Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
LALÍN INAUGURA AS ALDEAS DE NADAL 2025-2026
  • A incesante chuvia non impediu unha apertura marcada pola iluminación, a música infantil, unha tirada de fogos artificiais e, sobre todo, pola ilusión dos nenos

Lalín abriu onte oficialmente as súas Aldeas de Nadal cun acto na Praza da Igrexa, onde a intensa chuvia non foi quen de restar emoción. Pequenos e maiores reuníronse arredor das casiñas para vivir a posta en marcha da sétima edición deste modelo diferenciador e sostible, xa convertido nun referente en Galicia polo seu carácter familiar, a súa estética acolledora e a capacidade de sorprender ano tras ano.

A inauguración incluíu a intervención dun coro infantil de Musicalín, que interpretou unha panxoliña ante o público, ademais dunha proxección audiovisual temática sobre a fachada da igrexa das Dores. A tirada de fogos artificiais, que iluminou o ceo entre a chuvia, foi un dos momentos máis agardados do acto.

Karen Fernández, concelleira de Aldeas de Nadal en Lalín, abriu as intervencións agradecendo o traballo realizado durante todo o ano polo equipo organizador e polos compañeiros da Corporación. Tamén destacou a importancia da colaboración colectiva para facer posible esta iniciativa, que xa é un referente en Galicia.

Durante o evento, o alcalde de Lalín, José Crespo, destacou o valor diferencial das Aldeas de Nadal como elemento dinamizador das festas e como espazo que permite recuperar a ilusión da infancia e aludiu ao binomio Aldeas-Cocido.

Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, puxo en valor o crecemento continuo das Aldeas de Nadal e o seu potencial para atraer visitantes ao municipio, reforzando a marca turística de Lalín mediante unha proposta que combina tradición, creatividade e participación comunitaria.

O programa completarase ata o 6 de xaneiro cun programa completo de actividades para as familias, visitas guiadas, a posta en marcha do tren turístico e novos espectáculos de luz e animación infantil, mercado artesán, ademais de con diversas sorpresas que se irán desvelando en próximos días.

O Concello anima a toda a veciñanza e visitantes a achegarse para gozar dunha experiencia única que xa forma parte da identidade da nosa identidade de Nadal.

km0