- O rexedor solicita a axilización das conexións para seis sistemas de saneamento e para o Local Social de Carragoso-Trigueiriza
- O Concello demanda reducir os prazos de dotación eléctrica a particulares e empresas afectados por demoras administrativas
- A compañía comprométese a facer unha análise exhaustiva na rede de distribución na zona de Vilatuxe onde se produciron os cortes de suministro puntuais en outubro.
O alcalde de Lalín, José Crespo, acompañado dos concelleiros de Urbanismo, Pablo Areán, e de Obras, José Cuñarro, así como do aparellador municipal Hervé Fernández, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con Marisa Álvarez Rodríguez, delegada provincial de UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, e con Vicente González Neira, xefe de operacións de Pontevedra da compañía, para analizar diferentes cuestións relacionadas co abastecemento eléctrico no municipio.
Durante o encontro, o rexedor solicitou aos responsables da compañía a axilización das conexións eléctricas necesarias para o funcionamento dos sistemas de bombeo e depuración de seis zonas lalinenses que aínda carecen de enerxía: Fondo da Xesta, Ateán e Fontao (Botos), Agruchave, Donramiro, Barciela e A Torre (Vilatuxe), e Maceira. Subliñou que “a posta en marcha destes saneamentos depende exclusivamente destas conexións, imprescindibles para garantir o servizo público e ambiental”. Nese sentido, a distribuidora eléctrica salientou que executará os traballos en canto dispoña de todos os permisos e autorizacións pendentes das Administracións implicadas.
Na mesa liña, no referido aos usuarios particulares e ás empresas, o alcalde trasladou á delegación provincial de UFD a preocupación polos prazos actuais de dotación eléctrica, que en moitos casos sofren importantes atrasos. A compañía lembra que os prazos de conexión dependen dos permisos e autorizacións das distintas Administracións. Neste senso, o alcalde fixo un chamamento a axilizar estes trámites “para evitar prexuízos a familias e emprendedores, sobre todo no rural”.
Crespo tamén reclamou a pronta activación do subministro eléctrico do Local Social de Carragoso-Trigueiriza, unha instalación municipal xa rematada pero que segue sen poder entrar en funcionamento pola falta de conexión enerxética. Sobre este tema, a compañía comprometeuse a axilizar ó máximo os trámites para conectar o local social.
Así mesmo, Crespo volveu expoñer a problemática dos cortes de subministro detectados na parroquia de Vilatuxe e na súa contorna. A empresa lembrou que en Vilatuxe cúmprense os límites de calidade do subministro eléctrico establecidos pola lexislación sectorial. Non obstante, UFD comprométese a realizar unha análise exhaustiva da rede de distribución na zona onde se produciron as reclamacións.