-
O prezo mínimo do posto interior será de 67,86 euros, mentres que o dos postos tradicionais de polbo será de 61,56 euros, podendo mellorarse ao alza segundo a oferta dos participantes.
-
Os establecementos interesados no Mes do Cocido deberán presentar unha proposta de colaboración cunha achega mínima de 100 euros, segundo as bases e modelos oficiais publicados na web do Concello e no Rexistro.
O Concello de Lalín anuncia a apertura oficial do proceso de solicitude para instalar postos de venda na tradicional carpa do Cocido e para a adhesión dos restaurantes interesados en participar na nova edición do Mes do Cocido, dentro da LVIII Feira do Cocido de Lalín, que se celebrará os días 7 e 8 de febreiro de 2026.
A Feira do Cocido, recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional, volve apostar polo seu formato de éxito, cunha carpa central no Campo da Feira Vello que albergará ata 43 postos interiores de venda de produtos alimentarios (carne, embutidos, queixos, pan, doces, mel...), produtos frescos e artesanía, así como postos tradicionais de polbo na súa zona habitual. O prazo de solicitude será de 15 días hábiles a partir da publicación do anuncio no Perfil do Contratante do Concello. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Lalín como recollen as bases da convocatoria.
Destácase que o prezo mínimo do posto interior será de 67,86 euros, mentres que o dos postos tradicionais de polbo será de 61,56 euros, podendo mellorarse ao alza segundo a oferta dos participantes. Cada expositor poderá solicitar ata un máximo de tres postos interiores e deberá acreditar a súa situación regular fronte ás obrigas fiscais e con responsabilidade civil. O proceso de selección terá en conta as mellores ofertas económicas e o equilibrio entre sectores produtivos. A montaxe dos postos realizarase entre o 5 e 6 de febreiro de 2026, co inicio da actividade comercial previsto para o 7 e 8 de febreiro.
PARTICIPACIÓN ABERTA PARA RESTAURANTES NO MES DO COCIDO
Ao mesmo tempo, ábrese o prazo para que restaurantes, carnicerías, queixerías, fabricantes de embutidos e outros negocios vencellados ao Cocido poidan formar parte do Compromiso de Calidade do Mes do Cocido, que se desenvolverá entre o 15 de xaneiro e o 14 de febreiro. Os establecementos interesados deberán presentar unha proposta de colaboración cunha achega mínima de 100 euros, segundo as bases e modelos oficiais publicados na web do Concello e no Rexistro
As empresas seleccionadas obterán o distintivo oficial do Compromiso de Calidade, terán presenza na promoción municipal (carteis, dípticos, web) e sumarán na difusión dun evento vital para a economía local. No caso dos restaurantes, deben comprometerse a manter prezos estables e un nivel de calidade para o Cocido, ofrecer sobremesas tradicionais galegas e facilitar reservas, ademais de cumprir toda a normativa vixente sanitaria e de consumo. Cada oferta será avaliada segundo a aportación económica, admitíndose as cen de maior importe.
Unha cita imprescindible para Lalín
A concelleira Begoña Blanco anima a todos os negocios vinculados ao Cocido e á gastronomía galega a sumarse a unha das citas máis sinaladas do ano: "A Feira do Cocido e o Mes do Cocido son escaparates privilexiados para os nosos produtos e establecementos, nunha festa que cada ano atrae milleiros de visitantes e dinamiza Lalín. O compromiso coa calidade e coa tradición gastronómica da comarca é a mellor garantía de éxito para todos".
As bases completas, os prazos e os modelos de solicitude estarán dispoñibles, unha vez sexa publicado o resumo das bases no BOP, en www.lalin.gal e no Rexistro do Concello de Lalín.