Maxistrada titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, dende xaneiro do 2012 ata novembro do 2020.
Na actualidade Maxistrada titular do Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela con funcións de violencia compartida.
Ingresou na carreira xudicial hai 25 anos. O seu primeiro destino foi Lalín, onde iniciou a súa actividade xurisdicional integramente en galego, tanto falado como escrito, non constando nesas datas actividade xurisdicional en galego integramente nos xulgados; logo trasládase a Ferrol e posteriormente a Santiago de Compostela, ata o ano 2012, cando comeza a prestar os seus servizos en Vigo.
Forma parte da Asociación de Xuízas e Xuíces para a Democracia e, dentro desta, coordina a Comisión de Violencia e tamén é integrante da Comisión de Igualdade. Ambas comisións están dedicadas a realizar estudos e informes acerca de materias relacionadas coa violencia sobre a muller, a prostitución e a trata de persoas.
Participa na formación de membros dos Corpos de Seguridade dentro do marco da Xunta de Galicia e tamén na Delegación de Goberno así como de Policía Local con función de seguimento de ordes de protección. De igual xeito participa na formación continua para funcionariado autonómico en materia de violencia e igualdade, e na formación continúa dos CIM de Galicia.
Participa coa Universidade de Vigo en materias relacionadas con formación en materia de igualdade, e en proxectos a nivel europeo relacionados con materias de Violencia sobre a muller-intérpretes para as vítimas destes delitos así como de trata de persoas.
Forma parte da Comisión de Igualdade e estudos feministas do Consello da Cultura Galega, encargándose de realización de estudos, informes, así como xornadas formativas e divulgativas relacionadas coa muller e co seu papel social. Abordando a visibilización da situación das mulleres no marco da violencia de xénero.