- A sesión, impartida pola Garda Civil en colaboración co Concello, centrouse en dar consellos á veciñanza para evitar roubos e enganos
O centro social de Prado acolleu na tarde de onte, martes, unha sesión informativa sobre prevención de delitos impartida pola Garda Civil. A charla, que rexistrou unha destacada afluencia de público, centrouse en ofrecer consellos á veciñanza para previr estafas, roubos e enganos, poñendo tamén o foco na ciberseguridade e os fraudes en internet. Á sesión asistiu a concelleira de Envellecemento Activo, Carmen Canda, que acompañou aos veciños e veciñas nesta iniciativa que procura informar e sensibilizar sobre este tipo de ciberenganos.
Esta actividade enmárcase dentro das charlas e talleres que a Garda Civil organiza e nas que dan consellos básicos sobre ciberseguridade á poboación. Estas charlas, que se desenvolven en colaboración co Concello de Lalín, continuarán nos vindeiros meses.
Protexer á poboación maior
As persoas con máis idade constitúen un colectivo que debe ser obxecto dunha especial protección. As condutas e consellos ofrecidos nesta sesión teñen como finalidade a prevención daqueles actos delituosos que con máis frecuencia se cometen contra as persoas maiores. Por iso, na sesión de onte fíxose fincapé na importancia de que estas persoas adopten medidas de prevención nas súas actividades cotiás para evitar seren vítimas de enganos ou roubos.