O Concello de Lalín vén de presentar unha ambiciosa campaña de recollida selectiva, coa posta en marcha do contedor marrón, destinado aos residuos orgánicos. A iniciativa, que conta con finaciamento da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, busca fomentar a reciclaxe responsable e reducir a cantidade de lixo que remata nos vertedoiros.
O proxecto foi presentado no consistorio polo alcalde, José Crespo, acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; da concelleira de Medio Ambiente, Raquel Lorenzo, e do deseñador da campaña, Carlos Rabuñal, así como da directora xeral de Calidade Ambiental, María José Echevarría.
O plan prevé a instalación de 150 colectores urbanos con chave e a entrega de 1.200 cubos domésticos para a separación dos biorresiduos, entre outras moi diversas accións.
As familias que participen e cumpran coa normativa recibirán un desconto do 10 % na factura do lixo do próximo ano. O Concello tamén levará a cabo accións de sensibilización nos centros educativos e campañas informativas en comercios e establecementos hostaleiros, co obxectivo de promover unha correcta separación dos residuos desde a orixe.
A implantación do contedor marrón representa un paso firme cara a un modelo de concello máis sostible.