A degustación no stand de varios GDR galegos reuniu á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, ao alcalde José Crespo e a representantes dos produtores
- Álex Iglesias preparou elaboracións con produtos do Cocido e queixo de Lalín, con Embutidos Lalinenses, pan Da Morena e viño Ponte da Boga
A Feira do Cocido de Lalín sumou este martes unha nova parada da súa campaña de promoción coa presentación celebrada en Madrid Fusión, no stand de varios dos GDRs, cunha degustación aberta que reuniu numeroso público e representación institucional e do medio rural galego.
No acto participaron a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o alcalde de Lalín, José Crespo, xunto con varios alcaldes e representantes de distintos GDRs de Galicia. Tamén estivo presente Martín Alemparte Vidal, actual director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL).
A degustación estivo a cargo do cociñeiro Álex Iglesias, que elaborou diversas preparacións a partir de produtos do Cocido e tamén queixo de Lalín, poñendo en valor a versatilidade e a calidade do produto local. As elaboracións realizáronse con ingredientes de Embutidos Lalinense, pan da panadaría Da Morena e viño Ponte da Boga.
Esta cita en Madrid supón unha nova presentación da Feira do Cocido tras as xa realizadas en Lalín, Fitur e Oviedo, e despois da última acción promocional desenvolvida o luns no Centro de Hostalería de Galicia. A actividade enmárcase no calendario previo ás grandes convocatorias do municipio, ás portas da fin de semana de celebración da Feira do Mel, e como antesala dun dos eventos gastronómicos máis emblemáticos de Galicia.