O alcalde de Lalín, e os concelleiros José Cuñarro e Carmen Canda, que realizaron unha visita a Gresande con motivo da inauguración das obras de saneamento que se acometeron nesta parroquia, explicaron aos veciños que o servizo xa está operativo e que teñen que tramitar a alta nas instalacións de Aquadeza
O alcalde de Lalín, José Crespo, o edil de Obras e Servizos, José Cuñarro, e a concelleira de Relacións Veciñais, Carmen Canda, desprazáronse á parroquia de Gresande onde se veñen de rematar as obras de dotación da rede de saneamento a esta parroquia, concretamente aos lugares de Gresande, Porreiros, Ínsua e Ramil, cun forte investimento do goberno que ascendeu a 519.645€ e que dará servizo aos 170 veciños destes lugares de 60 vivendas.
Nesta visita que realizaron con motivo da inauguración do servizo o alcalde explicou aos veciños presentes, uns corenta entre os que se atopaba a pedánea Raquel González, que o saneamento xa está operativo e que para comezar a desfrutalo terán que tramitar a pertinente alta nas instalacións de Aquadeza (rúa da Molinera, 24). Dáse así resposta da veciñanza na rolda de contactos mantida polo alcalde e concelleiros nos primeiros meses de mandato.
Con estas obras dótase deste servizo a catro lugares da parroquia, quedando unicamente pendente o lugar de Vales e algunha casa de Ínsua, co que a parroquia de Gresande está dotada de saneamento na súa maior parte. O goberno continúa deste xeito incrementando a cobertura deste servizo entre os veciños do rural.
Os traballos de dotación de saneamento a estes catro núcleos, Gresande, Porreiros, Ínsua e Ramil, supuxeron a canalización de 4.400 metros de canalizacións e a instalación de dúas depuradoras encargadas de filtrar e depurar as augas residuais, situadas en Ramil e Porreiros.
Coa suma deste novo servizo de saneamento os veciños de Gresande, Porreiros e Ínsua desfrutarán dos seis servizos básicos que equiparan o rural ao casco urbano lalinense, ao dispoñer de saneamento, traída municipal de auga, recollida de lixo, accesos asfaltados, internet e iluminación pública.