- Esta árbore, visitable e de 9 metros de altura, é unha das novidades das Aldeas de Nadal 2025-2026, que incorporan tamén a casa-obradoiro de Papá Noel e un amplo abano de actividades familiares
- Papá Noel e un amplo abano de actividades familiares
Onte presentouse a programación das Aldeas de Nadal 2025-2026, unha edición que destaca pola incorporación dunha Árbore de Nadal de madeira de 9 metros de altura, a máis alta de Galicia realizada con este material. Participaron na rolda de prensa a concelleira de Aldeas de Nadal, Karen Fernández; a tenente alcalde, Paz Pérez; o director artístico das Aldeas, Luchi Iglesias, e a secretaria técnica da AED, Chus García.
A estrutura, ideada polo director artístico, Luchi Iglesias, foi concibida como unha peza visitable que permitirá ao público acceder ao seu interior e desfrutar dunha experiencia inmersiva, nun proxecto singular e único. A concelleira de Aldeas de Nadal, Karen Fernández, subliñou que esta proposta representa “un paso adiante na forma de vivir o Nadal en Lalín, combinando creatividade e sostibilidade coa ilusión que caracteriza estas datas. Queremos que a xente sinta que aquí o Nadal se constrúe con agarimo, con madeira e con identidade propia”.
Xunto á árbore, unha das grandes novidades desta edición é a casa-obradoiro de Papá Noel, un espazo a tamaño real no que as familias poderán coñecer de preto a ambientación do universo do Nadal. A tenente alcalde, Paz Pérez, destacou que este proxecto “transcende o festivo e convértese nun motor de ilusión e de atracción turística durante o inverno”, ao tempo que puxo en valor o traballo do equipo municipal e das entidades colaboradoras. “As Aldeas de Nadal son un proxecto vivo, que medra cada ano e que converte Lalín nun destino familiar único. O noso obxectivo é que cada visitante marche coa sensación de ter vivido un Nadal diferente”, engadiu.
A programación, que se desenvolverá do 5 de decembro ao 6 de xaneiro, inclúe máis de 139 arcos iluminados, 45 farois, 30 obradoiros e unha ampla oferta de luces e decoración nas rúas e escaparates máxicos da vila. Entre as propostas destacan o tren turístico, as visitas de personaxes, os free tours, os contacontos, a maxia, os xogos tradicionais e diversas actividades temáticas distribuídas ao longo dos espazos das Aldeas de Nadal. Fernández salientou tamén “a importancia de crear contornas onde as familias se sintan protagonistas, onde a maxia non só se contemple, senón que se viva e se comparta”.
O Concello reforza tamén o espírito participativo e familiar coa presenza de postos artesáns, gastronomía local e espazos interactivos que ampliarán a oferta lúdica para visitantes de todas as idades. Ademais, programáronse actividades especiais durante as fins de semana, como obradoiros creativos, actuacións musicais, pasarrúas e espectáculos de animación, cunha aposta clara pola dinamización do comercio e da hostalería durante a campaña de Nadal. Neste sentido, a secretaria técnica da AED, Chus García, destacou que “as Aldeas de Nadal son un aliado fundamental para a actividade económica da vila. O aumento de visitantes reflíctese directamente no comercio e na hostalería, e por iso desde a AED consideramos clave apoiar esta iniciativa que pon en valor o noso tecido empresarial e atrae público de toda Galicia”.
Con esta nova edición, Lalín consolídase como un referente do Nadal no interior de Galicia e de España, cunha proposta cada vez máis innovadora, sostible e atractiva para o público galego e visitantes doutras comunidades. O Concello destaca que o impacto turístico e económico das Aldeas de Nadal é xa un feito contrastado, cun aumento continuado de visitantes e unha crecente proxección mediática que sitúa a localidade entre os destinos destacados destas datas.