- A mostra, comisariada por Antón Castro, inaugurarase o venres, 16 de xaneiro, ás 20 h, no Museo Municipal Ramón Mª Aller
“Antón Sobral, o silencio da mar”, do recoñecido artista multidisciplinar Antón Sobral, será a exposición central da 58ª Feira do Cocido. A mostra, comisariada polo crítico de arte, Antón Castro, inaugurarase o venres, 16 de xaneiro, ás 20 horas no Museo Municipal Ramón Mª Aller.
A exposición presenta unha escolma de vinte e cinco obras realizadas entre comezos do século XXI ata a actualidade, seleccionadas polo propio artista, todas con temática mariña. Antón Castro, crítico de arte e bo coñecedor da obra do autor da 58ª exposición do Cocido sinala que “en Sobral a mar non é un motivo pictórico, senón unha maneira de entender o mundo”.
O percorrido inclúe pezas das súas series “Océano Sobral”, caracterizadas polas tonalidades azuis escuras; “Maruxía”, onde emerxen cores máis luminosas e matices rosados, e “Xerfas”, que nos mergullan no fondo mariño a través de gamas cromáticas vibrantes e mesmo fluorescentes.
Completan a mostra unha variedade de mares diversos, vistas de obras onde as illas Ons ou Cíes son protagonistas -cun sentido de horizontalidade que produce sensacións de calma e acougo- e tamén obras onde se mesturan paisaxes nus e poesías, así como paisaxes efémeras onde se pode apreciar o paso acelerado do tempo. A mostra revela a evolución estética e emocional de Sobral, para quen o mar é un territorio íntimo, un espazo onde a memoria, a luz e o silencio dialogan.
A relación con Lalín
A conexión do artista con Lalín remóntase á década de 2010, cando participou con frecuencia nas actividades da Asociación Cultural A Tarabela, en Donramiro. A través desta entidade, Sobral estreitou lazos coa comunidade artística local e co Museo de Lalín.
O artista expresa no seu testemuño a “gran admiración por un pobo cunha profunda tradición artística” na terra de Laxeiro, do que “fun amigo e participei na creación da Fundación Laxeiro”.
Artista multidisciplinar e referente cultural
Antón Sobral é un artista multidisciplinar: pintor, fotógrafo, poeta, conferenciante, comisario de arte e activista cultural. Desde o ano 1968 realizou máis de trescentas mostras en toda Galicia. A partir de 1995 comeza a expoñer fóra de Galicia. Ten amosado a súa obra en Milán, Viena, La Habana, Nova York, Múnic, París e en moitas cidades europeas.
Mostras con carácter solidario
Organiza moitas mostras de solidariedade para recadar cartos para os pobos de países como Cuba, Haití, Palestina, a India a través de ONGs como Save the Children, Cáritas, Unicef, Fundación Vicente Ferrer, Proxecto Home e moitas máis.
Comisaría intercambios de artistas galegos con importantes colectivos de artistas de outros países como Nicaragua, Cuba, Baviera, Portugal, Francia, etc.
Tamén, desde fai vinte anos organiza encontros de Arte e Natureza en pequenas vilas como Faro Lariño, Illa de Arousa, Allariz, Rianxo, Forcarei, Camelle ou no Castelo de Soutomaior.
Participou durante máis de cincuenta anos activamente en asociacións culturais como O Ateneo Santa Cecilia de Marín, Asociación Cultural O Galo de Santiago e O Ateneo de Pontevedra. Aproximadamente máis de 2.000 actividades como conferencias, viaxes, foros de debate, recitais musicais ou de poesía.
No 2025 recupera e coordina a 32 Bienal de Arte de Pontevedra.
Segundo o crítico de arte Antón Castro, Sobral é un dos artistas máis relevantes da arte galega desde os anos setenta, pertencente a unha xeración que abriu camiños e renovou linguaxes na pintura contemporánea. A súa traxectoria sitúao como unha figura imprescindible tanto pola súa obra como polo seu compromiso co tecido cultural do país.
Castro destaca que, na súa obra, o mar non é un motivo pictórico senón unha maneira de estar no mundo, unha experiencia interior que mestura memoria, contemplación e intuición. Esta interpretación singular reforza o carácter emocional e simbólico da exposición “O silencio da mar”, núcleo artístico da 58ª Feira do Cocido.
Un diálogo entre o mar de Sobral e a identidade do Cocido
A exposición establece un diálogo simbólico entre o mar que Antón Sobral interpreta e a identidade do Cocido. Ambos comparten a capacidade de convocar memoria e pertenza, construíndo un espazo de encontro colectivo arraigado na cultura galega. O mar, entendido polo artista como territorio emocional onde dialogan a luz, o silencio e a beleza, atópase coa esencia da Feira do Cocido, que tamén celebra o vínculo coa terra, a comunidade e as tradicións que nos unen.
Así como o mar sobraliano aparece transformado en brétema, luz e impulso vital ao chegar á Galicia interior, o Cocido expresa ese mesmo espírito de cohesión e identidade que fortalece os lazos dunha comunidade. Do mesmo xeito, a Feira leva décadas promovendo a creación artística a través dos seus cartelistas e exposicións, converténdose nun espazo onde tradición, arte e sentimento colectivo dialogan e se retroalimentan.
Ao longo de cinco décadas, Sobral consolidouse tamén como xestor e activista cultural, impulsando encontros, proxectos e colectivos que contribuíron a estender a creación galega máis alá das fronteiras. Esta dimensión creadora e xenerosa está presente na mostra, que recolle a evolución da súa pintura e a forza do seu diálogo co mar.