- Alcalde e concelleira de Turismo mantiveron o venres á tarde un encontro de traballo ao que foron convidados todos os negocios colaboradores con esta iniciativa
- Tras o Entroido celebrarase unha nova xuntanza para consensuar os requisitos do selo de calidade
- O Cocido de Nova York celebrarase en abril con cociñeiros voluntarios de Lalín e sen custo para o Concello; os restauradores que estean interesados en participar deberán comunicalo telefonicamente ao alcalde
- Un coidado especial aos patrocinadores e a posibilidade de cambiar a data da Feira, entre os asuntos que tamén se puxeron enriba da mesa
O alcalde de Lalín, José Crespo, e a concelleira de Turismo, Begoña Blanco, mantiveron na tarde do venres un encontro de traballo cos restaurantes participantes no 28º Mes do Cocido así como cos establecementos colaboradores, para agradecerlles o seu decisivo apoio á continuidade desta iniciativa que cada vez vai a máis e, ao mesmo tempo, reforzar sinerxías que permitan avanzar cara á excelencia do cocido que se serve e á calidade dos produtos que o conforman, no marco do compromiso de calidade ao que están adheridos.
Crespo avanzou que tras o Entroido se celebrará unha reunión para ultimar aspectos do selo de calidade, para consensualo entre todos e garantir que aqueles que non reúnan os requisitos establecidos non poidan pertencer a esa marca. Tamén plantexou aos hostaleiros a posibilidade de incorporar nas súas cartas un “cocido premium”, unha proposta diferenciada e de calidade suprema que se ofrecería a un prezo superior.
Ademais de incidir na calidade do cocido, abordouse o especial coidado que se debe dar aos patrocinadores da Feira do Cocido e aos produtores que colaboran coa cita gastronómica. Neste sentido, indicouse que debería propoñerse “Ponte da Boga”, viño patrocinador da Feira, como viño recomendado para o Cocido 2026.
Así mesmo informouse do programa de actividades vinculado á Feira do Cocido nesta edición e do Cocido de Nova York. Tamén se expuxo a posibilidade de valorar no futuro un cambio de data da Feira para comezos de marzo coa fin de evitar que cadre tan preto do Nadal (como sucede este ano, que cae a 8 de febreiro, e o vindeiro, a 31 de xaneiro). Ofrecéuselles igualmente a opción de que adquiran algún porco da Lalín Pork Art para exhibilo diante dos seus negocios.
En relación co Cocido de Nova York, o alcalde explicoulles que esta celebración xorde da petición realizada polo lalinense José Gil, responsable da Casa de Galicia situada no barrio de Queens, que se vai xubilar e quere que se celebre un Cocido de Lalín alí, que terá lugar a finais de abril, e que non suporá custo para o Concello. Ao respecto o rexedor precisou que será elaborado por cociñeiros de Lalín e neste sentido avanzou que se están a buscar voluntarios, polo que os hostaleiros interesados deberán poñerse en contacto telefónico co alcalde para propoñerllo.
Crespo fixo fincapé na defensa do cocido porque “iso é defender os nosos negocios e os nosos produtos, non é defender ao Concello de Lalín, senón que é defender a nosa marca”. Recalcou que “fora de Lalín somos a san envexa dos concellos porque somos un concello con moita programación e dinamismo e iso ten unha repercusión moi positiva tanto na hostalería como nos negocios”.
O encontro, ao que foron convidados todos os establecementos colaboradores no Mes do Cocido, destacou pola boa receptividade dos participantes.
| |