- Este escaparate, que contará con algunhas únicas e de colección, poderá visitarse entre o 5 de decembro e o 6 de xaneiro no baixo de Brandido, sumando tamén outros dous escaparates máxicos: “Miniaturas” e “O bosque nevado” e sumando a participación de 43 comercios na iniciativa de escaparates máxicos que se desenvolve grazas á colaboración da Xunta
- Este ano tamén se levará adiante as Fachadas Máxicas da hostalería, na que xa amosaron o seu interese 21 locais
A concelleira de Aldeas de Nadal, Karen Fernández, informa, que “unha vez que se vén de pechar o prazo de recepción o pasado venres 14 de novembro para <As bonecas da túa infancia>, recibíronse preto de 300 bonecas, que foron cedidas pola veciñanza -en calidade de préstamo e nalgúns casos como doazón permanente-, para este escaparate máxico, o que demostra o alto grao de colaboración e implicación das familias na elaboración da que é unha das propostas estrela desta edición de Aldeas de Nadal que, como ben di o seu nome, busca ser unha viaxe no tempo, un reencontro coas lembranzas máis doces da nosa infancia ao redor dos agasallos de Nadal”.
“A enorme implicación das familias lalinenses e tamén dalgunhas doutras localidades da contorna, fixeron posible reunir unha colección excepcional de bonecas, con algunhas pezas únicas, que estarán expostas no baixo de Brandido (que fai esquina entre as rúas Pintor Laxeiro coa Avda. Luis González Taboada), entre o 5 de decembro e o 6 de xaneiro, conformando parte dese escaparate máxico <As bonecas da túa infancia> no que xa estamos comezando a traballar e que estará formado por unhas 300 bonecas”, remarca Karen Fernández. “Por suposto, cómpre agradecer a esta familia a cesión deste espazo para a tempada de Nadal”, engade.
“Durante todo este tempo cada unha das persoas que cederon en préstamo as bonecas poderán velas formando parte dun proxecto colectivo que apela ao espírito de Nadal, que será decorado polo director artístico do evento, Luchi Iglesias, xa que cada boneca está identificada co nome da persoa ou da familia que tivo o xesto de prestalas, ou incluso algunhas familias, de doalas para sempre para este proxecto innovador que son os escaparates máxicos das Aldeas de Nadal, que son posibles coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo”, precisa. “Deste xeito <As bonecas da túa infancia> será un espazo onde emoción, tradición e memoria se unen para ofrecer unha experiencia única”, afirma.
Dous novos escaparates máxicos: “Miniaturas” e “O bosque nevado”
A responsable municipal avanza “que tamén se van a empezar a elaborar os outros dous escaparates máxicos desta edición: <Miniaturas>, unha proposta que recolle estampas típicas do rural e tradicións lalinenses creada pola artista Teresa Arca Canda (estará emprazado na rúa Principal) e <O bosque nevado>, que recolle unha paisaxe invernal elaborada con criterios de sostibilidade e usando vexetación reutilizada e iluminación impactante (estará situado na rúa Wenceslao Calvo Garra)”.
Destacada participación do comercio e da hostalería
Por último, Fernández “tamén salienta a alta participación dos comerciantes que tomarán parte nos escaparates máxicos participando con 43 escaparates, decorando os seus establecementos con temática de <Cine de Nadal>, así como da hostalería con 21 locais xa inscritos no certame de Fachadas Máxicas, iniciativa que se estrea nesta edición.” As Fachadas Máxicas da hostalería desenvolveranse co mesmo espírito dos escaparates: decoración de fachadas, xanelas e elementos exteriores para estender a experiencia polo conxunto das zonas de lecer. A exposición de fachadas será do 5 de decembro ao 6 de xaneiro.
Fernández agradece “o compromiso dos establecementos comerciais e hostaleiros que, coa súa creatividade e entusiasmo contribúen a compartir a maxia do Nadal”.