Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
UNS 160 ESCOLARES DE LALÍN PARTICIPAN NO CONCURSO DE DEBUXO APÍCOLA DESENVOLTO NO MARCO DA FEIRA INTERNACIONAL ALVARIZA

 

  • O promotor da feira, David Liñares, que a desenvolve en colaboración co Concello, percorreu todos os colexios lalinenses cun programa divulgativo para achegar á infancia a importancia das abellas, da biodiversidade e do coidado do medio ambiente

  • A iniciativa promove a educación ambiental e o relevo xeracional no sector apícola, coa entrega do primeiro, segundo e terceiro premio este sábado na inauguración de Alvariza, e en presenza dos 37 finalistas

David Liñares, referente no ámbito da apicultura e promotor da Feira Internacional de Apicultura de Lalín, Alvariza, en colaboración co Concello de Lalín, promove a cuarta edición do concurso de debuxo apícola que se vén de desenvolver por todos os centros de Infantil e Primaria lalinenses. Trátase dunha iniciativa que nace precisamente do impulso persoal de Liñares e da súa colaboración estreita co Concello para achegar o mundo das abellas á cativada lalinense.

Así, entre os días 20 e 27 de xaneiro, David Liñares percorreu todos os colexios lalinenses cun programa divulgativo para achegar á infancia a importancia das abellas, da biodiversidade e do coidado do medio ambiente, ao tempo que se desenvolveu nos ditos colexios a cuarta edición do concurso de debuxo escolar de temática apícola, no que participaron arredor de 160 nenos e nenas de 4º curso de Primaria dos ditos centros.

Tomaron parte no certame os CEIP Vicente Arias de la Maza, Xoaquín Loriga, Varela Buxán, Xesús Golmar e Manuel Rivero, así como o centro Scientia Lalín, garantindo así a participación de todo o alumnado de 4º de Primaria dos colexios lalinenses. O concurso desenvolveuse cunha ampla resposta por parte da comunidade educativa.

O certame foi complementado cun intenso labor divulgativo realizado por David Liñares, promotor de Alvariza, que percorreu persoalmente todos os centros participantes ofrecendo charlas explicativas sobre o mundo da apicultura, a importancia das abellas para o equilibrio dos ecosistemas, a protección da biodiversidade e o respecto polo medio natural. Estas sesións tiveron tamén como obxectivo amosar á infancia que a apicultura é un sector con futuro e unha actividade da que se pode vivir, contribuíndo ao desenvolvemento do rural.

No concurso, o alumnado presentou debuxos de temática apícola e estilo libre, dos cales se realizou unha preselección dos mellores traballos en cada colexio, resultando un total de 37 finalistas. Estes escolares finalistas serán convocados ao acto de entrega de premios, no que se distinguirán o primeiro, segundo e terceiro premio que terá lugar o vindeiro sábado 31 de xaneiro, durante a inauguración da Feira Internacional de Apicultura de Lalín, Alvariza, a partir das 12 horas.

Desde a organización sublíñase que implicar á infancia é clave para garantir o relevo xeracional, crear conciencia ambiental e transmitir a importancia das abellas, da biodiversidade e do coidado do medio natural. Iniciativas como este concurso escolar consolidan unha liña de traballo continuada que une educación, medio ambiente e futuro do rural.

Pé de foto: David Liñares na charla de hoxe no CEIP Xesús Golmar acompañado de Avelino Souto

 

km0