-
Así o avanza a concelleira de Sanidade, Noelia Seijas, que anuncia que “nas vindeiras semanas presentaremos en detalle o conxunto de todas as charlas que abrangue este terceiro ciclo que se estenderá ata xuño”
-
Destaca a excelente acollida que tiveron os dous ciclos precedentes e anima á veciñanza a participar na charla do vindeiro mércores 21
O doutor Javier González Barcala, médico especialista en Pneumoloxía do CHUS, líder do grupo IDIS (Investigación Traslacional das Enfermidades da Vía Aérea) e profesor titular de Pneumoloxía da USC será o primeiro médico especialista convidado que participará no III Ciclo de Conferencias sobre Saúde do Concello de Lalín. Así o desvela a concelleira de Sanidade, Noelia Seijas, que anuncia que o doutor González Barcala ofrecerá o vindeiro mércores, 21 de xaneiro, unha charla baixo o título “Vivimos do aire: que debemos saber das enfermidades respiratorias?”. A conferencia terá lugar no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero ás 20 horas da tarde, con carácter gratuíto e aberta ao público, como todas as desenvolvidas no marco deste ciclo de actividades municipal.
Seijas fai fincapé en que “esta será a primeira dun conxunto de cinco sesións en total que se desenvolverán ata o vindeiro mes de xuño no que teremos ocasión de escoitar os consellos de destacados profesionais”. “Nas vindeiras semanas presentaremos xa con nomes, datas e máis en detalle este III Ciclo de conferencias que estamos a ultimar e nas que xa podo avanzar que contaremos cun urólogo, cun fisioterapeuta doutor en neurociencia, cun médico especialista en cirurxía xeral e plástica e cunha alergóloga”, remarca.
A responsable municipal de Sanidade fai fincapé “na gran acollida que en edicións precedentes tivo este Ciclo por parte da veciñanza e agarda que continúe deste xeito, ao tempo que convida aos lalinenses e a quen o desexa a asistir á conferencia do doutor González Barcala o vindeiro mércores 21 de xaneiro”.
Javier González Barcala é médico especialista en Pneumoloxía, con acreditación para catedrático, con experiencia previa en medicina de urxencias, atención primaria e hospitalización a domicilio. Conta cunha intensa actividade docente como profesor de posgrao na South Wales University (Cardiff, Reino Unido), na Universidade San Pablo CEU (Madrid) e na Universidade Católica de Murcia.
É líder do grupo IDIS de Investigación Traslacional de Enfermidades da Vía Aérea e investigador principal en múltiples proxectos competitivos. Realizou unha estancia científica en Montpellier (Francia) e exerce como mentor de novos investigadores no marco da European Respiratory Society (ERS).
Ocupa o cargo de editor asociado (subdirector) da revista European Respiratory Journal Open Research, ademais de colaborar noutras publicacións científicas. Participou como autor en diversas normativas e guías de práctica clínica relacionadas coa incapacidade laboral, asma grave, enfermidades profesionais, utilidade clínica de cuestionarios e avaliación de novas tecnoloxías, en colaboración con SEPAR (Sociedad Española de Patología Respiratoria) e Avalia-T e Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
Conta con máis de 300 artigos e capítulos de libros publicados, dirixiu 15 teses doutorais e máis de 62 traballos de fin de grao. Foi recoñecido con diversos premios autonómicos e nacionais.
Ademais, actúa como avaliador de bolsas de investigación, artigos científicos e comunicacións para congresos nacionais e internacionais, tanto en SEPAR como na ERS.