Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
O CONCELLO ORGANIZA UNHA XORNADA INFORMATIVA SOBRE O SISTEMA DE PROTECCIÓN E O ACOLLEMENTO FAMILIAR EN COLABORACIÓN CON ACOUGO E XUNTA
  • Queremos dar un impulso a esta iniciativa de protección da infancia para que máis familias coñezan o sistema de acollida e desboten estereotipos”, destaca o concelleiro de Política Social e Infancia

 

  • A xornada contará con casos reais de acollemento e servizo de conciliación para facilitar a participación das familias interesadas

 

  • Animamos a toda a veciñanza a asistir, mesmo se nunca valorou ser familia acolledora, porque é unha oportunidade para coñecer casos reais e comprender como funciona este sistema”, subliña Souto

O Concello de Lalín, en colaboración coa Asociación galega de familias de acollida (ACOUGO) e coa Xunta de Galicia, organiza unha xornada informativa sobre o sistema de protección e o acollemento familiar o mércores, 10 de decembro. Así o anuncia o concelleiro de Política Social e Infancia, Avelino Souto, que explica que “desde o goberno, ante a preocupante situación que nos consta de que hai menores, incluso bebés, en situación de protección porque cada vez hai menos familias acolledoras, querémoslle dar un impulso a esta iniciativa de protección da infancia”. “Con este fin organizamos este encontro a fin de que o maior número de familias coñezan como funciona o sistema de acollida, vexan todas as axudas que hai e ao mesmo tempo poidan desbotar estereotipos e barreiras ao redor deste proceso”, remarca.

Souto fai fincapé en que “para nós é importante a organización desta xornada para que a xente coñeza o sistema de acollemento familiar e por iso animamos a toda a veciñanza a que asista; aínda que non tivera pensado acudir ou que nunca valorara ser familia acolledora recomendámoslle que veña a escoitar, xa que vai haber casos reais e do que se trata é de que coñezan como funciona este sistema”.

A charla informativa sobre o sistema de protección á infancia e o acollemento familiar promovida polo Concello, en colaboración con ACOUGO e a Xunta, terá lugar o 10 de decembro ás 19.30 horas no edificio sociocultural Manuel Rivero. O encontro contará coa presenza do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre, que participará na apertura institucional do encontro.

A sesión será impartida por unha pedagoga de ACOUGO, experta en intervención con familias, e por unha persoa acolledora con ampla experiencia no acollemento familiar, que achegarán unha visión profesional e vivencial sobre este recurso fundamental dentro do sistema de protección á infancia en Galicia.

Durante a charla abordarase:

Introdución ao funcionamento do sistema de protección á infancia en Galicia, con especial atención ao recurso de acollemento familiar como medida prioritaria para garantir o dereito das nenas, nenos e adolescentes a medrar en contornas familiares seguras.


• Dinámica interactiva para coñecer os diferentes axentes que interveñen no sistema de protección.


• Presentación de ACOUGO e do seu labor como asociación de familias acolledoras, así como os programas de apoio, acompañamento e sensibilización que desenvolve en todo o territorio galego.

Servizo de conciliación

Esta iniciativa inscríbese no marco das accións de colaboración entre o Concello de Lalín e ACOUGO, orientadas a implicar á comunidade, dar a coñecer o acollemento familiar e fortalecer a protección á infancia e á adolescencia no municipio. A actividade contará con servizo de conciliación, co obxectivo de facilitar a participación das familias interesadas.

 

km0