- O recoñecido físico e divulgador, Medalla Galicia de Investigación é nomeado comendador pola súa traxectoria excepcional e pola estreita relación que mantén con Lalín desde hai anos
- O catedrático de electromagnetismo e único físico que ten sido recoñecido co Premio da Confederación de Sociedades Científicas de España, súmase ao elenco de comendadores desta edición, nos que xa están confirmados o cirurxián galego de prestixio internacional e pregoeiro da Feira, Diego González Rivas; o seleccionador de España de fútbol, Luis de la Fuente; a xornalista e escritora Irene Villa e o empresario lalinense Ramiro Mejuto á fronte dunha empresa referente no sector da refrixeración como Megodeza
O alcalde de Lalín, José Crespo, anunciou hoxe a incorporación do catedrático de electromagnetismo no departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e comunicador científico, Jorge Mira Pérez, á Encomenda do Cocido 2026, destacando “a súa traxectoria excepcional, o seu compromiso coa divulgación e o seu vínculo crecente con Lalín que se retrotrae a hai anos, coa participación en diversas iniciativas culturais, educativas e divulgativas”.
Mira conta cunha ampla carreira investigadora en múltiples disciplinas: desde a ciencia de materiais (con traballos co Premio Nobel John Goodenough); física matemática; dinámica de sistemas sociais; varias áreas de medicina, xeografía e enxeñerías eléctrica, química e civil. Así mesmo é cofundador dunha empresa de base tecnolóxica.
Ten sido recoñecido coa Medalla Galicia de Investigación 2022, nas áreas de física, matemática e ciencias da computación “pola orixinalidade e calidade da súa traxectoria científica, con notables contribucións a un gran abano de disciplinas”, segundo indicou o xurado.
Foi colaborador do Ministerio de Educación y Ciencia para a creación do Laboratorio Internacional Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga (INL), membro do comité de expertos do Goberno galego sobre a Covid-19 e membro da comisión de expertos do Goberno de España para a reforma da hora oficial. É presidente da Comisión Deontolóxica do Colexio Oficial de Físicos de España desde 2021.
Ademais, é un dos comunicadores científicos máis destacados do país, con máis de 25 anos de presenza en televisión, radio e prensa. Dirixe a colección de divulgación científica da editorial da USC, é escritor e tradutor de obras científicas e ten liderado múltiples accións de difusión, algunhas de gran formato como o Programa ConCiencia, desenvolto coa participación de Premios Nobel, que mereceu, entre outros, o Premio da Crítica de Galicia e o Premio da Cultura Galega na modalidade de proxección exterior.
Por esta faceta divulgativa ten sido recoñecido, entre outros, co Premio da Confederación de Sociedades Científicas de España á difusión da ciencia en 2023, sendo o único físico que o gañou nos últimos 20 anos de historia do galardón.
O alcalde salientou tamén que Mira encaixa cos valores e co espírito da Encomenda, tanto pola súa traxectoria e compromiso social como pola relación que mantén con Lalín desde hai anos, reforzada coa súa participación en diferentes iniciativas desenvoltas no noso municipio.
Cómpre recordar que en maio de 2025 Jorge Mira participou no II Ciclo de Conferencias de Saúde do Concello de Lalín, onde impartiu o 16 de maio a charla “Contaminación por gas radon: riscos e solucións” que espertou grande interese entre o público, reforzando así a súa relación co pobo e coa programación cultural e divulgativa municipal.
Con anterioridade ten desenvolto iniciativas diversas relacionadas en Lalín, entre elas, a presentación do libro “La ciencia en el punto de mira” e impartición de charlas para alumnado en maio de 2011 ou a organización dunha visita a Lalín do premio Nobel de Física británico Sir Anthony James Leggett, que veu acompañado de Mira, en marzo de 2013, para degustar un cocido e coñecer Lalín e a súa gastronomía. A relación de Mira con Lalín é continuada e mantense desde hai anos.
Con esta incorporación, a Encomenda do Cocido 2026 suma xa catro comendadores confirmados:
- Diego González Rivas, cirurxián torácico referente mundial e pregoeiro da 58ª Feira do Cocido.
- Luis de la Fuente, seleccionador nacional de fútbol.
- Irene Villa, escritora, psicóloga e referente en superación persoal.
- Ramiro Mejuto, empresario lalinense e responsable de Megodeza, empresa referente no sector do frío.