Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
A 17ª BIENAL PINTOR LAXEIRO “PAISAXES E SOMBRAS” SUPERA OS 2.000 VISITANTES CANDO AÍNDA RESTA UNHA SEMANA PARA A SÚA CLAUSURA

A 17ª BIENAL PINTOR LAXEIRO “PAISAXES E SOMBRAS” SUPERA OS 2.000 VISITANTES CANDO AÍNDA RESTA UNHA SEMANA PARA A SÚA CLAUSURA

O venres 3 de outubro inaugurouse a 17ª Bienal Pintor Laxeiro, que leva por título “Paisaxes e sombras”, comisariada por Manuel Quintana Martelo. Como se informou previamente, a exposición ofrece unha visión ampla e moi diferente sobre a paisaxe entendida nun sentido amplo, ofrecida por doce artistas que traballan técnicas moi diversas, dende a pintura, o debuxo, a escultura, a fotografía ou a instalación. Xa durante o primeiro mes, a afluencia de público en xeral e de escolares foi moi alta e durante este mes de novembro continuou esta actividade intensa no Museo Ramón María Aller Ulloa.

Como actividades centrais programáronse unha mesa redonda e presentación do catálogo, o pasado día 7 de novembro, actos que encheron o Museo de público interesado en afondar na bienal.

Na mesa redonda sobre a Bienal participaron o propio Manuel Quintana Martelo, artista, comisario da mostra e presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA); Mónica Alonso, artista e membro da RAGBA, Miguel Fernández-Cid, director do MARCO e crítico de arte e a concelleira de Cultura, Begoña Blanco.

Durante a mesa, houbo un interesante debate ao redor da proposta da Bienal nesta edición e dos puntos en común e diverxencias entre a produción dos artistas seleccionados. Houbo palabras para Laxeiro, para o grupo Atlántica, para a relevancia das relacións entre os artistas, e para a forma que temos os espectadores na actualidade de desfrutar e comprender a arte.

Falouse das diferenzas tan notorias entre as linguaxes plásticas dos diferentes artistas, tendo algúns un tratamento escuro, duro e case difícil da contorna e da paisaxe, con outros cun enfoque moito máis amable e luminoso. Tamén Mónica Alonso afondou no seu proceso creativo e na forma na que traballa as emocións, e o público participou con numerosas intervencións e consultas, dando pé a unha enriquecedora conversa sobre a arte na Bienal Pintor Laxeiro.

Púxose en valor o gran traballo dos artistas e do comisario, e gran acollida que está tendo entre as persoas que a visitan. Resaltar o gran interese que espertou a actividade, xa que o público encheu o Museo Ramón María Aller, quedándose a continuación á presentación do catálogo.

Relevancia de manter proxectos con proxección internacional en museos locais

A continuación da mesa redonda, tivo lugar a presentación do catálogo da Bienal, acto presidido polo alcalde José Crespo, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e polo comisario da mostra, Manuel Quintana. De novo indicouse a gran calidade da mostra, a relevancia de manter estes proxectos con proxección internacional en museos locais e honrouse a figura de Laxeiro con comentarios sobre a súa persoa. Mencionouse o bo facer da publicación, o necesario de manter publicacións físicas no tempo do dixital polo valor que aportan e recordouse que a próxima Bienal será na primavera do 2027.

Na presentación do catálogo estiveron, ademais dos mencionados anteriormente, o director do Marco, Miguel Fernández-Cid, Carlos García-Suárez Otero (neto de Laxeiro e secretario da Fundación Laxeiro), os artistas Bosco Caride Mónica Alonso, a concelleira de Cultura Begoña Blanco, outros concelleiros da Corporación, ademais de diverso público.

Visitas guiadas e participación nos obradoiros

Dende o inicio da exposición, máis dun millar de escolares acudiron a visitar a Bienal. Resaltamos a alta participación dos centros educativos da vila (CEIP Manuel Rivero, CEIP Xesús Golmar, IES Laxeiro e IES Ramón María Aller), que asistiron ás visitas guiadas e obradoiros. De entre os obradoiros, os que tiveron máis éxito foron o Laboratorio de sombras, Luz e cor e Corpo e volume.

Excursións programadas e visitas de particulares

A maiores, e xa no público adulto, outras 920 persoas acudiron á Bienal, entre as excursións programadas por axencias de viaxes e grupos de particulares. Visitárona colectivos de Nigrán, Pontevedra, A Guarda, A Coruña, Santiago, Ourense, Ames, aos que se suman visitantes individuais de Valencia, Oviedo, Ferrol, Vigo, así como de Portugal, Francia e Alemaña, por citar algunhas procedencias das que figuran na estatística, polo que a participación e afluencia de público está sendo moi notable, a falta de sumar os visitantes dos 10 días que restan ata a clausura da Bienal.

Visitas de familiares dos artistas

Nestes últimos días, acudiron a visitar “Paisaxes e sombras” familiares e persoas do círculo íntimo de Alfonso Galván e de Carmen Van Den Eynde, artistas que participan na exposición.

Próximas actividades

Durante os próximos días, está prevista unha visita e obradoiro dun grupo de infantil procedente de Lalín (pendente de determinar data), outra visita dun grupo do IES Ramón María Aller Ulloa o mércores 26 de novembro ás 20 h, a visita do grupo de Historia da Arte de Ategal o martes 25 ás 17.30 h, e un último grupo dun colectivo de Lalín o venres 28 ás 20 h.

Estes dous sábados 22 e 29 de novembro son as derradeiras oportunidades para participar nas visitas guiadas da mostra. E para o remate, está programada unha actividade final para o domingo 30 de novembro.

Desmontaxe o 1 de decembro

A exposición comezará a desmontarse o luns día 1 de decembro, tras semanas de moito movemento e unha gran acollida dos visitantes, que amosan a súa satisfacción coa proposta artística, pola magnífica calidade dos artistas presentes, con nomes de primeiro nivel internacional e enorme prestixio. Recordamos que na Bienal participa Paco Leiro (escultura), Jorge Martins (pintura), Susanne Themlitz (técnica mixta e pintura), Teresa Moro (debuxo), o propio Laxeiro (pintura), Elena Colmeiro (escultura), Alfonso Galván (pintura), Quintana Martelo (pintura e debuxo), Mónica Alonso (debuxo e instalación), Bosco Caride (pintura), Concha Martínez Barreto (pintura) e Carmen Van Den Eynde (fotografía).

 

km0