O CONCELLO DE LALÍN AVANZA NA INSTALACIÓN DO NOVO SISTEMA DE SANEAMENTO EN A LAMA, TAÍN E PENEDO (PARROQUIA DE DOADE)
O Concello de Lalín continúa avanzando nas obras de instalación do sistema de saneamento nos lugares de A Lama, Taín e Penedo, na parroquia de Doade. A actuación, que está a executar a empresa Prace, permitirá dotar deste servizo básico a estes núcleos de poboación, dando resposta a unha demanda da veciñanza. Nestes momentos estanse a realizar os traballos de enterramento das canalizacións principais, que conformarán a rede de colectores destinada a conducir as augas residuais cara ao sistema municipal de depuración. Esta fase inclúe a apertura de gabias, a colocación das tubaxes de PVC de alta resistencia e o posterior recheo e compactación do terreo para garantir a súa estabilidade a longo prazo.
O proxecto abrangue tamén a instalación de pozos de rexistro para facilitar as tarefas de mantemento e inspección, así como a creación das acometidas individuais que permitirán conectar cada vivenda á nova rede. A intervención supón unha mellora substancial na infraestrutura das parroquias rurais, contribuíndo á protección ambiental, á prevención de verteduras e á mellora das condicións sanitarias das vivendas. Ademais, a dispoñibilidade dun sistema de saneamento moderno e eficiente considérase un elemento clave para favorecer a fixación de poboación e o desenvolvemento sostible destes lugares.
AMPLIACIÓN DO SANEAMENTO
O Concello de Lalín destaca que esta actuación forma parte da estratexia municipal de ampliación e modernización das redes de saneamento nas parroquias, co obxectivo de equiparar servizos e mellorar a calidade de vida no ámbito rural. As obras continuarán durante as próximas semanas seguindo o calendario previsto e tratando de minimizar as molestias á veciñanza durante o seu desenvolvemento.