- Pódese visitar ata o 28 de marzo no Museo Municipal “Ramón Mª Aller”
A exposición central da 58ª Feira do Cocido, “Antón Sobral: o silencio da mar”, comisariada por Antón Castro, e que foi inaugurada o pasado venres 16 de xaneiro, comeza a recibir as primeiras visitas grupais.
A primeira visita será esta tarde, ás 17.30 horas por parte do grupo de alumnado de Historia da Arte de ATEGAL, unhas corenta persoas. (Finalmente non poderá guiar a visita o artista Antón Sobral por atoparse con gripe).
Ademais xa están concretadas as visitas de varios grupos para as seguintes datas:
- Martes 27 de xaneiro: 18.30 h grupo La Toja Travel (Culleredo). 50 persoas.
- Venres 6 de febreiro. 18.30 h aprox. Visita institucional dun grupo de Escaldes. 36 persoas acompañadas por autoridades locais.
- Sábado 21 de febreiro. A partir das 10.30 h. Un grupo de 50 persoas de A Coruña.
- Sábado 28 de febreiro, a partir das 11 h. Un grupo dunhas 200 persoas procedentes dunha xuntanza da Garda Civil. Distribuiranse en dúas quendas duns 45 minutos por grupo.
Esta exposición presenta unha escolma de vinte e cinco obras realizadas polo artista multifacético marinense entre comezos do século XXI ata a actualidade, seleccionadas polo propio artista, todas con temática mariña. Antón Castro, crítico de arte e bo coñecedor da obra do autor da 58ª exposición do Cocido sinala que “en Sobral a mar non é un motivo pictórico, senón unha maneira de entender o mundo”.
O percorrido inclúe pezas das súas series “Océano Sobral”, caracterizadas polas tonalidades azuis escuras; “Maruxía”, onde emerxen cores máis luminosas e matices rosados, e “Xerfas”, que nos mergullan no fondo mariño a través de gamas cromáticas vibrantes e mesmo fluorescentes.
Completan a mostra unha variedade de mares diversos, vistas de obras onde as illas Ons ou Cíes son protagonistas -cun sentido de horizontalidade que produce sensacións de calma e acougo- e tamén obras onde se mesturan paisaxes nus e poesías, así como paisaxes efémeras onde se pode apreciar o paso acelerado do tempo. A mostra revela a evolución estética e emocional de Sobral, para quen o mar é un territorio íntimo, un espazo onde a memoria, a luz e o silencio dialogan.
A relación con Lalín
A conexión do artista con Lalín remóntase á década de 2010, cando participou con frecuencia nas actividades da Asociación Cultural A Tarabela, en Donramiro. A través desta entidade, Sobral estreitou lazos coa comunidade artística local e co Museo de Lalín.
O artista expresa no seu testemuño a “gran admiración por un pobo cunha profunda tradición artística” na terra de Laxeiro, do que “fun amigo e participei na creación da Fundación Laxeiro”.
Artista multidisciplinar e referente cultural
Antón Sobral é un artista multidisciplinar: pintor, fotógrafo, poeta, conferenciante, comisario de arte e activista cultural. Desde o ano 1968 realizou máis de trescentas mostras en toda Galicia. A partir de 1995 comeza a expoñer fóra de Galicia. Ten amosado a súa obra en Milán, Viena, La Habana, Nova York, Múnic, París e en moitas cidades europeas.
Mostras con carácter solidario
Organiza moitas mostras de solidariedade para recadar cartos para os pobos de países como Cuba, Haití, Palestina, a India a través de ONGs como Save the Children, Cáritas, Unicef, Fundación Vicente Ferrer, Proxecto Home e moitas máis.
Comisaría intercambios de artistas galegos con importantes colectivos de artistas de outros países como Nicaragua, Cuba, Baviera, Portugal, Francia, etc.
Tamén, desde fai vinte anos organiza encontros de Arte e Natureza en pequenas vilas como Faro Lariño, Illa de Arousa, Allariz, Rianxo, Forcarei, Camelle ou no Castelo de Soutomaior.
Participou durante máis de cincuenta anos activamente en asociacións culturais como O Ateneo Santa Cecilia de Marín, Asociación Cultural O Galo de Santiago e O Ateneo de Pontevedra. Aproximadamente máis de 2.000 actividades como conferencias, viaxes, foros de debate, recitais musicais ou de poesía. No 2025 recupera e coordina a 32 Bienal de Arte de Pontevedra.
Ao longo de cinco décadas, Sobral consolidouse tamén como xestor e activista cultural, impulsando encontros, proxectos e colectivos que contribuíron a estender a creación galega máis alá das fronteiras. Esta dimensión creadora e xenerosa está presente na mostra, que recolle a evolución da súa pintura e a forza do seu diálogo co mar.