- O comercio escolleu por unanimidade a temática “Cine” para os Escaparates Máxicos deste ano
- A hostalaría súmase con 15 locais xa inscritos a exposición de fachadas
O Concello de Lalín, a través da Concellería de Aldeas de Nadal, confirma a posta en marcha de Fachadas Máxicas para a hostalaría e a continuidade de Escaparates Máxicos no comercio local durante a campaña 25–26 do programa de dinamización de Nadal que artella o Concello de Lalín. O programa reforza a ambientación do Nadal máis alá das aldeas e integra establecementos de todo o termo municipal co que estende a animación das Aldeas de Nadal a todo o casco urbano.
O pasado domingo celebrouse no Sociocultural Manuel Rivero unha xuntanza cunha vintena de comerciantes e unha pequena formación sobre o proxecto Escaparates Máxicos. Nese encontro recolléronse ideas e acordouse por unanimidade que a temática 25–26 será o “Cine/filmes”, avalada pola boa acollida da edición anterior e a valoración moi positiva da experiencia 24–25.
En total 34 comercios están xa anotados, 8 máis ca o ano pasado, e o prazo de inscrición permanece aberto ata o 14 de novembro. A organización propón manter a identidade de marca de Aldeas de Nadal nos escaparates, e programar o período de exposición entre o 5 de decembro e o 6 de xaneiro. Ademais, introduciranse melloras no sistema de votación: voto principal entre comerciantes en sobre pechado e voto popular con papeletas seladas no percorrido.
FACHADAS MÁXICAS
A organización das Aldeas de Nadal mantivo, despois da celebrada co sector de comercio, unha co sector de hostalería para que este se sumase ás actividades de Nadal. O proxecto foi ben acollido, con 15 hostaleiros xa anotados e asistentes equivalentes a unha ducia de establecementos, ademais de varios avisos de interese por incompatibilidade horaria que non puideron estar presentes. As Fachadas Máxicas da hostalería desenvolveranse co mesmo espírito dos escaparates: decoración de fachadas, xanelas e elementos exteriores para estender a experiencia polo conxunto das zonas de lecer. A exposición de fachadas será do 5 de decembro ao 6 de xaneiro.
MECÁNICA E INCENTIVOS DA HOSTALARÍA
O voto principal decidirano os propios locais participantes, en sobre pechado e con prohibición de votarse a si mesmos; a AED será a encargada de custodiar a urna. O premio principal para a fachada gañadora será de 500 €. Mantense o voto popular cun sorteo dun vale de 300 € da AED para quen complete o percorrido. O local gañador lucirá un distintivo específico 25–26 na súa entrada.
Cada establecemento participante recibirá vinilo co logotipo de Aldeas de Nadal para reforzar a marca; publicarase cartalería co listado de participantes e especialidades; e recoméndanse solucións de iluminación eficiente, elementos protagonistas ben ancorados e uso de vexetación e retroiluminación para mellorar o impacto visual. Prevese ademais un produto especial Aldeas (tapa, bebida, sobremesa) nos locais que o desexen.
INTERVENCIÓN PILOTO NA PRAZA DE ABASTOS
Como punto de partida das Fachadas Máxicas, a organización prevé unha intervención piloto con estruturas de madeira retroiluminadas na Praza de Abastos, polo seu carácter de edificio público céntrico, chamada a actuar como exemplo visual para novas adhesións.
Karen Fernández Lamela, concelleira de Aldeas de Nadal, indicaba que “sumar comercio e hostalaría é clave para que Lalín viva un Nadal continuo nas rúas. As Fachadas Máxicas e os Escaparates Máxicos activan compras, amplian as estadías e melloran a experiencia de quen nos visita.” Puntualiza que “a unanimidade do sector no tema de cine e o crecemento de inscritos demostran que a fórmula funciona e que Lalín quere seguir sendo referente de Nadal en Galicia.”
PRAZO DE INSCRIPCIÓN ATA O 14 DE NOVEMBRO
Por último, lembra que “o proxecto conta co apoio da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia” e aclara que as inscricións permanecen abertas ata o 14 de novembro. O Concello publicará as bases e indicacións operativas nos seus canais habituais.