-
A concelleira de Cultura e Turismo agradeceu á vintena de compañías que teñen cedidas obras a súa colaboración
-
Todos os asistentes destacaron a boa situación e accesibilidade do Museo da Marioneta tanto como punto de encontro para o público e profesionais
-
Blanco avanzou que están en marcha os trámites para declarar o Museo da Marioneta como “colección visitable”, a fin de conseguir unha entidade propia e diferenciada para este espazo tan singular e identitario
-
A incorporación de novos contidos, mellorar a información sobre a exposición de marionetas e a posta en marcha dunha programación estable son os principais cometidos avanzados pola concelleira que destaca que actualmente o Museo xa recibe gran número de vistas de escolares e de colectivos diversos
-
Desenvolverase unha actividade de arranque de tempada e de posta en marcha da nova programación
A concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Blanco, mantivo esta semana unha xuntanza de traballo cos representantes das compañías de monicreques que teñen obra cedida para a exposición permanente do primeiro andar do Pazo de Liñares para agradecerlles a súa colaboración, xa que son parte esencial do programa expositivo que o Concello de Lalín ofrece en Liñares. Actualmente estanse a renovar os acordos de cesión por outros catro anos con cada compañía, que serán tramitados conxuntamente e aprobados proximamente na Xunta de Goberno Local.
Nalgúns casos, as compañías van modificar os contidos das vitrinas, ofrecendo así unha experiencia renovada para as persoas visitantes de Liñares. A exposición reúne pezas de arredor dunha vintena de compañías galegas, nun espazo singular e emblemático como é o Pazo de Liñares, e converte este proxecto nunha aposta de gran interese para a veciñanza e para o turismo cultural.
As compañías con obra presente na exposición son: Fantoches Baj, Teatro Os Quinquilláns, Títeres Avantar, Teatro Antroido, Títeres Cachirulo, Os Monicreques de Kukas, Faba na Ola, Artmonium, Spaguetti Títeres, Tanxarina Títeres, Teatro Kaos, Trompicallo, Pablísimo, Trécola Producións, Títeres Babaluva, A xanela do Maxín, NEG, Entroido da Cacharela, Títeres Alakrán e Asociación San Pedro de Botos.
Durante a xuntanza, a concelleira escoitou as achegas dos profesionais dos títeres. Entre as propostas comentadas, propúxose o artellamento dunha programación periódica coa que contribuír a unha maior dinamización e visibilidade a este emblemático espazo. Neste sentido avanzouse a intención de programar espectáculos tanto para público familiar como adulto, con formatos participativos que fomenten o diálogo entre compañías e público. Así mesmo tamén se acordou realizar unha primeira actividade para celebrar a renovación dos acordos e arrancar a nova tempada.
Punto de encontro para o público en xeral e para os profesionais dos monicreques
Todos os asistentes destacan a boa situación e a accesibilidade: bo aparcamento, zonas ao aire libre para descansos, outros puntos de interese próximos, tanto patrimoniais como de ocio ou naturais e todos están de acordo en potenciar o centro, dotalo de programación estable de artes vivas, de actividades participativas e xerar un punto de encontro para o público e xeral e tamén para os profesionais dos títeres.
O propio Pazo conta cun espazo escénico, con telón e equipamento para representacións, polo que se pretende realizar actividades periódicas que contribúan a consolidar o Pazo de Liñares como un punto de encontro de referencia para as artes do monicreque.
Cara á declaración de “coleción visitable”
Blanco tamén anunciou que se está dando pasos para que o Museo da Marioneta poida ser declarado na categoría “colección visitable”, e así conseguir unha entidade propia e diferenciada para este espazo tan singular e identitario. Destacou que actualmente o Museo da Marioneta recibe moitas visitas de centros educativos e de diversos grupos que funcionan moi ben. Sinalou que a partir de agora a idea é incorporar contidos, mellorar a información que se ofrece sobre a exposición das marionetas e organizar unha programación estable.
Na reunión, convocada pola concelleira de Cultura, participaron: Celia Figueras de A xanela do maxín; Borxa Ínsua de Títeres Alakrán; Mirari Urruzola de Títeres Bavaluva; Isabel Rey e Marcelino de Santiago Viqueira (Monicreques Kukas), Marián González (Títeres Trompicallo), Ignacio Vilariño de Fantoches Bach e a técnica municipal de Cultura.