- Afóndase na colaboración institucional entre Oviedo e Lalín arredor da tradición, a gastronomía e o turismo
Oviedo acolleu esta fin de semana a presentación da 58ª Feira do Cocido de Lalín, nun acto que supuxo a primeira saída fóra de Galicia desta edición e que serviu para reforzar a proxección nacional dun dos eventos gastronómicos máis emblemáticos do país. A iniciativa permitiu estreitar lazos institucionais e culturais entre Asturias e Galicia, tomando o cocido como elemento de unión e identidade compartida.
O alcalde de Lalín, José Crespo, agradeceu de maneira expresa o especial trato e a hospitalidade recibida por parte do Concello de Oviedo, destacando a calidade institucional e humana do encontro. Así mesmo, puxo en valor o feito de contar na presentación coa Real Banda de Gaitas da Cidade de Oviedo, cuxa participación contribuíu a dotar o acto dun marcado carácter simbólico, reforzando os vencellos culturais entre ambos territorios.
Durante a súa intervención, Crespo subliñou que a Feira do Cocido é “a primeira festa gastronómica de España” en acadar o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, e destacou o seu papel como motor económico, turístico e social para Lalín. O rexedor convidou á cidadanía asturiana a visitar a capital do Deza e a desfrutar do prato rei da gastronomía galega, lembrando que Lalín se atopa “a pouco máis de tres horas en coche”.
A presentación contou coa participación do primeiro tenente de alcalde de Oviedo, Mario Arias, quen salientou a beleza de Lalín e a importancia de continuar reforzando as relacións entre ambos concellos. O acto incluíu tamén unha demostración culinaria a cargo do cociñeiro Álex Iglesias, que achegou ao público diferentes elaboracións vinculadas ao cocido, permitindo unha aproximación directa á tradición gastronómica lalinense.
Con accións deste tipo, Lalín reafirma o seu compromiso coa proxección exterior da súa festa gastronómica, fortalecendo alianzas institucionais e culturais que contribúen a situar a Feira do Cocido como un evento de referencia no calendario gastronómico nacional e mesmo internacional.