- No vindeiro programa de visitas ao noso concello a empresa SyC-ITV xa contempla a prestación de servizo nesta nova unidade de Maceira, ademais das tres existentes de Anzo, Cercio e Vilatuxe
- Foi unha demanda solicitada polo goberno lalinense á empresa prestadora do servizo o amplialo, que demostra o bo traballo realizado polo executivo neste mandato
O concelleiro de Obras e Servizos, José Cuñarro Torres, indica que “a ITV móbil para vehículos agrícolas conta xa con nova estación móbil para zona de Maceira e a súa área de influencia que estará operativa de xeito inminente, tal como nos comunicara a comezos de mes a empresa SyC-ITV atendendo a unha petición unánime que lle fixemos a través de acordo plenario unánime que aprobamos con data 28.01.2022”.
Así, o edil delegado avanza que “no vindeiro cronograma de visitas previsto pola ITV móbil ao noso concello xa contempla a prestación de servizos na nova unidade móbil de Maceira”. Neste sentido detalla que a programación de visitas é a seguinte:
- Maceira (xunto ao centro social -dá servizo á zona de Maceira e área de influencia-): 14 de febreiro de 9 a 13.30 horas e de 15.15 a 18.00 h
- Anzo (xunto ao centro social): 9 de marzo, de 9 a 13.30 h e de 15.15 a 18 h
- Cercio (xunto ao centro social): do 10 ao 14 de marzo, en horario de 9 a 13.30 de 15.15 a 18 horas, agás o día 14 que será de 9 a 13.30 h
- Vilatuxe (xunto ao centro social): o 15 en horario de 9 a 13.30 e de 15.15 a 18 h e o 16 en horario de 9 a 13.30 horas
Para solicitar cita previa requírese chamar por teléfono ao 902 30 90 00 ou facelo a través da páxina web www.syctiv.com
Cuñarro sinala que “coa entrada en funcionamento desta nova unidade móbil en Maceira e zona de influencia daremos servizo a un conxunto de 300 gandeiros e agricultores nesta zona que tiñan a unidade máis próxima a uns 10 kms, unha zona que tamén se caracteriza por ter unha elevada carga gandeira e moita maquinaria agrícola”. “Esta nova unidade de Maceira súmase ás xa existentes de Anzo, Cercio e Vilatuxe coas que se garante a cobertura da práctica totalidade da poboación rural lalinense”, remarca.
O concelleiro subliña que “é unha satisfacción que a empresa que presta o servizo de inspección técnica de vehículos en Galicia atenda a unha demanda feita por este goberno que nos permitirá ofrecerlle un servizo máis completo aos veciños ao tempo que damos cumprimento á proposta do noso programa”.
Con esta resposta positiva por parte de SyC-ITV demóstrase o traballo que leva realizado o goberno lalinense neste mandato para conseguir a ampliación da ITV agrícola e para dar cobertura á práctica totalidade do noso rural. Un executivo que segue demostrando que está volcado co rural.
A nova ITV móbil de Maceira instalarase nun espazo chairo situado a carón do centro social da dita parroquia, un lugar idóneo para o seu emprazamento, e dará cobertura ás necesidades da veciñanza non só de Maceira senón tamén de toda a súa zona de influencia que abrangue un amplo radio de acción:
- as parroquias de Maceira, Castro de Cabras, Albarellos, Alemparte, Alperiz e Parada.
- os lugares de Os Porcallos, Santón e Palmaz na parroquia de Goiás.
- os núcleos de A Cabreira, Torguedo, Quintela, Celemín, Donfreán e Belelle na parroquia de Catasós.
- os lugares de Alfonselle e Lagazós en Lalín de Arriba.
- o lugar do Sixto en Dozón.