Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
HUTTOPIA PRESENTA NA CASA DE GALICIA EN MADRID O PROXECTO CAMIÑOS DE GALICIA COMO APOSTA ESTRATÉXICA POLO TURISMO SOSTIBLE, DE CALIDADE E SINÉRXICO CO TECIDO ECONÓMICO LOCAL
  • O alcalde José Crespo e o CEO de Huttopia, Michel Durrieu, poñen en valor a cooperación institucional e a xeración de sinerxías coa economía local
  • O complexo, pioneiro en Galicia, inaugurarase oficialmente a finais do mes de marzo

A Casa de Galicia en Madrid acolleu o acto institucional de presentación do proxecto Huttopia Lalín “Camiños de Galicia”, encabezado polo alcalde de Lalín, José Crespo, e polo CEO de Huttopia, Michel Durrieu, nun encontro que reuniu a responsables institucionais, representantes do sector turístico e directivos da compañía a nivel internacional.

No acto estiveron presentes directivos de Huttopia, o ministro de Turismo da provincia de Misiones (Arxentina), José María Arrúa; o secretario executivo da Organización Mundial do Turismo para as Américas, Gustavo Santos; o alcalde de Navalafuente (Comunidade de Madrid), Javier Rubio; así como Stéphane Duc, presidente do consello de administración de Huttopia. O evento comezou cun minuto de silencio, seguido dunha intervención inicial a cargo de Luis Ramos que agradeceu a elección do edificio da Xunta en Madrid para unha presentación singular.

Durante a súa intervención, o alcalde de Lalín explicou que o proxecto comezou a tomar forma no ano 2020, no marco da feira internacional Fitur, coincidindo co recoñecemento de Lalín como Festa de Interese Turístico Internacional, momento no que se produciu o primeiro contacto con Huttopia a través de Michel Durrieu. José Crespo subliñou que “Huttopia era un proxecto necesario para Lalín e para Galicia, xa que supón unha un salto de calidade para Lalín e unha mellora cualitativa da oferta turística galega”.

O rexedor destacou o carácter innovador do modelo Huttopia en Galicia e, en boa medida, no conxunto do Estado, circunstancia que implicou un proceso administrativo complexo que puido resolverse “nun prazo récord”, permitindo avanzar con axilidade na materialización do proxecto. Neste sentido, indicou que a inauguración oficial do complexo terá lugar a finais do mes de marzo.

Crespo amosou a súa satisfacción polo elevado nivel de implicación de tódolos niveis empresa no desenvolvemento do proxecto e agradeceu expresamente “a estratexia de Huttopia de integrar a súa actividade coa economía local, promovendo que os visitantes consuman nos establecementos comerciais, hostaleiros e de servizos de Lalín, xerando sinerxías positivas para o conxunto do territorio”.

O alcalde precisou que a fase piloto realizada no mes de agosto tivo un carácter exclusivamente interno, orientado á comprobación técnica e ao correcto funcionamento das instalacións por parte da empresa, e indicou que o Concello confía en que o complexo poida iniciar a súa actividade a pleno rendemento tras a inauguración oficial.

Pola súa banda, o CEO de Huttopia, Michel Durrieu, agradeceu “a acollida recibida en Galicia e as facilidades proporcionadas polas administracións públicas”, sinalando que a empresa procuraba “un territorio, unha contorna e unha comunidade implicada co proxecto”, condicións que, segundo afirmou, se deron en Lalín. Durrieu puxo en valor a localización do municipio, a súa relación co Camiño de Santiago, a gastronomía e o compromiso institucional demostrado desde o inicio.

Durrieu explicou que Huttopia conta actualmente con 180 destinos distribuídos en nove países, con arredor de 200 establecementos, e anunciou que o seguinte proxecto da compañía abrirase en Arxentina, na área próxima a Bos Aires. Definiu o modelo Huttopia como unha alternativa ao turismo de todo incluído, ao ofrecer espazos para o descanso mentres fomenta o gasto dos visitantes no propio territorio, favorecendo así a economía local e mellorando a experiencia para os visitantes.

O complexo Huttopia Lalín aséntase nun espazo natural de 16 hectáreas, cun deseño que prioriza a integración paisaxística. Na súa fase actual dispón xa de 46 aloxamentos de madeira, cunha capacidade aproximada para 300 persoas, ademais de tendas de campaña, parcelas destinadas a tendas de campaña dos usuarios, autocaravanas e caravanas. Nunha segunda fase, o proxecto prevé a ampliación ata os 79 aloxamentos de madeira. As instalacións están orientadas para optimizar as vistas e a relación coa contorna natural, seguindo o principio de adaptación ao medio.

Finalmente, Durrieu indicou que serán necesarios “dous ou tres anos para acadar o ritmo normal de funcionamento”, destacando que as avaliacións técnicas realizadas durante a fase interna de comprobación foron moi satisfactorias, especialmente no que respecta á integración do proxecto coa contorna de Lalín e ao potencial de desenvolvemento turístico do municipio.

km0