Desenvolverase a partir das 11.00 h nesta casa fidalga, situada na parroquia de Vilanova, un inmoble de titularidade municipal, idóneo para acoller este evento identitario
Esta celebración comunitaria ligada á Feira do Cocido está promovida pola área Vía da Prata conformada polas parroquias de Botos, Donsión, A Xesta e Vilanova, e nos anos seguintes realizarase de xeito rotatorio entre as oito áreas parroquiais lalinenses existentes, o que constitúe unha das novidades desta celebración
Traballarán conxuntamente os pedáneos e veciños de Botos, Donsión, A Xesta e Vilanova baixo a denominación común de área parroquial Vía da Prata, en coordinación co concelleiro de Festas e de zona, José Cuñarro
Incluirá recreación escenificada da matanza, degustación de produtos típicos da mata, mostra de oficios tradicionais e actuacións musicais
A escenificación dunha antiga aula de escola dentro da casona constituirá un atractivo importante desta edición, que incorpora tamén como novidade o descubrimento dun fito conmemorativo da Matanza, realizado en granito, que deixará constancia da edición e do lugar da celebración
A XXVI Matanza Tradicional do Porco celebrarase o vindeiro domingo, 25 de xaneiro, na casona de Mouriscade, nunha edición histórica ao ser a primeira organizada por unha área parroquial: Vía da Prata, conformada polas parroquias de Botos, Donsión, A Xesta e Vilanova. Esta novidade responde á aposta do goberno municipal de potenciar as áreas parroquias co fin de descentralizar e achegar servizos á veciñanza, e ten lugar logo do sorteo realizado no Concello o pasado 10 de decembro en presenza dos pedáneos das oito áreas parroquiais lalinenses.
A rotación continuará nos vindeiros anos, seguindo coa novidade introducida nesta edición: deste xeito, a área parroquial Val do Arnego organizará a Matanza en 2027; Val do Deza en 2028; Entre Ríos en 2029; A Balouta en 2030; Alto de Vales en 2031; Val do Boi en 2032 e Carrio Sur en 2033.
Nestes días, pedáneos e veciños das catro parroquias que abranguen Vía da Prata traballan conxuntamente, coordinados polo concelleiro de Festas e de zona, José Cuñarro, nos derradeiros preparativos da recreación escenificada da Matanza do vindeiro domingo.
En total máis de 150 persoas participan na organización, distribuídas en grupos encargados da coordinación das tarefas da Matanza; outro da realización das sobremesas tradicionais; da realización dos traballos de acondicionamento dentro da casona; da coordinación dos traballos artesanais e da repartición dos produtos típicos da Matanza e dos postres entre o público asistente.
Porcos nas antigas porqueiras
Cuñarro supervisou estes días os traballos de limpeza e desbroce que, no lugar, está desenvolvendo a brigada de Obras do Concello, próximos a rematar. O concelleiro sinala que a casona de Mouriscade está totalmente preparada para acoller a Matanza: o forno tradicional cocerá pan como antigamente e no interior poderá visitarse unha antiga aula escolar recreada, con pupitres como os de antano, un dos atractivos desta edición. Tamén haberá algún exemplar de porco galego nas antigas porqueiras, situadas na parte de abaixo da casona.
A casona é un exemplo destacado de arquitectura señorial rural no municipio de Lalín, composta de cantería de granito e que ten elementos funcionais como balconadas, escaleiras exteriores e dependencias anexas para usos agrícolas (hórreo, capela, forno e unha cociña tradicional da aldea con cociña económica e lareira no mesmo habitáculo). É unha mostra dunha casa fidalga, ligada a unha explotación agrícola que, como outras grandes casas da época, cumpría unha dobre función: residencial como vivenda principal de familia propietaria e produtiva como centro xestións de terras e bens.
Este inmoble actualmente é de titularidade municipal, xunto a outros en desuso vinculados á finca de Mouriscade, desde que en agosto de 2024 a Deputación llos cedeu ao Concello, un trámite que se asinou ante notario. Como nota destacada, cómpre indicar que este ano se cumpren vinte anos que se fixera a Matanza nese mesmo lugar, organizada polas parroquias de Doade e Vilanova (ano 2006).
O porco será un exemplar de raza lalaína, “Toñito” e Santiago da Xesta o matachín. Ademais tamén estará presente “Lalaina”, unha porca de 370 quilogramos, que se paseará pola Matanza da man do seu dono, e que tamén participará no desfile da 58ª Feira do Cocido.
A celebración da Matanza estará narrada e comentada polo xornalista de Radio Lalín, Gúmer Portas, e polo Cronista Oficial de Lalín, Daniel González Alén, que achegarán aos visitantes aspectos historiográficos, etnográficos, culturais e mesmo anecdóticos ao redor deste evento que está tan enraizado nas identidade local.
O programa inclúe tamén unha mostra de oficios tradicionais, música en vivo (Os Trasnos de Doade durante a Matanza e un dúo musical e un disc-jóckey na sesión da tarde) e degustación de produtos típicos do porco.
O aparcamento estará debidamente sinalizado cara ao club hípico, estando prohibido o aparcamento do lado da casona.
Como novidade, ao remate, descubrirase un fito conmemorativo do evento, realizado en granito, que deixará constancia da edición e do lugar da celebración.
Programa horario (aproximado)
11.00. Inicio da recreación da Matanza.
11.30 a 13 h. Mostra de oficios tradicionais.
13 h. Remate das tarefas de recreación da Matanza.
13 a 13.30 h. Pausa para facilitar que a xente se desprace ata a carpa situada no Laboratorio de Mouriscade.
A partir das 13.30 (na carpa): Degustación de produtos típicos do porco: panceta, chourizo, costela, pan, viño e auga (instalacións do Laboratorio de Mouriscade).
O Concello de Lalín convida a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta celebración colectiva, un dos eventos identitarios máis arraigados da programación da Feira do Cocido que este ano estrea organización por parte dunha área parroquial: Vía da Prata.
Coordenadas casona de Mouriscade:
https://maps.app.goo.gl/1sYgHZfwK3ikjzmf8