- Crespo defende que “as Aldeas de Nadal son unha ferramenta estratéxica de desenvolvemento local que transformou o Nadal en Lalín nun motor económico, social e turístico”
- O alcalde destacou que o proxecto avanza cara á internacionalización mediante cooperación europea, reforzando o papel de Lalín como modelo de tradición e innovación, xerando un impacto real e duradeiro no territorio
O Concello de Lalín presentou hoxe en Fitur, nun stand de Galicia abarrotado, o proxecto das Aldeas de Nadal, seguindo un protocolo no que o xerente do GDR Terras de Pontevedra Norte, Ramiro Ruibal, introduciu os alcaldes participantes. O alcalde de Lalín, José Crespo, explicou o modelo de Nadal do Deza, e o rexedor da Estrada, Gonzalo Louzao, pechou o acto cunha intervención sobre a Ruta da Sidra.
Crespo comezou a súa intervención destacando que as Aldeas de Nadal son moito máis ca un evento navideño, constituíndose como “unha auténtica ferramenta estratéxica de desenvolvemento local, que transformou o Nadal en Lalín nun motor económico, social e turístico”.
Explicou que o proxecto naceu no ano 2019 como unha experiencia piloto con cinco casetas artesanais e foi medrando de maneira planificada ata consolidarse en oito aldeas temáticas, que converten o casco urbano nun destino de referencia do Nadal en Galicia. Esta iniciativa enmárcase no programa LEADER e está aliñada cos obxectivos europeos de desenvolvemento comunitario.
Un modelo experiencial e inmersivo
O alcalde lalinense subliñou que “un dos piares do éxito do modelo é o seu enfoque experiencial, especialmente dirixido á infancia. As Aldeas de Nadal propoñen unha vivencia inmersiva na que o visitante non se limita a observar, senón que participa activamente en espazos interactivos que combinan tradición galega —artesanía, música, gastronomía e oralidade— con elementos innovadores, xerando unha experiencia diferenciada que aumenta o tempo de estancia e favorece a repetición das visitas”.
Impacto territorial e dinamización económica
“Desde o punto de vista territorial, a distribución estratéxica das aldeas por todo o casco urbano garante un impacto equilibrado, incentivando o percorrido da vila no seu conxunto e beneficiando ao comercio e á hostalaría de distintas zonas”, explicou Crespo. “O tren turístico reforza esta dinámica, mellorando a accesibilidade e funcionando tamén como unha experiencia complementaria, cun rexistro de milleiros de usuarios nun curto período de tempo”, remarcou.
Resultados económicos que avalan o modelo
Crespo fixo fincapé en que “os resultados económicos avalan o proxecto: na edición 2025-2026 acadáronse arredor de 96.000 visitantes, con incrementos de vendas no comercio local próximos ao 30 % e unha ocupación hostaleira próxima ao 100 % durante as fins de semana”.
A estes datos súmase unha elevada implicación do tecido local, cun crecemento constante de comercios e establecementos participantes e unha forte resposta social, reflexo dun proxecto sentido como propio pola cidadanía.
Sustentabilidade, continuidade e proxección exterior
“As Aldeas de Nadal constitúen tamén un modelo sostible e replicable, baseado na reutilización de infraestruturas e materiais, o que permite crecer sen comprometer a sustentabilidade ambiental nin económica. O interese doutras localidades por aplicar formatos semellantes confirma a solidez da iniciativa”, sinalou.
Por último, o rexedor lalinense avanzou que “na súa fase actual, o proxecto avanza cara á internacionalización a través da cooperación europea, reforzando o posicionamento de Lalín como exemplo de que tradición, innovación e comunidade poden xerar un impacto real e duradeiro no territorio”.
Á presentación asistiu o presidente da Deputación, Luis López Diéguez; a tenente alcalde de Lalín, Paz Pérez; e as concelleiras Karen Fernández (Aldeas de Nadal) e Raquel Lorenzo (Medio Ambiente), entre outros representantes institucionais e do sector turístico, que encheron o stand de Galicia.