É a XIX edición deste concurso, cuxo prazo de apertura abrirase nos próximos días, e poderanse presentar as propostas ata o 3 de novembro.
A finalidade desta iniciativa municipal é promover a reflexión sobre a problemática da violencia de xénero
A concelleira de Igualdade Begoña Blanco anunciou que “este ano o Concello de Lalín convocou novamente o Concurso de cartas “Dillo a quen maltrata” 2022, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero”. O concurso rexirase de acordo coas bases aprobadas pola Xunta de Goberno Local e que o luns sairon publicadas no Boletín da Provincia de Pontevedra”.
Begoña Blanco expón que “esta iniciativa ten por obxecto a concesión de premios do XIX Concurso de cartas “Dillo a quen maltrata”, organizado polo Concello de Lalín, a través da Oficina de Igualdade, coa finalidade de promover a reflexión sobre a problemática da violencia de xénero nas súas diferentes manifestacións física, psicolóxica, sexual, económica, estrutural, vicaria..., así coma os efectos e consecuencias da mesma”.
Ademais a concelleira indicounos que “nas bases explícase toda a información, e están dispoñibles na oficina de Igualdade e na web lalin.gal. Poden participar todas as persoas que o desexen, que poderán enviar un máximo de tres cartas por participante. Deberán ser enviadas xunto coa ficha de inscrición ao Rexistro Xeral do Concello de Lalín, ou por correo electrónico a igualdade@lalin.gal. A temática das mesmas é a violencia de xénero, sendo a extensión máxima dous folios, e ser orixinais, inéditos e non presentado anteriormente”.
Os criterios de valoración para elixir ás persoas premiadas serán o contido e tratamento do tema, a orixinalidade, expresión e presentación en xeral. O prazo de recepción comezará ao día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e estará aberto ata o 3 de novembro. O xurado está composto por concelleiros e concelleiras de diferentes áreas municipais, por representantes dos grupos da oposición e por persoal técnico. O premio será un diploma acreditativo así como tablets para o primeiro e segundo, e lector de libros para o terceiro.
A concelleira de Igualdade animou a “toda a veciñanza a presentarse a esta iniciativa, xa que estamos a falar dunha lacra que afecta a toda a sociedade, e sobre o que todos podemos reflexionar. Con esta acción o Concello visibiliza este gran problema e promove a súa prevención”.