Igualdade

XX NOVAS FRONTEIRAS NA IGUALDADE DE OPORTUNIDADES 2.0:

VIOLENCIAS- MASS MEDIA - CONSENTIMENTO - COEDUCACIÓN

 

A VIOLENCIA E OS HOMES DE VERDADE/ A EXPROPIACIÓN PATRIARCAL DOS CORPOS DAS MULLERES/ FEMINISMO ANTIESPECISTA: ÉTICA ANIMAL DENDE A PERSPECTIVA DE XÉNERO/ 20 ANOS DE TRABALLO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO/ MASCULINIDADES, DIVERSIDADE E REDES SOCIAIS/ A VULNERACIÓN DOS DEREITOS HUMANOS A TRAVÉS DA LEXITIMACIÓN DAS VIOLENCIASSEXUAIS/ PANTALLAS E SOMBRAS: A VIOLENCIA DIXITAL E A PORNOGRAFÍA NA ERA DA XERACIÓN Z/ AS MULLERES QUE NON OBEDECEN: MULLERES AGRESIVAS E VIOLENTAS/ A FICCIÓN DO CONSENTIMENTO SEXUAL/ MACHOS ALFA-BETIZADOS NO CONSENTIMENTO/ DISCURSOS CONTRARIOS Á EDUCACIÓN SEXUAL NOS CENTROS EDUCATIVOS/ COEDUCAR PARA TRANSFORMAR: COMPETENCIAS DOCENTES FRONTE Á VIOLENCIA DE XÉNERO/ EMOCIÓNS FRONTE ÁS VIOLENCIAS/ COEDUQUEMOS PARA NEUTRALIZAR AS VIOLENCIAS

 

MiguelLorenteSilviaLópezFreireCatiaFariaPazFilgueiraPazIvánGombelMabelLozano

PatriciaAlonsoRuidoIrantzuVarelaRosaCoboOctavioSalazarSorayaCalvoGonzález

MªÁngelesRebolloCatalánCarmenRuizRepulloCaspervekMilenaVillarVarelaMaríadelMar

SanjuanRoca SusiPayoNegroCelsoTaboadaLorenzo

 

AMOR ROMÁNTICO; Arte; CAPITALISMO; Coeducación; CONSENTIMENTO; Cultura da Violación; EDUCACIÓN; ESCOLA; FEMINISMOS; Hipersexualización; INTELIXENCIA ARTIFICIAL; MACHISMO; Masculinidade; massmedia; Manosfera; NORMATIVIDADE; PATRIARCADO; PoRNIFICACIÓN; Pornosocialización; Prostitución; SEXISMO; SEXUALIDADE; Trata; VIOLENCIAS; XÉNERO

 

 

Seguimos vivindo nunha sociedade cunha marcada situación de desigualdade, nun marco complexo e poliédrico, de relacións de poder e dominación dos homes sobre as mulleres, a pesar da loita incansable de moitas persoas que se sumaron ao esforzo de lograr maiores cotas de liberdade e democracia, e por mor dunha historia dominada polo sistema patriarcal.

Nomear é crucial para o exercicio da igualdade e a erradicación das violencias, o traballo de nomear é a primeira tarefa revolucionaria e pedagóxica. Para estes cambios de tendencia será necesaria a capacitación do profesorado en cuestións de xénero e que o alumnado tome conciencia dos prexuízos sociais en materia de xénero para que poidan, no seu futuro profesional, telos en conta no deseño de aplicacións baseada no traballo en igualdade. E neste curso de verán trataremos de darlle resposta a varias destas actuais, interesantes e importantes cuestións.

A teoría e a historia do feminismo estiveron, e continúan estando, ausentes de feito nos plans de estudo dos institutos e as universidades e, como consecuencia, cada xeración de mulleres esquece os saberes construídos pola xeración anterior e aflora a obriga de ter que interpretar as propias experiencias cunhas ferramentas teóricas, adquiridas na educación regulada, que non permiten responder aos interrogantes propostos, e levan a ter que tirar de fíos case invisibles cos que ir desenterrando o que escribiron as grandes mestras do feminismo.

Observamos que a tiranía misóxina ten un espazo prioritario nas nosas aulas, universidades e escolas, nos que ao mesmo tempo que se apela á liberdade, edúcase dende a diferenciación sexual e baixo o paraugas da violencia, denígrase a moitas das estudantes e establécense sistemas de reparto de poder que parecían doutra época peor. É importante facernos conscientes de que neste contexto as persoas educadoras normalizamos, mantemos e transmitimos valores sexistas e machistas sen ser realmente, na maioría dos casos, conscientes da situación que vivimos e transmitimos.

Temos que poñer baixo sospeita o “matrimonio” entre o Patriarcado e o Capitalismo, e desta maneira mudar os sistemas sociais, familiares e persoais neoliberais baseados na acumulación de capital, por modelos que aposten pola vida e polo coidado como eixo articulador da economía que organiza os nosos tempos, os nosos espazos e formas de vivir.

Todas as persoas estamos condicionadas por un machismo que se resiste a desaparecer, non é un problema dalgunhas persoas que sofren violencias explícitas directamente senón de toda a sociedade, e parece que se reforzaron este tipo de mensaxes de éxito sexistas e misóxinas nos últimos tempos. Nestes novos escenarios patriarcais e neoliberais o éxito persoal e futuro é netamente individualista e tóxico, recuperando e poñendo en valor, principalmente en Redes Sociais, condutas baseadas no clásico sexismo hostil (Lameiras, 2004) caracterizando ás mulleres como un grupo subordinado, que lexitima o control social que exercen os homes, principalmente sobre os seus corpos. Recupera a súa esencia mais rancia, o sexismo benevolente baseado no prexuízo tradicional que idealiza ás mulleres como esposas, nais e/ou obxectos románticos, e presupón a inferioridade das mulleres, pois considera que as mulleres necesitan dun home para que as coide e protexa, e a súa vez, utiliza un ton subxectivamente positivo con determinadas mulleres, as que asumen roles tradicionais, como criaturas puras e marabillosas cuxo amor é necesario para que un home estea completo, a través de modernas formas do clásico e nunca extinto amor cortés. Ademais o sexismo benevolente axuda ao sexismo hostil avalando a certos homes sexistas a ser “supostos benefactores” das mulleres, e desculpar a súa hostilidade só ante aquelas mulleres que “o merecen”. Este sexismo benevolente tamén suscita condutas prosociais clásicas como as de “axuda ou protección” para as mulleres, sen que o precisen nin o pidan!

Tanto o sexismo hostil como o sexismo benevolente teñen as súas raíces ao redor de tres compoñentes comúns: o paternalismo, a diferenciación de xénero e a heterosexualidade normativa, as cales están en plena vixencia no ideario da escola, das universidades, nas redes sociais e na política actuais, buscando mais espazos de fricción que de encontro. É mais necesario que nunca, xerar e manter abertos espazos de reflexión académica que están pensados dende o compromiso social e o coidado, coma fomos aprehendendo neste curso en dúas décadas, para poder ter espazos de aprendizaxe fora do “ruído” xa case “natural”, que padecemos nas diferentes institucións, incluída a Universidade.

Nacen novos problemas en tempos novos. Nesta era dixital na que as principais canles de comunicación son as redes sociais, nace un novo fenómeno de masas que se estuda como a “Manosfera ou Machosfera”, coma unha inmensa colección de sitios web, blogs, foros... en liña, que promoven a masculinidade salientada, a hostilidade cara as mulleres, unha forte oposición ao feminismo e que promoven unha misoxinia esaxerada.

A manosfera está asociada co acoso en liña, así como con outros actos de violencia extrema fora do mundo dixital, e está implicada na radicalización dos homes en miras a que cometan actos de violencia contra as mulleres. Como explica o politólogo Cas Mudde na súa obra “The far right today”, a dereita radical contemporánea ten entre os seus trazos máis notorios a existencia dun sexismo hostil, que combina unha masculinidade fráxil e agraviada coa misoxinia máis violenta. Un enorme conxunto de subculturas dixitais que, desde internet, nutren esta corrente con grupos antifeministas como os incels (célibes involuntarios) “un conxunto de homes que consideran que o mundo e as mulleres néganlles o seu “dereito ao sexo”, os pickup artists ou “artistas do ligue” que desde YouTube “ensinan” como ter sexo rápido con mulleres, MGTOW (Men Going Your Own Way), o movemento polos dereitos dos homes, blogueros e comentaristas, así como algúns grupos de gamers, entre outros.

Mais de actualidade, o desenvolvemento de ferramentas baseadas na Intelixencia Artificial (IA) inflúen cada vez máis no comportamento, opinións e actividades de todas as persoas da sociedade moderna, por iso é necesario integrar na formación competencias éticas e sensibles ao xénero para garantir unha IA fiable e eficaz. A IA é unha ferramenta humana e, como tal, sofre todas as circunstancias inherentes ao ser humano.

A tecnoloxía non é neutra e como afirma Judy Wacjman non leva implícita a transgresión do status-quo establecido, senón que o reforza. A transversalización da perspectiva de xénero no campo da Intelixencia Artificial (IA), está a ser un novo campo de análise na formación e investigación universitaria e social xa que a maioría de profesionais relacionados con IA son homes e as súas experiencias conforman e dominan a creación dos seus algoritmos. As novas tecnoloxías dixitais presentan nesgos de xénero, raza e clase (Buolamwini y Gebru, 2018¸ D'Ignazio y Klein, 2018, Criado Pérez, 2018, Crawford, 2021).

A análise de xénero da ciencia e a tecnoloxía permite identificar e denunciar como os produtos e as prácticas tecnocientíficas poden impactar negativamente nas vidas das mulleres, ademais de identificar rumbos sexistas nestes produtos e prácticas (González, 2018).

As universidades deberían contribuír a que o desenvolvemento tecnolóxico por e para as persoas integre a perspectiva de xénero e apoie ás mulleres no seu apoderamento (Sainz de Baranda et al., 2021), e cumprir desta forma co obxectivo 5 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados pola Organización das Nacións Unidas (2015); coa Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, que no seu apartado sétimo, establece a obriga das universidades de incluír e promover os principios de igualdade de xénero e non discriminación en todos os ámbitos académicos: formación, docencia e investigación, de forma transversal; coa Lei Orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, que establece a obriga de que os plans de estudo incorporen o significado e alcance da igualdade entre mulleres e homes; e coa Lei da Ciencia e a Tecnoloxía (2011) que incorporou medidas para promover a introdución do xénero como categoría transversal na investigación.

A UNESCO publicou recentemente un informe que ofrece recomendacións sobre como abordar as consideracións de igualdade de xénero nos principios da IA (UNESCO, 2020). Insiste na necesidade de desenvolver no sector da educación plans de estudo e pedagoxías que integren mellor as ciencias sociais interdisciplinarias, a ética e a alfabetización tecnolóxica nos niveis de educación secundaria e terciaria. Unha intelixencia artificial fiable debe ter como un dos seus piares éticos a igualdade de sexo e xénero (Navas, 2021). A igualdade é fundamental para atopar solucións tecnolóxicas que axuden a erradicar a violencia de xénero, evitar prexuízos nos deseños tecnolóxicos e a perpetuación de estereotipos (UC3M, 2021).

Dende todos os Mass Media e cunha simple mirada ao noso arredor, podemos comprobar, e toda muller sabe, que por moitos que sexan os seu méritos, non vale tanto si non é “guapa”. Tamén sabe que cada día que pasa vai perdendo implacablemente a “beleza”, pouca ou moita que posúa. Os corpos son un elemento central sobre o que se articulan os plantexamentos de moitas investigadoras e pensadoras feministas. A construción da feminidade como mera corporeidade sitúa o corpo das mulleres no centro de moitas batallas, como acertadamente denomina o título cadro da artista feminista Barbara Kruger “Your Body is a buttleground”. O persoal segue a ser político. A feminidade do novo milenio non pode deixar de ser consciente de que a opresión se exerce en e a través das súas relacións mais íntimas, comezando coa mais íntimas de todas, a relación co seu propio corpo. A corporalidade diferenciada é transmitida, entre outras estancias e de maneira central, polos modelos simbólicos que a escola manexa. Porque é a propia escola a encargada de reproducir a ideoloxía e os estereotipos de xénero dende a infancia en razón da determinación da súa corporalidade.

A pesar da extensa literatura feminista, das moitas investigacións relacionadas, e dos esforzos por mudar as formas de amor tóxico, o amor romántico, segue a ser un nicho de violencia patriarcal e un espazo de mantemento “natural” das violencias machistas. O AMOR ten sido o opio das mulleres, coma a relixión o das masas. Como escribía Kate Lillett, namentres as mulleres amaban, os homes gobernaban. E con esta idea para nada se pretende indicar que o amor é malo, senón explicar que a maneira que se empregou e emprega é para enganar as mulleres e facelas dependentes, en todos os sentidos. O amor romántico é unha potente ferramenta do patriarcado para controlar e someter ás mulleres, sendo conscientes de que combinando cariño e maltrato pódese esnaquizar a autoestima e provocar dependencia. O romanticismo patriarcal é un mecanismo cultural para perpetuar o patriarcado, moito mais potente que as leis. A nosa cultura idealiza o amor feminino como un amor incondicional, abnegado, entregado e sometido. O que entre seres verdadeiramente libres sería outra cousa.

A pesar dunha maior concienciación acerca das duras situacións de violencia, principal e exponencialmente sobre as mulleres, e pese ao desenvolvemento actual de diversas regulamentacións, e maiores cotas de igualdade formal, mantense o incremento dos casos de trata con fins de explotación sexual, que pasou de ser un fenómeno social histórico a unha crecente industria sexual global que se move desde unha lóxica empresarial e que extrae os seus enormes beneficios dunha demanda incentivada por unha cultura hedonista que xenitaliza o social e que naturaliza a cousificación e a hipersexualización dos corpos das mulleres e das nenas.

Neste sentido é preocupante a noticia de que durante o confinamento debido á pandemia por COVID19 incrementáronse as vendas e demanda de robots sexuais que incorporan intelixencia artificial. Segundo a antropóloga Kate Richardson (2017), estes robots fomentarán as desigualdades de xénero que se dan na industria do sexo.

Relacionada está a trata con fins de explotación sexual, como efecto explícito das violencias simbólica, cultural, sexual e estrutural, que volta a evidenciar unha realidade económica na que o capitalismo globalizado e o patriarcado se integraron de tal modo que as vítimas son reducidas a mercadorías a partir da validación da súa posición de xénero subordinada. Ver o contexto con este prisma, permitirá comprender que este fenómeno non pode ser reducido a un mero asunto de loita contra o crime organizado, senón que debe percibirse como un mal que involucra moitos aspectos mais do cotiá social do que a miúdo estamos en disposición de recoñecer.

Dicía Jhon Stoltenverg (2000) que “a pornografía minte sobre as mulleres, pero dí a verdade sobre os homes” porque nenos e nenas, logo mozos e mozas, aprenden e interiorizan perfectamente que as mulleres, en última instancia, están para servir os desexos e o proxecto de vida dos homes. Apréndeno a través de moitas canles e de todos os axentes de socialización, pero principalmente a través da imaxe que amosa das mulleres a chamada “industria sexual”, da pornografía e da prostitución.

A mensaxe que transmite é a de normalizar, banalizar e idealizar a prostitución e a sexualidade heteropatriarcal como se fose algo que empodera ás mulleres. A pornificación da cultura e a pornosocialización, son os actuais elementos estruturadores da educación sexual e afectiva de mozos e mozas na actualidade. Como comenta a profesora Ana de Miguel (2012) “a prostitución é unha auténtica escola da prepotencia, da violencia e dos valores patriarcais máis rancios”.

A pornografía e a “pornosocialización” son un instrumento máis de erotización da violencia. Ás mozas colócaas nunha posición na que o seu capital sexual é un elemento de explotación. Plataformas como TikTok están a normalizar que as mozas vexan o seu capital sexual como o seu principal recurso, en lugar do seu capital cultural ou social. Isto é especialmente perigoso con plataformas como OnlyFans ou Sugar Baby.

Non hai que esquecer que a pornografía chega cada vez a idades máis temperás, que hai unha normalización dentro dos grupos de WhatsApp e dos grupos de Telegram. Están a advertir que onde se están detectando máis problemas nos centros educativos é en quinto e sexto de primaria e en primeiro e segundo da ESO. Son as primeiras etapas onde chega o móbil, os primeiros grupos de WhatsApp e están a compartir determinados stickers ou vídeos pornográficos, que moitas crianzas son incapaces de comprender e filtrar e que en ocasións, comparten contidos que son delitos sexuais. Non podes compartir vídeos onde están a agredir a un menor coa mal chamada “pornografía infantil”.

O impacto da pornografía na mocidade. Como impacta a pornografía e que relación garda o consumo de pornografía con determinadas prácticas violentas. Hai unha normalización de prácticas violentas: aforcar, losquear ou insultar, que se converten en prácticas sexuais habituais.

A cultura da violación maniféstase a través da aceptación de violacións como un feito cotiá, e incluso como unha prerrogativa masculina. Ademais os sistemas de sanción social tamén se usan sobre as propias vítimas culpándoas, atemorizándoas, deixándoas desamparadas ante as autoridades sociais, amparando o sistema de estigmatización das vítimas de violación e as súas familias.

A causa raíz da Cultura da Violación é a "dominación e obxectualización das mulleres", baseada en aspectos sociais da cultura hetero-patriarcal ligados á educación afectiva sexual, e a complexas actitudes socio-políticas que o feminismo pon en directa relación e as denomina como propias culturas do Medo, do Silencio e da Impunidade.

Neste momento esta situación é de tal magnitude que en España denunciase un caso de violación cada catro horas. As mulleres viven nunha situación de indefensión social e de terror sexual construído e mantido dende o patriarcado como ferramenta principal de opresión masculina, e os homes son cómplices silenciosos destas habituais, duras e crueis situacións. Os nenos, dende os oito anos, consumen habitualmente pornografía como modelo de aprendizaxe de coñecemento do seu desexo e da súa sexualidade, sen outros referentes. E non debemos esquecer que a violencia sexual se produce nos fogares, nas rúas, nos espazos de lecer, pero tamén nos espazos educativos e nas nosas universidades.

Parécenos básico reflexionar sobre cal é o noso papel sobre esta problemática, xa que as mulleres vítimas de violencias por razón de xénero están no sistema educativo e nas nosas universidades. A sexualidade é ao feminismo o que o traballo ao marxismo. A sexualidade é o proceso social polo que se crean, organizan, expresan e dirixen as relacións sociais de xénero.

Como indica Carmen Ruíz Repullo, “toda a estrutura que xustifica, alimenta e permite que a violencia sexual se produza, non se erixe directamente sobre o feito en si (da agresión sexual), senón sobre o sistema que o sostén e provoca que pase desapercibido”.

A loita contra a violencia sexual vive un punto moi álxido no presente. A conciencia da sociedade atópase mais esperta tras coñecer casos como o de Gisele Pelicot, a muller que foi drogada polo seu propio marido para que decenas de homes a violasen. Así como as violacións grupais que neste momento ocorren entre nenos en centros de primaria, onde tanto a vítima como os agresores son menores. O problema, como advirten expertas coma Carmen Ruiz Repullo ou Marian Moreno Llaneza, non radica unicamente na aparición destas accións xa consumadas, senón nun sistema que non está implementando as estratexias necesarias para previlas. A carencia dunha axeitada Coeducación, segue sendo un lastre interxeracional en España.

Nos últimos anos as dilixencias incoadas a menores por delitos contra a liberdade sexual triplicáronse, pasando de 1.081 casos en 2015 a 3.185 en 2023, segundo a memoria do Ministerio Público. Coñecemos que as causas son diversas e van dende a falta dunha educación sexual axeitada, a tolerancia social a certas “bromas” sexuais que normalizan a cousificación das mulleres, ao acceso temperá a contidos pornográficos violentos sen contrapesos e sen contar coas estruturas mentais pertinentes que lles permitan procesalo, así como á persistencia inevitable, ata o momento, dun machismo estrutural que permea e impregna de misoxinia e machismo tanto o entorno escolar como a sociedade no seu conxunto.

No informe “Silenciadas” de Save the Children de 2024, queda claro por parte de profesionais que traballan con menores agresores e vítimas de violencia sexual, que o discurso negacionista está a influír no aumento dos casos e tamén na reacción por parte da adolescencia e a mocidade en canto a esta temática. É certo que as mensaxes van máis dirixidas cara aos mozos que cara ás mozas, mensaxes como “a violencia non existe”, “nós si que somos as verdadeiras vítimas desta violencia” ou “a maioría das denuncias son falsas”. Son mitos que non teñen ningún argumento, nin de datos nin de relatos, é dicir, non se asemellan á realidade do problema, pero teñen un impacto.

O non recoñecemento do problema é a primeira dificultade que nos atopamos á hora de previlo.

Consumen redes, onde se coan toda esta ideoloxía, estes mitos e estes bulos, que ao final teñen un impacto na súa vida cotiá.

Hai determinadas series que teñen moita pegada na xente nova, que o que fan é normalizar que o teu noivo te persiga, te controle ou te esixa determinadas prácticas sexuais, aínda que ti non as desexes, porque é unha mostra de amor. Isto é o que ten que chegar aos medios de comunicación. Se só nos chega a fase máis extrema da violencia, hai moitas mozas, incluso os mozos que a exercen, que non son capaces de identificar, por exemplo, que o control é unha forma de violencia. É imprescindible que entendan, que ti non tes que mandarlle continuamente á túa parella mensaxes por WhatsApp para ver onde está, con quen está, que che mande localización, que che mande unha foto para saber que estás ben ou durmir con ela por videochamada porque é unha mostra de amor. Hai que desromantizar esa violencia do inicio.

É imprescindible traballar sobre o impacto das redes sociais e levar a educación sexual ás aulas, desde os primeiros anos, ás familias e aos medios. Temos que evidenciar que cando falamos de educación sexual non falamos de prácticas sexuais, senón de moito máis, traballo de prevención, traballo de límites, traballo do corpo, traballo das emocións.

O concepto de consentimento é clave á hora de abordar a violencia sexual, para identificar que cando non hai consentimento sempre hai violencia.

Hai que traballar moito na prevención, o pensamento crítico, o ir aula por aula, tamén traballar moito co profesorado para que teña argumentos para contrarrestar eses mitos e bulos que circulan con tanta forza. Hai que traballar moito na responsabilidade das redes sociais, en campañas que estean dirixidas cara á adolescencia cunha linguaxe adolescente.

As solucións pasan por cumprir as leis xa existentes, como a de igualdade de 2007, o Convenio de Estambul ou a LOMLOE, e que o profesorado poida e deba coñecer, solicitar e implementar programas e proxectos integrais sobre educación sexual e coeducación de maneira obrigatoria, sistemática e cun amplo respaldo das Administracións, para poder educar no consentimento dende Educación Infantil, non en termos sexuais senón en dinámicas cotiás, coma aceptar o rexeitar unha aperta ou un bico nun xogo ou nun evento social, interiorizando o respecto sobre os límites propios e alleos sentando as bases para as relacións igualitarias no futuro, que son principios reitores deste Curso de Verán dende, o seu inicio, xa fai vinte anos.

Na vida das mulleres a tensión entre o perigo sexual e o pracer sexual é moi poderosa. Sanyal (2009) indica que “ser advertida da posibilidade de sufrir unha violación segue formando parte da iniciación no mundo dos xéneros para as mulleres”. A cultura da violación está amparada por pensamentos, crenzas e mitos, pero tamén pola permisividade de estruturas, organismos e institucións, que culpan ás vítimas e xustifican aos vitimarios, que permiten o proceso de pornosocialización e xeran na pornografía un novo nicho de poder, e que entenden a prostitución e a trata con fins de explotación sexual como un dereito masculino. Coidado, medo, culpa e impunidade son os referentes das mulleres neste contexto social de violencias patriarcais.

Ademais xorden novos espazos de violencia a través das redes sociais e en internet, que obrigan a reflexionar sobre a reacción patriarcal na “manosfera” e prestar atención á ciberexplotación dos corpos das mulleres. A ciberprostitución forma parte da “industria do sexo”, que converte ás mulleres en obxectos comercializables, en materia prima, e colócaas en posición de especial vulnerabilidade e no branco do neoliberalismo sexual. A ciberprostitución, intimamente relacionada coa prostitución. Está “branqueada” a través de potentísimas e poderosas plataformas, do estilo de “Onlyfans”, que venden liberdade de mercado e empoderamento feminino, incorporando e glamourizando estes espazos con atractivas persoas famosas e influencers.

É importante, neste contexto, coñecer certos datos como nos indica unha análise realizada pola profesora Carmen Ruiz Repullo, sobre a plataforma Onlyfans, que tiña en 2020, 1,5 millóns de creadoras de contido (mulleres) para medio millón de persoas usuarias ao día (homes) que producen uns beneficios de 2.000 millóns de euros. O perfil das rapazas que xeran contido sexual para Onlyfans en España, indica que o 80% son mozas entre 18 e 25 anos, con nacionalidade española e con estudos post-obrigatorios, das cales o 30% son universitarias.

Temos, para a nosa nova axenda, que coñecer os cambios lexislativos actuais rachar co relato único da violencia sexual, problematizar co concepto de consentimento sexual e rachar co silencio que mantén a impunidade patriarcal.

Desta maneira interésanos manter aberta a necesaria reflexión sobre a nova Lei de Garantía Integral de Liberdade Sexual, máis coñecida como lei de "só si é si", unha das leis máis vangardistas do mundo en favor dos dereitos das mulleres aprobada no Congreso dos Deputados de España con 205 votos a favor, pero con 141 deputadas e deputados en contra. Con esta nova Lei, por fin, a educación sexual será obrigatoria en todas as etapas educativas, así como nas carreiras universitarias vinculadas á docencia, ao ámbito sanitario e ao xudicial. Dado que aínda non está previsto nin no currículum educativo da escolaridade obrigatoria, nin no currículum universitario, nin na formación de profesorado, atender desde este curso de verán estas necesidades é apremiante e necesariamente importante.

A violencia contra as mulleres segue sendo un grave problema social e democrático a pesar das medidas postas en marcha nos últimos anos. Nos últimos tempos está a experimentarse e investigando sobre o uso da Intelixencia Artificial como sistema de tratamento de datos e información para identificar grupos de risco e acadar ou mellorar as medidas necesarias, principalmente na exploración das vítimas pola medicina forense nos xulgados, de gran interese, debido a que recibe información relacionada non só coa agresión, senón tamén da súa contorna social, familiar e económica. Este tipo de ferramentas teñen que ser analizadas e debatidas con enfoque de xénero e coa suficiente cautela para non eximir destas análises capacidades humanas fundamentais como a empatía, así como poñer en valor sentimentos persoais e valores sociais relativos ás circunstancias que acompañan ás vítimas de violencia de xénero, que profesionais cunha boa formación nesta materia saben manexar e que desde a IA poderían quedar nun segundo plano.

Temos que reflexionar sobre algúns perigos actuais, como a banalización da violencia de xénero que, desde os medios de comunicación e desde certas políticas de representación, reducen o conflito real (que é a relación de dominación e explotación estrutural que supón o patriarcado), a unha cuestión de vítimas e verdugos, de homes e mulleres, de violencia machista só entendida en base a agresións físicas e feminicidios. Que aínda que ten que ter todos os recursos ao seu alcance para poñerlle fin, non debe ser entendida como algo causal, e si estrutural.

Calquera tipo de violencia fundaméntase nunha relación de poder onde alguén trata de dominar a outra persoa pola forza, contra a súa vontade; trata de obrigala a que faga o que non desexa, a que se pregue e recoñeza a súa inferioridade e dependencia con respecto a quen exerce a violencia explícita ou simbólica. Ditas violencias pódense exercer individualmente ou como grupos de poder social, político, cultural, relixioso, familiar..., de maneira directa contra calquera persoa (especialmente mulleres), contra o seu status, os seus bens, as súas diferentes pero lícitas formas de vida e/ou contra as posibilidades de crecer e desenvolverse socialmente de maneira autónoma e digna. Ditos contidos son, sen dúbida, aspectos realmente meritorios para reflexionar no exercicio educativo formal e informal con toda a comunidade, neste momento histórico e particular

Contamos con certos recursos, avances lexislativos, identificación social e incluso acordos, con respecto a terribles situacións, relacionados coa violencia machista e cos finais tráxicos de asasinatos de mulleres e menores a mans de parellas e pais. Beatriz Ranea Triviño no seu libro “Feminismos”, aclara dende o termo mesmo de Feminicidio, que non se trata soamente de describir os crimes que cometen homicidas contra as mulleres e nenas, senón da construción social destes crimes de odio, culminación da violencia de xénero contra as mulleres, que vivimos diversas formas e graos de violencia cotiá ao longo de toda a vida, así como da impunidade que os configura. O Feminicicidio é a cima da normalización e da tolerancia da violencia de xénero e doutras formas de violencia que desencadean nun proceso de violencia institucional sobre toda a sociedade.

Como tan acertadamente e de maneira tan atemporal, escribía Bell Hooks no seu libro “Teoría Feminista: dende as marxes ao centro”, mulleres e homes deben opoñerse ao uso das violencias como forma de control social en todas as súas manifestacións: guerra, violencia de xénero, violencia sobre menores, violencia adolescente, violencia racista, etc. Os esforzos feministas para poñer fin á violencia machista deben expandirse como movemento que busque acabar con todas as formas de violencia, poñer fin a todas as formas de dominación, nun contexto no que traballemos para erradicar a idea de que as estruturas xerárquicas deban ser a base da interacción humana.

Neste sentido, é fundamental recoñecer que as relacións de poder que sustentan estas violencias tamén se reflicten nas dinámicas de opresión cara a outras especies. O feminismo antiespecista amplía esta reflexión ao cuestionar o uso de estruturas patriarcais de dominación para xustificar a explotación animal. Igual que as mulleres son historicamente subordinadas baixo o pretexto da súa utilidade ou inferioridade, os animais sofren unha violencia estrutural sistemática baseada nunha lóxica de control e explotación. Este enfoque convida a pensar nunha educación que recoñeza a interconexión entre todas as formas de opresión, promovendo unha ética de coidado e xustiza para todas as vidas.

A abordaxe das diferentes formas de violencia que se poden manifestar dende o patriarcado, das violencias masculinas cara ás mulleres pero tamén cara a outros homes, menores, persoas maiores, con diversidade funcional e psíquica, dependentes,... así como outras formas de control, submisión e dominación que con certos matices, formas e representacións diferentes que se amosan e representan na sociedade, son un eixo central dos contidos que abordaremos neste novo curso.

A vinculación entre feminismo e educación deuse fundamentalmente a partir de propostas coeducativas, asociadas á pretensión de igualdade de oportunidades en educación, baseando a intervención educativa nas cuestións de socialización e roles de xénero. Máis aló desta formulación, a proposta desde as pedagoxías feministas pon no centro a ruptura de esquemas que impiden a libre realización. As pedagoxías feministas promoven a deconstrución das categorías identitarias hexemónicas "home-muller" e "masculino-feminino", os mandatos de xénero asociados e as narracións androcéntricas. Son filosofía e práctica de ensino que toman as ferramentas da teoría e a acción feminista para analizar o feito educativo e facer propostas, tanto no ámbito da educación formal como da non formal.

Dende esta perspectiva, a escola ten por obxecto inducir e estimular o proceso de se converter en persoa a través da maduración integral de todas as capacidades potenciais, non só as cognitivas, senón tamén as afectivas e as condutuais. O desenvolvemento afectivo-emocional e sexual das persoas, o descubrimento do propio corpo, o coñecemento e expresión das emocións e sentimentos, a capacidade de verbalizalos mediante a adquisición de conceptos e criterios reflexionados e responsables, contribúen de xeito eficaz á mellora da autoestima, da intelixencia emocional e da autonomía, así como á construción das identidades sexuais desde o respecto e a liberdade. A educación afectivo-emocional e sexual con enfoque de xénero, moitas veces esquecida no currículo educativo, é fundamental na formación da personalidade, influíndo positivamente na calidade de vida, na adquisición de hábitos básicos de saúde e benestar, na vivencia do pracer sexual e na consecución da felicidade e, en último termo, na loita contra a violencia machista.

Pese a todas as evidencias, e a pesar de contar con materiais, programas e algunhas persoas expertas, a implementación de programas efectivos de coeducación de maneira xeneralizada, segue enfrontándose a múltiples obstáculos e falta dun apoio real por parte das Administracións Educativas principalmente a quen traballa deste ámbito, así como a coexistencia e esforzo destrutivo paralelo da ofensiva dalgúns sectores sociais ultraconservadores que non en poucas ocasións instrumentalizaron o debate educativo democrático e consensuado para a súa particular “guerra cultural”, redundando nunha maior polarización neste necesario debate.

Este tsunami de violencias patriarcais pode e debe ser tratado, estudado e aminorado a través da acción coeducativa das escolas. Desde a filosofía coeducativa resulta imprescindible traballar estes contidos transversais e actitudinais nas aulas, para que a escola non se limite a ser só instrución senón un lugar de formación de persoas, e para iso as nenas e os nenos deben ser protagonistas do proceso de aprendizaxe, mediante a súa participación activa, propiciando unha contorna na que lles resulte doado falar das súas dúbidas, preocupacións e temores particulares, en relación a un tema que en xeral resulta difícil e delicado de abordar por parte do profesorado e do propio alumnado polo que require traballo serio e honesto e formación específica.

Como afirma a gran coeducadora feminista galega e compañeira noutras edicións deste curso de verán Lola Ferreiro (2017), (tristemente finada fai moi pouco tempo), para que o proceso de coeducación sexa efectivo, requírese, en primeiro lugar, establecer a orixe e as causas da desigualdade, identificar todas e cada unha das súas expresións, e deseñar a intervención educativa integral, tendo en conta que os obxectivos e contidos deben incluír o conxunto de claves do tema, que a metodoloxía elixida non debe contradicir a estratexia de intervención e, desde logo, que se deben avaliar os resultados de dita intervención.

Debemos traballar para que as persoas educadoras teñan espazos para aprehender a ser coeducadoras e desta maneira ter e manexar ferramentas coeducativas transformadoras, ademais de ser exemplo práctico (a mellor ferramenta coeducadora) dunha acción coeducadora transversal, integral e real comezando nas escolas e ata as universidades.

En definitiva, a organización deste novo curso de verán cun importante percorrido histórico, que se actualiza segundo demanda social con poñentes cun gran nivel de coñecemento da materia e mellor capacidade de comunicación, entendemos que desde as institucións educativas e políticas, temos a obriga moral e legal de formar á cidadanía para opoñerse a calquera proposta de calquera grupo que pretenda regulamentar, organizar e/ou regular aquilo que produce discriminación e violencia. Debemos abrir debates públicos e sociais que permitan desterrar tópicos sobre a violencia neoliberal baseada no sexo, e que permitan tomar conciencia da devastación persoal (física e psíquica, pero tamén social e política) que representa principalmente para as mulleres que a sofren, en primeiro grao e para todas as demais tamén, e que se visualicen estas actitudes e accións como un grave atentado contra os dereitos humanos.

É a nosa obriga formarnos e capacitarnos para crear e reclamar recursos educativos, sociais, laborais, económicos e lexislativos suficientes que permitan mellorar esta sociedade afectando a cada unha das diversas e diferentes persoas que convivimos nela. Familias e Escola, como principais axentes de socialización, así como Universidade e Administración, debemos tomar nota de todo isto e dotarnos, ao igual que o resto de axencias implicadas, de ferramentas eficaces para poñer o seu gran de area e contribuír, decididamente, ao cambio da realidade descrita.

 


OBXECTIVOS DO CURSO

  • Promover a participación e integración entre escola e comunidade a fin de desenvolver accións que permitan detectar os problemas educativos e sociais que lles afectan e aportar alternativas de solución que contribúan a mellorar a sociedade na que vivimos.

  • Facilitar o encontro de profesionais de distintos ámbitos de intervención relacionados coa igualdade de oportunidades, especialmente o profesorado, favorecendo o intercambio de experiencias e o aproveitamento de materiais e recursos diversos sobre as temáticas propostas.

  • Debater sobre a educación en igualdade nos ámbitos educativo e social, favorecendo unha reflexión sobre a igualdade como compromiso educativo e rachando os roles e estereotipos de xénero.

  • Incrementar a conciencia sobre as diferentes expresións de violencias machistas na sociedade e coñecer os recursos e medios para previlas e combatelas.

  • Facernos conscientes como persoas educadoras da normalización, mantemento e transmisión de valores sexistas e machistas nas aulas.

  • Mellorar as habilidades das persoas participantes para contribuír a fortalecer o seu protagonismo e as súas posibilidades de influír na comunidade.

  • Coñecer e analizar boas prácticas para o desenvolvemento de actuacións igualitarias na educación mediante a revisión das ferramentas habitualmente empregadas e a análise de novas propostas.

  • Incrementar o número de homes sensibilizados e que participan activamente a favor da igualdade de oportunidades.

  • Comprender a importancia da sensibilización para promover o cambio de mentalidades, actitudes e prácticas en relación cos procesos educativos que favorezan a comunicación igualitaria.

  • Abrir espazos de reflexión en torno ao sexismo que existe na comunicación humana, ofrecendo alternativas e proporcionando instrumentos para que, desde calquera ámbito, se potencie a utilización dunha linguaxe inclusiva e se trate a información desde parámetros non discriminatorios.

 

PÚBLICO AO QUE, PRIMORDIALMENTE , VAI DIRIXIDO

 

  • Alumnado universitario.
  • Profesorado en xeral.
  • Profesionais e persoal técnico que traballen en institucións públicas ou privadas e que queiran ampliar os seus coñecementos previos, ou incorporar por primeira vez a perspectiva de xénero e a igualdade de oportunidades na súa practica profesional ou no seu acervo de coñecementos.
  • Pedagogos/as e Psicopedagogos/as.
  • Orientadoras/es.
  • Educadoras/es Sociais.
  • Traballadoras/es Sociais.
  • Profesionais dos medios de comunicación.
  • Profesionais da Saúde.
  • Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
  • Community manager e profesionais da comunicación en Social Media.
  • Educadoras/es, ANPAs, Asociacións sociais e/ou culturais, Fundacións, ONGs, Partidos políticos, Sindicatos...