para descubrir de primeira man o proceso creativo, e coa posterior presentación do catálogo ás 20 h, actos abertos ao público ata completar aforo. Cada unidade familiar asistente ao acto poderá levar un exemplar do catálogo
- Blanco resalta que a Bienal é unha ocasión única de ollar obras de gran relevancia no ámbito internacional ao noso carón, nun proxecto feito expresamente para Lalín, e que permite o contacto coa plástica contemporánea co fío condutor da paisaxe e das sombras a través dun percorrido moi completo e atraínte
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, dá a coñecer de xeito detallado o conxunto de actividades incluídas dentro do programa didáctico da XVII Bienal Pintor Laxeiro que leva por título Paisaxes e Sombras e está comisariada polo artista Manuel Quintana Martelo.
Nesta edición da Bienal, que foi inaugurada o 3 de outubro, a paisaxe nun sentido diverso, e as sombras, convértense en fíos condutores dunha proposta que invita a coñecer o modo de mirar a realidade de doce creadores, e que estará aberta ata o 29 de novembro no Museo Municipal Ramón Mª Aller.
O programa didáctico da Bienal quere achegar a arte a todos os públicos, dende o alumnado dos centros educativos ata as familias e persoas adultas, cun amplo abano de visitas guiadas, obradoiros creativos e experiencias participativas arredor das obras de artistas como Alfonso Galván, Mónica Alonso, Bosco Caride, Francisco Leiro, Concha Martínez Barreto, Teresa Moro, Jorge Martins, Quintana Martelo, Carmen Van den Eynde, Susanne Themlitz, Elena Colmeiro e Laxeiro.
Un espazo para dialogar coa arte
A actividade central será a mesa redonda e presentación do catálogo oficial da XVII Bienal, o venres 7 de novembro ás 19 h, coa participación do comisario Manuel Quintana Martelo, o director do MARCO de Vigo Miguel Fernández-Cid e unha das artistas participantes na XVII Bienal, Mónica Alonso. Esta mesa redonda é encontro idóneo para descubrir de primeira man o proceso creativo, e o contexto teórico que dá forma a esta edición. Ás 20 h está prevista a presentación do catálogo. A entrada é aberta ao público, ata completar aforo, podendo levar cada unidade familiar asistente ao acto, un exemplar do catálogo.
Visitas guiadas abertas ao público todos os sábados sen inscrición previa
Ademais, todos os sábados ás 12:30 h continúan as visitas guiadas abertas ao público, sen necesidade de inscrición.
Obradoiros participativos gratuítos para centros educativos e colectivos, para os que se debe concertar visita
Por outra banda, os centros educativos e outros colectivos poden concertar visitas personalizadas de martes a venres, tanto en horario de mañá como de tarde. O obxectivo é crear experiencias adaptadas, que conecten coa sensibilidade de cada participante e permitan explorar as emocións que esperta a exposición.
En concreto para os centros educativos, deseñáronse oito propostas de obradoiros participativos gratuítos, ao redor da temática da Bienal, centrándose nas propostas artísticas dos creadores. O programa educativo propón vivir a arte como un xogo sensorial e colectivo, no que a luz e a sombra se converten en linguaxe.
Para familias e grupos de particulares, será posible celebralos os sábados ás 11:00 h, con inscrición previa, prazas limitadas e sempre que se alcance un número mínimo de inscritos.
O detalle dos obradoiros a desenvolver son os seguintes:
- Psicoespazo (Mónica Alonso)
Un obradoiro que transforma a cor nun espello das emocións. As nenas e nenos experimentan un espazo coloreado e reflexionan sobre como os tons inflúen no seu estado de ánimo. Cada participante debuxa o seu “lugar de cor”, un refuxio emocional que combina arte e autocoñecemento.
- Corpo e volume (Francisco Leiro)
A escultura convértese en xogo corporal: o alumnado imita posturas inspiradas nas obras de Leiro e observa como o corpo e a sombra dialogan. Sobre un gran papel continuo, cadaquén debuxa a súa silueta proxectada, tomando conciencia do volume, da presenza, do movemento e do espazo común.
- Memoria e obxectos (Concha Martínez Barreto e Teresa Moro)
Neste obradoiro, cada participante escolle un obxecto que garde unha historia persoal. Debúxano e engaden unha sombra que conta o recordo que o acompaña. A actividade combina arte e emoción, convertendo a lembranza nunha peza de creación íntima e simbólica.
- Luz e cor (Carmen Van den Eynde e Susanne Themlitz)
A través de papeis translúcidos e lanternas, as crianzas crean paisaxes colectivas de luz, cor e transparencia. É unha experiencia poética e colaborativa, onde o grupo constrúe unha paisaxe que cambia coa mirada de cada un.
- Negativos do cotián (Bosco Caride e Alfonso Galván)
Un xogo visual para adolescentes: debuxar en branco sobre fondo negro obxectos da vida diaria, invertendo a relación entre luz e sombra. O obxectivo é mirar o cotián doutro xeito, descubrir a beleza do negativo e dar protagonismo ao invisible.
- Paisaxe aberta (Jorge Martins e Quintana Martelo)
A partir do entorno máis próximo —o barrio, a vila, o lugar que habitamos— os rapaces e rapazas crean mapas de luces e sombras. A actividade combina observación, debuxo e reflexión colectiva sobre o espazo compartido e a identidade do territorio.
- Laboratorio de sombras (obradoiro de participación colectiva, Elena Colmeiro e Laxeiro) Lanternas, fotografías e obxectos cotiáns convértense en ferramentas para contar historias. O grupo crea escenas efémeras, xogando co movemento e coa luz. Unha actividade que estimula a imaxinación e a cooperación, pensada para xente nova e público familiar.
- Psicoespazo avanzado (Mónica Alonso)
Un paso máis na reflexión sobre o espazo e a emoción. Nesta versión para mozos e mozas, analízase como as cores e as formas condicionan o espectador. O obradoiro remata cun mural colaborativo que transforma a experiencia persoal en creación colectiva.
Anímase a concertar visitas ou obradoiros
Xa hai numerosos centros educativos que teñen data reservada, polo que se recomenda contactar co Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa para concertar visitas ou obradoiros. Así mañá venres, 24 de outubro, alumnado do CEIP Manuel Rivero participarán nunha visita guiada e no obradoiros Psicoespazo e Luz e cor: ás 10 h tomará parte un grupo de 5º de Primaria e ás 12 h o grupo de 6º de Primaria (uns 24 alumnos/as por grupo).
Nos vindeiros días desenvolveranse as seguintes visitas guiadas:
- 27 de outubro: 1º e 2º do Manuel Rivero, visita e obradoiros (Laboratorio de sombras).
- 19 de outubro: grupo escolar pendente de confirmar, ás 9:30 h.
- 19 de outubro: grupo da Cruz Vermella, 12:00 h
- 1 de novembro: grupo reservado por Axencia de Viaxes de A Coruña, 11:00 horas
- 25 de novembro: grupo de ATEGAL, Historia da Arte Lalín, 17:30
Xa acudiron do IES Ramón María Aller Ulloa.
Ademais de varios centros educativos do Concello de Lalín, xa se interesaron por traer grupos á XVII Bienal varias axencias de viaxes, e outros grupos de diversa índole.
Dende a Concellería de Cultura, Begoña Blanco resalta que a XVII Bienal é unha ocasión única de ollar obras de gran relevancia no ámbito internacional ao noso carón, nun proxecto feito expresamente para Lalín, e que permite o contacto coa plástica contemporánea co fío condutor da paisaxe e as sombras, nun percorrido moi completo e atraínte, no que se explora multiplicidade de técnicas: dende a pintura, a escultura, a instalación, a fotografía ou o debuxo. Ç
Pés de fotos:
- Collage de distintas obras expostas na Bienal.
- Reunión extraordinaria do Club de Lectura, na que visitaron a Bienal.