Doutora en Socioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e Licenciada pola Universidade da Coruña. Investigadora social especializada en violencia de xénero desde hai máis de dúas décadas, a súa traxectoria combina unha consolidada actividade académica, a intervención social e a transferencia de coñecemento con impacto institucional.
A súa tese doutoral foi distinguida co Primeiro Premio estatal a tese sobre violencia contra as mulleres (Delegación do Goberno, 2018), consolidando o seu perfil como investigadora de referencia no ámbito da trata sexual e a violencia de xénero en colectivos de especial vulnerabilidade.
Desde 2007 imparte docencia na Universidade de Vigo, onde actualmente exerce como profesora a tempo completo, con acreditación de Profesora Titular pola ANECA (25/03/2024) e un sexenio de investigación recoñecido para o período 2009-2016. Anteriormente, dirixiu durante seis anos a súa propia empresa de socioloxía aplicada (Rizoma social S.L) e coordinou, durante cinco anos, os programas de atención social a persoas en situación de prostitución na extinta Asociación feminista Alecrín. É cofundadora da Rede Galega contra Trata Sexual, integrada por ONG´s especializadas en atención a vítimas, plataforma que recibiu a Medalla Castelao (Xunta de Galicia, 2015) e o Premio Clara Campoamor (Concello de Ourense, 2020).
A título individual, foi recoñecida co Premio Meninas Galicia (Delegación do Goberno, 2023) polo seu compromiso na loita contra a violencia cara ás mulleres. Ademais, formou parte como vogal electa da Comisión de Coordinación fronte ao VIH/SIDA e outras ITS da Xunta de Galicia (2014–2015, 2019–2020) e da Comisión técnica sobre o tratamento da Violencia de Xénero no Consello de la Cultura Galega.
Dirixiu 9 proxectos de investigación e participado en 22 máis, moitos deles financiados por convocatorias competitivas nacionais e internacionais (como Erasmus+, Interreg ou Daphne III), nos que aplicou enfoques interdisciplinares en áreas como a prostitución, a saúde mental, a violencia institucional ou a igualdade. Tamén realizou estancias de investigación en centros internacionais de referencia en Brasil, Portugal e España.
Con máis de 40 publicacións científicas (17 libros e/ou monografías, 9 capítulos de libro, 14 artigos científicos e 1 reseña) e participación activa en congresos (máis de 40, dos cales 20 son internacionais), pertence a redes académicas como a RIIR (Rede Iberoamericana de Investigación en Imaxinarios e Representacións) e a RAIEPP (Rede Académica Internacional de Estudos sobre Prostitución e Pornografía) e máis recentemente, a RIAPD´s (Rede de investigación de atención primaria en adiccións) e iLingua (Instituto de investigación Lingua) da Universidade de Vigo. Avaliou artigos para unha decena de revistas especializadas e contribuíu, desde un enfoque feminista e crítico, á xeración de políticas públicas e ferramentas para a intervención profesional. O seu perfil integra a docencia transformadora, a investigación aplicada e o compromiso ético coa xustiza social.