- Carmen Canda remarca a importancia de fomentar os hábitos saudables e o envellecemento activo
- As persoas que desexen asistir deberán recoller a solicitude na recepción do Concello de Lalín e rexistrar dita solicitude no Rexistro
- Como requisito deberán ter cumpridos os 60 anos e estar empadroados no Concello de Lalín
- O custo da actividade é de 65 €/anuais. O número máximo de prazas é de 66, 22 por grupo
A concelleira de Envellecemento Activo, Carmen Canda, anuncia a apertura de prazo para a inscrición da actividade de musicoterapia para maiores de 60 anos o vindeiro mércores, 17 de decembro. Haberá 3 grupos en horario de 15:30 a 16:15, de 16:20 a 17:05 e de 17:10 a 17:55 h, todos os luns e mércores no Lalín Arena.
A musicoterapia é un obradoiro que axuda a envellecer de forma máis activa, mellora a saúde da nosa poboación e é un espazo que nace como instrumento normalizador e facilitador da activación social, mediante o deseño de actuacións orientadas a desenvolver habilidades sociais e socialización, aprendizaxe das técnicas levadas a cabo nas aulas para logo poder levar eses aprendizaxes ás nosas casas, fomenta a saúde, a autonomía persoal e a independencia das persoas maiores entre outras cousas. Ademais, procura permitir ás persoas espremer todo o potencial físico, mental e social ao máximo durante a súa vida.
Ademais dos numerosos beneficios que ten a musicoterapia para a saúde da poboación, tamén hai que ter en conta a multitude de beneficios sociais que conleva. A inclusión das persoas maiores na sociedade, a creación dun espazo de ocio e tempo libre, avaliación continua das melloras ou mantementos da saúde, a procura da erradicación da xerontofobia, etc. son fenómenos a ter en conta nestes tempos de avances e aumento da esperanza de vida da nosa poboación.
O programa de musicoterapia ten como finalidade desenvolver o potencial e/ou minguar déficits funcionais do individuo para que poida alcanzar a integración inter e intrapersoal e consecuentemente alcanzar unha mellora da calidade de vida a través da prevención, rehabilitación e tratamento.
Fomenta, tamén, establecemento de rutinas, favorecendo o ocio e as relacións interpersoais, creación de bos hábitos de exercicio físico e correctas mobilizacións, aumentando ou mantendo as capacidades das persoas usuarias, fomentando a autosuficiencia e a autoestima.
As persoas interesadas, que deben ser maiores de 60 anos e estar empadroadas no Concello de Lalín, recollerán a inscrición na recepción do Concello de Lalín e rexistrala no rexistro a partir do día 17 de decembro ás 8:00. O custo da actividade é de 65 €/anuais. O número total de prazas é de 66, 22 por grupo.