- Baixo o lema “Doa sangue, o mellor agasallo”, a campaña desenvólvese en horario de 10 a 14 e de 16 a 21 h o venres 9 de xaneiro e de 10 a 14.30 h o sábado 10 de xaneiro
- A concelleira de Sanidade anima á veciñanza a participar porque cun xesto altruísta pódense chegar a salvar vidas
Nova campaña de doazón de sangue en Lalín nestas datas de Nadal: os próximos días 9 de xaneiro (venres) e 10 (sábado) de xaneiro baixo o lema “Doa sangue, o mellor agasallo”, promovida por ADOS en colaboración co Concello de Lalín. A unidade móbil estará situada na rúa Caracas, a carón do Concello, en horario de 10 a 14 e de 16 a 21 horas o venres 9 de xaneiro e de 10 a 14.30 horas o sábado 10 de xaneiro.
A concelleira de Sanidade, Noelia Seijas, fai un chamamento á participación veciñal nestas campañas solidarias nas que un pequeno xesto contribúe a salvar vidas. Deste xeito, coa suma de esforzos, trátase de acadar as doazóns de sangue que precisan os hospitais galegos, máis nesta época de Nadal que se fai máis complicado a participación das persoas que doan sangue. Seijas anima a contribuír ao obxectivo que compartimos con ADOS que é o de acadar as 8.500 doazóns de sangue que precisan os centros sanitarios entre o 15 de decembro e o 15 de xaneiro par axudar a milleiros de doentes.
Cómpre lembrar que para doar sangue deberase pesar máis de 50 quilos e ter entre 18 e 65 anos (a partir de 65 anos co permiso do médico). Non se pode ir sen almorzar e despois de xantar ao mediodía cómpre esperar 2 horas. Deberase levar o DNI ou documento similar de identificación. Así mesmo non se deberá facer unha comida copiosa antes de doar. No caso de que se estea a tomar algún medicamento acompañarase informe médico. Para máis información deberase chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828.