Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
CRESPO CONFIRMA AO ESCRITOR, PINTOR E COLECCIONISTA ANTONIO CHAVES COMO NOVO MEMBRO DA ENCOMENDA DO COCIDO
  • O recoñecido especialista no xogo, no xoguete e na infancia súmase á nómina de comendadores da 58ª Feira do Cocido polo seu labor clave na preservación do patrimonio lúdico galego e pola súa contribución decisiva á posta en marcha do Museo Galego do Xoguete - Colección A. Chaves no Pazo de Liñares, en Lalín

O alcalde de Lalín, José Crespo, confirmou a incorporación do escritor, pintor e coleccionista Antonio Chaves como novo membro da Encomenda do Cocido 2026, no marco da 58ª edición da Feira do Cocido. Trátase dun recoñecemento á súa dilatada traxectoria na investigación, conservación e divulgación do patrimonio lúdico e infantil, así como á súa estreita vinculación con Lalín a través do Museo Galego do Xoguete – Colección A. Chaves, situado no Pazo de Liñares.

Crespo subliñou que “a figura de Antonio Chaves representa á perfección o espírito da Encomenda, a defensa da identidade e da memoria colectiva, desde ámbitos que conectan directamente coa emoción e coa infancia”. “A el temos que agradecerlle o poder contar en Lalín cun Museo do Xoguete que é referente en Galicia e España”, afirma.

Antonio Manuel Chaves Cuiñas (Cambados, 1959) está especializado no mundo do xogo, do xoguete e da infancia e é unha referencia estatal na investigación e divulgación do patrimonio lúdico. Desde 1994 preside a “Fundación Raquel Chaves”, entidade centrada na investigación e recuperación de xogos e xoguetes antigos desde unha perspectiva cultural, pedagóxica e lúdica.

Ao longo da súa traxectoria participou como organizador, relator e colaborador en numerosos congresos especializados nesta temática, así como en exposicións e publicacións de ámbito estatal e internacional, sendo unha referencia neste eido.

Entre outros fitos, foi director do Museo Castellano-Manchego del Juguete, coordina desde 2006 o Museo Galego da Infancia, Xogo e Xoguete (MuGaIn), impulsou a sala museo “Ludomar” no Museo do Mar de Galicia e colaborou recentemente na publicación “Patrimonio lúdico galego. Investigación, recursos e divulgación de xogos tradicionais”, editada pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.

Ademais, os días 6 e 7 de febreiro de 2026 participará como relator no “I Congreso Internacional sobre o Brinquedo”, en Ponte de Lima, en Portugal.

O 7 de agosto de 2021 inaugurouse no Pazo de Liñares o Museo Galego do Xoguete – Colección A. Chaves, con fondos cedidos polo propio coleccionista, un espazo concibido como unha cápsula do tempo arredor da memoria da infancia. Na súa apertura, o conselleiro de Cultura destacou o valor artístico, emocional e identitario da colección, considerada un verdadeiro tesouro patrimonial material e inmaterial de Galicia, a través da infancia.

A proposta do Museo Galego do Xoguete sito en Lalín, e do coleccionista Antonio Chaves, é un convite á serenidade a partir dun dos máis grandes legados do mundo infantil da humanidade: os xoguetes.

Con esta designación, a Encomenda do Cocido 2026 suma xa, ademais de Antonio Chaves, aos seguintes comendadores confirmados: o cirurxián torácico referente mundial e pregoeiro da Feira, Diego González Rivas; escritora, psicóloga e referente en superación persoal, Irene Villa; o seleccionador nacional de fútbol, Luis de la Fuente; o empresario lalinense referente no sector do frío, Ramiro Mejuto; o recoñecido físico e divulgador científico, Medalla Galicia de Investigación e Premio da Confederación de Sociedades Científicas de España, Jorge Mira, e a concelleira delegada de Turismo do Concello de Madrid e secretaria xeral da Unión de Ciudades Capitales Iberoamericanas (UCCI), Almudena Maíllo.

A Encomenda do Cocido recoñece cada ano traxectorias destacadas en diferentes ámbitos que contribúen a prestixiar Lalín, Galicia e os valores culturais e humanos que representan.

 

km0