Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
A 26ª MATANZA TRADICIONAL DO PORCO INAUGURA ETAPA COA PRIMEIRA EDICIÓN ORGANIZADA POR UNHA ÁREA PARROQUIAL, VÍA DA PRATA
  • A recreación deste evento identitario ligado á Feira do Cocido contou con máis de 150 persoas traballando na organización, mostra de oficios e cunha destacada afluencia de público malia a que o tempo non acompañou

 

  • Este ano incorporou tamén como novidades o descubrimento dun fito conmemorativo en granito con forma de porco que deixa constancia do evento e a recreación dunha antiga aula escolar no interior da casona de Mouriscade

A XXVI Matanza Tradicional do Porco, celebrada hoxe na casona de Mouriscade, contou cunha destacada participación de veciños e visitantes nunha edición histórica ao ser a primeira organizada por unha área parroquial, Vía da Prata, integrada polas parroquias de Botos, Donsión, A Xesta e Vilanova, no marco da programación da 58ª Feira do Cocido.

A xornada desenvolveuse desde primeira hora da mañá nun ambiente festivo e de convivencia, malia as condicións meteorolóxicas, e puxo en valor unha das celebracións máis identitarias da cultura tradicional lalinense e galega.

O evento estivo organizado conxuntamente polos pedáneos e veciñanza das catro parroquias da área Vía da Prata, en coordinación co Concello de Lalín a través do concelleiro de Festas e de zona, José Cuñarro, e contou coa implicación de máis de 150 persoas que traballaron na organización do evento, nos distintos ámbitos, desde a recreación da Matanza aos traballos propios do sacrificio tradicional do porco, a elaboración de produtos típicos, sobremesas caseiras ou a atención ao público asistente.

A recreación da Matanza deu comezo preto das 11 horas coa interpretación de pezas musicais tradicionais a cargo de Os Trasnos de Doade, para continuar cos traballos escenificados propios desta celebración ancestral, que foron narrados e comentados en directo polo xornalista de Radio Lalín, Gúmer Portas, e polo cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén, achegando aos asistentes explicacións de carácter historiográfico, etnográfico, cultural e anecdótico arredor dun evento profundamente arraigado na identidade local.

O alcalde de Lalín, José Crespo, felicitou aos pedáneos da área parroquial Vía da Prata (Luis Rodríguez Rozas de Botos; Antonio Pereiro Estévez de Donsión; Gumersindo Ferradás López da Xesta e Manuel García Gómez de Vilanova) e aos veciños que axudaron na organización desta 26ª Matanza baixo a coordinación do edil José Cuñarro, destacando o carácter histórico desta edición ao ser a primeira organizada baixo este novo modelo parroquial, así como o esforzo colectivo realizado por manter vivas as tradicións de antano. Tamén agradeceu a Gúmer Portas e a Daniel González Alén a narración do evento, e á Xunta e a Deputación polo apoio que brindan para as distintas actividades da Feira do Cocido.

O porco foi un exemplar de raza lalaína, “Toñito”, cun peso de 200 quilos, e Santiago da Xesta, o matachín. Ademais tamén estivo presente “Lalaina”, unha porca de 370 quilogramos que se paseou pola Matanza da man do seu dono, e que tamén participará no desfile da 58ª Feira do Cocido. Tamén se puido ver algún exemplar de porco galego nas antigas porqueiras, situadas na parte de abaixo da casona.

Oficios tradicionais e cantares de cego

Durante toda a mañá desenvolveuse tamén unha mostra de oficios tradicionais, que sumou un atractivo máis ao evento con presenza así como a cocción de pan nun forno tradicional, que posteriormente se deu a degustar entre o público asistente xunto con outros produtos típicos. Esta edición contou tamén con cantares de cego. Tamén na sesión da tarde houbo música a cargo dun dúo musical e dun DJ.

A casona de Mouriscade é un exemplo destacado de arquitectura señorial rural no municipio de Lalín, composta de cantería de granito e con elementos funcionais como balconadas, escaleiras exteriores e dependencias anexas para usos agrícolas (hórreo, capela, forno e unha cociña tradicional da aldea con cociña económica e lareira no mesmo habitáculo). Trátase dunha casa fidalga ligada a unha explotación agrícola que cumpría unha dobre función, residencial e produtiva.

Como un dos atractivos singulares desta edición, no interior do inmoble puido visitarse unha antiga aula escolar recreada, equipada con pupitres e material didáctico de época, que espertou un notable interese entre os asistentes.

Este inmoble actualmente é de titularidade municipal, xunto a outros en desuso vinculados á finca de Mouriscade, desde que en agosto de 2024 a Deputación llos cedeu ao Concello, un trámite que se asinou ante notario. Como nota destacada, cómpre indicar que este ano se cumpren vinte anos que se fixera a Matanza nese mesmo lugar, organizada polas parroquias de Doade e Vilanova (ano 2006).

Como novidade desta XXVI edición, ao remate da xornada procedeuse ao descubrimento dun fito conmemorativo en granito, que deixa constancia da edición e do lugar da celebración da Matanza Tradicional do Porco.

Asistiron ademais do alcalde; a deputada provincial Belén Cachafeiro; o director territorial de Medio Rural, e unha destacada representación de concelleiros.

A xornada pechou cunha degustación de produtos típicos nunha carpa situada ao lado do Laboratorio de Mouriscade, nun ambiente de convivencia e posta en valor das tradicións locais, consolidando a Matanza Tradicional como un dos actos máis emblemáticos da Feira do Cocido. O ano que vén tocaralle organizar a Matanza a área parroquial Val do Arnego.

 

km0